O BNG lanza a precampaña das cidades en Pontevedra para "demostrar que temos un modelo urbano de éxito"

Pontón, no encontro en Pontevedra cos cabezas de lista do BNG nas cidades CC-BY-NC-SA BNG

Os resultados nas sete principais cidades do país son sempre un dos puntos clave á hora de analizar os éxitos e fracasos das forzas políticas galegas nas eleccións municipais. No ano 2015 o BNG transitou entre a decepción de ficar fóra das corporacións de Vigo e Ourense, o alivio de manterse en Lugo ou Santiago e a ledicia da consolidación en Pontevedra, cun crecemento de case tres puntos e un edil máis que deixou o equipo de Miguel Anxo Fernández Lores ao bordo da maioría absoluta. A cidade do Lérez, onde ostenta a alcaldía dende 1999, foi elixida este martes polo Bloque para lanzar simbolicamente a súa precampaña urbana. Pontevedra, di Ana Pontón, é a mostra de que a formación é quen de desenvolver "un modelo urbano de éxito".

"Temos un modelo que é envexa de moitas e moitos e que pode ser aplicado en todas as cidades galegas", defende a líder do Bloque en Pontevedra

No primeiro encontro público entre Pontón e as persoas que aspirarán á alcaldía nas sete cidades, con Lores como anfitrión, a portavoz nacional do BNG anima a ollar cara a Pontevedra. Tras varias semanas en que a transformación urbana pontevedresa volveu ocupar titulares da prensa internacional, a líder soberanista resalta que é posible afirmar que o Bloque ten "un modelo" de cidade "que é a envexa de moitas e moitos, que funciona, que demostra a potencia que ten o BNG cando é capaz de poñer en marcha as súas alternativas". Ese modelo, afirma, "pode ser aplicado en todas as cidades galegas".

"Obviamente, dende as características de cada cidade e respectando a personalidade de cada unha", afirma Pontón, as candidaturas do BNG serán quen de aplicar "un modelo urbano de éxito que consegue mellorar a vida das persoas" e que xa funciona en Pontevedra. "Hai quen apostou no seu día por tirar o patrimonio urbanístico e construír disparates" mentres o Concello de Pontevedra, con Lores á fronte, demostrou que "conservando o patrimonio somos capaces de mellorar o espazo urbano" e integrar nel "novas intervencións que teñan en conta que o espazo público debe estar ao servizo das persoas", compara. Con estas credenciais, agrega, o BNG "vai por todas" nas eleccións de maio de 2019.

Lores, intervindo ante Pontón no acto de lanzamento simbólico da precampaña urbana do BNG / BNG 

Pontón: "Hai quen apostou por tirar o patrimonio e construír disparates, o BNG demostra que conservando o patrimonio somos capaces de mellorar o espazo urbano"

Neste sentido, Ana Pontón cre relevante que o BNG sexa "a primeira forza que ten nomeados os cabezas de lista para as sete grandes cidades": Francisco Jorquera na Coruña, Rubén Arroxo en Lugo, Luís Seara en Ourense, Goretti Sanmartín en Santiago, Iván Rivas en Ferrol, Xabier Pérez Igrexas en Vigo e o propio Fernández Lores en Pontevedra. "Tomamos moi en serio a preparación destas eleccións para presentar á sociedade proxectos de cidade ilusionantes". "O resultado das eleccións -cre Pontón- vai depender do traballo que fagamos de aquí a maio" e "sóbrannos gañas de traballar". Mostra disto, agrega, é que "non nos limitamos a falar, senón que demostramos con feitos que somos capaces de transformar en positivo as cidades".

No transcurso do acto Lores subliñou que, ao seu xuízo, modelos de cidade como o de Pontevedra, "construídas para as persoas" parten do "amor por Galiza" que profesa o BNG e na "confianza nas capacidades" do país. É por iso que a formación frontista pode concorrer ás urnas nos comicios locais con propostas "cribles, fiables e de futuro", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.