Dez Cimeiras Ibéricas na Meseta, oito en toda a Eurorrexión e só dúas en Galicia

Passos Coelho e Rajoy na Cimeira Ibérica de 2015 en Baiona, unha das dúas únicas celebradas en Galicia Dominio Público Gobierno de España

O 11 de novembro de 1983 o primeiro ministro socialista portugués Mario Soares recibía en Lisboa ao presidente socialista español Felipe González, acompañados dos seus respectivos gobernos, no que supuña a primeira Cimeira Ibérica. 35 anos despois o próximo 21 de novembro Valladolid, segundo vén de anunciar esta semana o seu alcalde, acollerá a edición número 30 deses encontros ao máis alto nivel que neste tempo, máis aló do seu contido concreto, veñen servindo para que unha vez ao ano (ou case) Madrid e Lisboa sexan conscientes de que os dous estados están máis separados nas súas capitais que na raia que comparten millóns de persoas da Guarda e Caminha ata Vila Real e Ayamonte. Porén, non sempre esas reunións se achegaron á “fronteira máis antiga de Europa”.

Valladolid, o 21 de novembro, acollerá a XXX reunión dos gobernos de España e Portugal, que nestes anos xa se celebrou en Palma de Mallorca ou Valencia

Nestes 30 anos de cimeiras, con 15 organizadas por cada estado, Galicia só acolleu dúas, en 2004 en Santiago e en 2015 en Baiona. Toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, a terceira máis antiga do continente e con anos previos de colaboración mutua, acolleu un total de oito, con seis na rexión Norte de Portugal a sumar ás dúas galegas. Esa cifra é superada por todas as cimeiras que só España decidiu celebrar na Meseta: catro en Madrid, tres en Castela e León incluída a deste ano e outras tres en Estremadura. España mesmo levou dúas cimeiras a lugares tan afastados de Portugal como Palma de Mallorca e Valencia, mentres que Lisboa fixo o mesmo en Açores e Madeira.

A celebración do encontro deste ano en Valladolid parece supoñer tanto un recoñecemento do novo Goberno central ao alcalde da cidade, Óscar Puente, portavoz ao tempo da executiva socialista estatal, como ao progresivo interese que nos últimos anos veu amosando Castela e León pola cooperación transfronteiriza. Ese é tamén un dos factores que veu contribuíndo a que o Goberno galego, ao tempo que non é quen de aproveitar todas as oportunidades da lusofonía, fose diluíndo o peso político da súa histórica eurorrexión co Norte de Portugal en favor da nova macrorrexión na que Castela e León pasou a ser o terceiro socio.

Os dous estados traballan nun novo tratado de cooperación que supere o de Valencia de 2002 e as entidades transfronteirizas de toda a Península reclámanlles que o novo documento teña máis en conta á cidadanía da raia

Nos últimos anos, a cimeira de Baiona de 2015 supuxo polo seu limitado alcance un certo parón acrecentado pola non celebración do encontro en 2016. En 2017 en Vila Real puxéronse sobre a mesa novos retos en materias como a coordinación das emerxencias ou a mellora das comunicacións por fibra óptica e ferrocarril e, sobre todo, a necesidade de avanzar na sinatura dun novo tratado de cooperación transfronteiriza que supere o actual, o de Valencia de 2002. Nesa cuestión veñen traballando nos últimos meses os dous gobernos, aos que a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas (RIET), coordinadas polo Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, vén reclamando que o novo acordo teña máis en conta a cidadadanía da raia e permita que o novo tratado se converta “en fonte de dereito transfronteirizo, especialmente na creación de entidades con personalidade xurídica, que deben dispor dun réxime xurídico e fiscal propio que atenda á súa natureza de ámbito supranacional”.

Costa e Rajoy na última cimeira, en Vila Real en maio do ano pasado [La Moncloa]

A complicidade de Costa e Sánchez supón un cambio a respecto do desdén do PP cara aos apoios da esquerda ao Goberno luso

A nova cimeira chega tamén nun momento en que os dous gobernos estatais volven ser socialistas e con dous primeiros ministros, António Costa e Pedro Sánchez, que veñen amosando a súa complicidade mutua. Un cambio a respecto do desdén que viña amosando o PP español cara ao Goberno portugués de Costa sustentado polo Bloco de Esquerda e o Partido Comunista Portugués.

Felipe González e Mario Soares nunha imaxe de 1983 Dominio Público La Moncloa

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.