O experto comunitario di que as autoridades españolas “teñen que preguntarse a fondo por que o sistema permitiu estes fallos” e reitera que España debe volver a investigar o sinistro, como vén reclamando Bruxelas
“Sempre ten que establecerse un sistema multinivel de protección” pero “neste caso só había unha barreira e era o maquinista”. A crítica pola falta de sistemas de seguridade do AVE Ourense-Santiago que evitasen o despiste que sufriu o condutor do Alvia accidentado en Angrois foi lanzada este mércores na comisión de investigación sobre o sinistro aberta no Congreso por Christopher Carr, xefe do departamento de Seguridade da Axencia Ferroviaria da UE (European Union Agency for Railways). Moi crítico con España pola xestión do accidente, Carr dixo que “as autoridades teñen que preguntarse a fondo por que o sistema permitiu estes fallos” e insistiu, como vén reclamando a Comisión Europea, en que debe realizarse unha nova investigación técnica do sinistro porque a que fixo Fomento en 2014 facendo responsable só ao maquinista non foi independente.
Na curva de Angrois non estaba activo ningún sistema que evitase o previsible erro humano do maquinista do Alvia, que o 24 de xullo de 2013 se despistou e non freou a tempo, o que provocou o descarrilamento do tren e a morte de 80 persoas. O xulgado que investiga penalmente o sinistro ten actualmente imputados, ademais do maquinista, a seis técnicos de Adif, Renfe e Ineco, aos que investiga polo xeito en que rebaixaron a seguridade da liña sen analizar correctamente o risco que iso supuña. Unha análise de riscos que, en contra do defendido polas empresas públicas dependentes de Fomento, a Axencia Ferroviaria Europea vén mantendo que era obrigatoria, e así llo transmitiu en xuño ao xulgado que investiga a causa, apuntando en concreto ás decisións tomadas en 2010 de recortar a instalación do sistema de control da velocidade nas vías e en 2012 de desconectalo a bordo dos Alvia.
Fragmento do informe entregado pola axencia europea no xulgado
Os técnicos de Fomento que investigaron o sinistro e concluíron en 2014 que o maquinista fora o único responsable "investigáronse a si mesmos, a súa propia actividade", critica Christopher Carr
Este mércores Carr insistiu na necesidade de avaliar os riscos e asegurou que de facerse correctamente esa análise tería detectado o risco de despiste dun maquinista. O técnico comunitario lamentou que a investigación do sinistro que fixo público en 2014 a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento se centrase no erro do maquinista pero non estudase como Adif e Renfe realizaron a avaliación de riscos previa para evitar ese erro. Nesa investigación incompleta da CIAF, lembrou Carr, participaron “persoas que autorizaron a liña” e que por tanto tiñan que avaliar os seus riscos, o que considerou “non adecuado” xa que “o que facían era investigarse a si mesmos, a súa propia actividade”. Nesa investigación de 2014 “non se analizou de xeito máis crítico como se puido chegar a esa situación na que só houbo unha protección”, insistiu Carr.
Ao experto comunitario preguntóuselle pola capacidade de obrigar a España a facer unha nova investigación técnica, como veñen reclamando tanto a axencia como a Comisión Europea. “Como axencia non temos ningún tipo de poder máis alá do que xa se fixo”, dixo Carr, quen deixou en mans da Comisión Europea a capacidade de presionar a España. Sobre a posibilidade de que a axencia europea elabore esa nova investigación, Carr dixo que o ente comunitario pode ser “consultor” nunha investigación se se lle pide, pero “ten que haber unha solicitude” que parta da CIAF. Carr tamén lembrou que axencia europea non investigou o accidente en si senón que analizou as eivas que presentaba a investigación realizada pola CIAF.
O deputado do PP Celso Delgado censurou a demora da axencia europea en criticar o informe da CIAF despois doutras valoracións previas positivas do organismo comunitario sobre a entidade española. Carr respondeulle lembrando que a axencia europea xa criticara previamente a falta de independencia da CIAF.
