Os cargos de Adif e Renfe imputados por Angrois negan presións e un deles di estar “doído” porque as vítimas o sinalen

Andrés Cortabitarte, ex-director de Seguridade na Circulación de Adif imputado por Angrois, durante a súa comparecencia no Congreso co seu avogado Dominio Público Congreso dos Deputados

Os dous principais imputados en Adif e Renfe, ademais do maquinista do tren, polo accidente do Alvia na curva de Angrois do 24 de xullo de 2013 no que morreron 80 persoas negaron este mércores no Congreso que as decisións en materia de seguridade que tomaron e polas que están a ser investigados penalmente estivesen motivadas por presións políticas ou comerciais dos seus superiores. Os dous, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, ex-directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe respectivamente, coincidiron, con distintos modos, en centrar a responsabilidade por abaixo no condutor.

Os daquela directores de Seguridade das dúas empresas públicas contradín no Congreso á UE e negan que debesen avaliar o risco que supuxo a súa decisión de desconectar o control de velocidade do Alvia

Na súa intervención Cortabitarte, malia admitir que a dor das vítimas “en absoluto é comparable”, dixo que a el lle “doe” que estas poñan “o foco” na súa propia persoa. “Sufrín por verme involucrado como un dos presuntos responsables dun accidente no que non tiven ningunha responsabilidade”, dixo, nunha comparecencia na que, como tamén faría a continuación o seu homólogo de Renfe, negou, en contra do que mantén a Axencia Ferroviaria Europea, que debesen realizar unha avaliación específica do risco que supuña a decisión que tomaron de desconectar o sistema de control da velocidade dos Alvia. Cunha actitude máis humilde que a de Cortabitarte, que en varias ocasións atuou os deputados, Lanchares pediu “desculpas” polo sinistro porque ao seu ver “que falle unha persoa en Renfe significa que fallou a empresa” e iso “implícame persoalmente”.

Malia admitir que a dor das vítimas “en absoluto é comparable”, Cortabitarte di que a el lle “doe” que estas poñan “o foco” na súa persoa

O 23 de xuño de 2012, un ano e un mes antes do accidente, Lanchares pediu autorización a Cortabitarte para desconectar a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade propio do AVE (o ERTMS) porque fallaba e provocaba demoras nas viaxes, e o segundo autorizouno ás poucas horas, sen que Renfe reparase o sistema ata un ano despois do sinistro. O xulgado instrutor do caso, co aval da Audiencia Provincial da Coruña, imputounos aos dous (xunto cun subordinado de Cortabitarte e tres técnicos da empresa pública Ineco) e está a investigar se analizaron como debían os riscos que supuña esa desconexión, que deixaba a seguridade en mans do sistema convencional ASFA, non configurado en Angrois para evitar un despiste como o que sufriu o maquinista do tren, tamén imputado por non frear a tempo antes da curva sen que existise ningún sistema que evitase o seu previsible erro humano. O xulgado tamén investiga se esa análise de riscos se fixo de xeito adecuado antes de poñer en servizo a liña en decembro de 2011.

O primeiro en intervir este mércores no Congreso, Cortabitarte, discrepou da Axencia Ferroviaria Europea, que nun informe entregado o pasado xuño no xulgado asegurou que esa desconexión do ERTMS debeu facerse segundo a normativa comunitaria analizando previamente o risco desa decisión, que cualificou como “cambio significativo” da seguridade. Cortabitarte negou a maior e ante a pregunta da deputada socialista Pilar Cancela de por que non se fixo esa análise a súa resposta foi que “non facía falla”. Posteriormente Lanchares, ante a mesma pregunta formulada pola deputada de En Marea Alexandra Fernández, evitou dar unha resposta directa e dixo que a análise que se fixo foi que o sistema ERTMS non estaba a resultar fiable e resultaba mellor desconectalo, pero sen aclarar se iso supuña máis risco que mantelo cunha configuración distinta, como suxerira o seu fabricante.

Antonio Lanchares, ex-director de Seguridade de Renfe imputado por Angrois, na súa comparecencia no Congreso

Cando se lle preguntou de xeito directo se recibira algunha “presión política” para tomar as decisións que tomou, Cortabitarte respondeu cun directo “non, nunca”. Pola súa banda, a Lanchares preguntóuselle se a decisión de desconectar o ERTMS en vez de configuralo doutro xeito se debera a “presións comerciais” polas demoras nas viaxes, o que tamén negou.

Cortabitarte, imputado desde hai un ano e medio polo xuíz instrutor co aval da Audiencia Provincial, di que o "nome" do seu posto "fixo crer aos xuíces e fiscais do caso que o meu departamento se ocupaba de calquera asunto de seguridade"

O responsable de Adif asegurou na súa intervención que a súa imputación débese ao “nome do posto” que ocupaba, o de director de Seguridade na Circulación, que ao seu ver “fixo crer aos xuíces e fiscais do caso que o meu departamento se ocupaba de calquera asunto relacionado coa seguridade na circulación”. Pola contra, Cortabitarte asegurou que as súas competencias nesa materia eran reducidas e limitábanse a validar que os sistemas de seguridade que deseñaban outros departamentos funcionasen de xeito correcto e que o seu era só “un máis” dos diversos certificados necesarios para poñer en servizo a liña. Ante esas declaracións, o deputado de ERC Gabriel Rufián leu o auto xudicial da súa imputación na causa xudicial, hai xa un ano e medio e co aval posterior da Audiencia Provincial da Coruña, e preguntoulle se “o xuíz lle ten manía”, ao que Cortabitarte non contestou.

Pola súa banda, o responsable de Renfe, como xa fixera no xulgado, negou ser coñecedor da alerta sobre o risco da curva de Angrois que un maquinista xefe comunicou por escrito aos seus superiores en Renfe un ano e medio antes do accidente. Lanchares resumiu a súa actuación global no caso dicindo estar “totalmente convencido de que cumprín co meu deber”.

Durante a comparecencia, vítimas do sinistro concentráronse ás portas do Congreso pedindo, entre outras cuestións, que Fomento cese os imputados na causa xudicial de calquera cargo de libre designación

Durante a comparecencia de Cortabitarte e Lanchares no Congreso, vítimas do sinistro concentráronse ás portas da Cámara pedindo, entre outras cuestións, que Fomento cese os imputados na causa xudicial de calquera cargo de libre designación, despois de que hai un mes Lanchares deixase o posto de director de Seguridade na Circulación que seguía a ocupar máis de cinco anos despois do accidente.

Vítimas de Angrois ás portas do Congreso durante as comparecencias de Cortabitarte e Lanchares

Correo de Lanchares (Renfe) a Cortabitarte (Adif) pedindo permiso para desconectar o sistema de seguridade nos Alvia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.