O técnico comunitario lembra que a Comisión Europea ten no seu poder unha auditoría sobre o cumprimento por España da normativa de seguridade europea pero di non saber se a vai facer pública ou cando
Carr non entrou a valorar cuestións que se lle formularon sobre se as eivas de seguridade se deberon a supostas presas políticas por inaugurar a liña. Tamén se lle preguntou polo contido dunha auditoría que a axencia fixo por encargo da Comisión Europea sobre o cumprimento en xeral por parte de España da normativa europea de seguridade ferroviaria. Carr lembrou que a auditoría está rematada xa e en poder da Comisión pero dixo non saber se a vai facer pública ou cando, e lembrou que legalmente el non pode divulgar o seu contido.
Tres grandes reproches previos da axencia a España
A comparecencia este mércores de Carr no Congreso prodúcese despois de varias intervencións da Axencia Ferroviaria Europea na instrución penal sobre o accidente que foron clave para que o maquinista do tren deixase de ser o único imputado na causa e na actualidade estean tamén investigados seis técnicos de Adif, Renfe e Ineco.
A Axencia Ferroviaria Europea xa interveu en varias ocasións de xeito crítico co Goberno na instrución xudicial sobre o accidente que ten imputados a seis técnicos ademais do maquinista
En xullo de 2016 a axencia fixo público un informe crítico coa investigación oficial do sinistro realizada pola CIAF de Fomento, que considerou non independente e da que censurou que se centrara só en analizar o despiste do maquinista pero non as causas subxacentes como a ausencia doutras medidas de seguridade. Ese informe, asinado por Carr, fora comunicado previamente ao Goberno español pero a súa divulgación foi bloqueada ata despois das eleccións xerais de xuño dese ano. Vítimas do sinistro consideran que a inminencia dese informe foi clave para que a Audiencia Provincial da Coruña ordenase ao xuíz instrutor reabrir a causa e investigar non só ao maquinista senón tamén aos responsables da falta de seguridade por como avaliaron os riscos existentes en Angrois, cuestión fundamental nas críticas da axencia europea. Tras aquel informe, a Comisión Europea vén reclamando a España, sen éxito aínda máis de dous anos despois, que realice unha nova investigación técnica do sinistro.
Coa investigación reaberta e o foco posto no seu daquela director de Seguridade na Circulación, Andrés Cortabitarte, Adif argumentou que a normativa non esixía realizar unha avaliación do risco existente na curva de Angrois. As vítimas do sinistro tomaron a iniciativa e preguntaron á axencia se iso era así. A resposta, novamente asinada por Carr e entregada polas vítimas no xulgado en abril de 2017, foi clara: “Sobre a cuestión de se se debera realizar unha avaliación do risco para a nova liña, podo confirmar plenamente que a lexislación da UE si o require”.
En xuño un informe da axencia europea desmontou varios dos argumentos que viña empregando Fomento para culpar en exclusiva ao maquinista
Finalmente, tras reiteradas peticións tanto das vítimas como do avogado do maquinista, o xuíz instrutor decidiu consultar el mesmo directamente á axencia europea sobre o cumprimento ou non da normativa comunitaria nas actuacións de Adif e Renfe relacionadas co accidente. Esa resposta, novamente asinada por Carr, chegou ao xulgado o pasado xuño. Nela desmontáronse varios dos argumentos cos que as empresas públicas viñan culpando en exclusiva ao maquinista do sinistro.
Entre outras cuestións, a axencia, en contra do que mantiña Fomento, considera que as decisións de desconectar en 2012 a bordo dos Alvia o sistema de control constante da velocidade (o ERTMS), o que deixou en mans do maquinista toda a responsabilidade de frear, así como a modificación previa do proxecto orixinal da liña en 2010 que reducira o ámbito de actuación dese sistema, deberon contar cunha análise de riscos específica. “En efecto, se trata de cambios que se cualificarían razoablemente como significativos e cun impacto na seguridade, cuxos riscos débense avaliar sistematicamente”, dixo, non só por Adif e Renfe senón tamén por “un organismo de avaliación independente”, algo que non ocorreu.
Na obtención dos sucesivos informes críticos con España da axencia europea foi clave a eurodeputada do BNG Ana Miranda, á que non se permitiu asistir como público á intervención do experto
Na obtención de todos eses informes da axencia europea tivo un papel importante a eurodeputada do BNG Ana Miranda, que está a actuar como representante de feito da plataforma de vítimas do accidente ante as institucións comunitarias. Porén, este mércores non se lle permitiu asistir como público á intervención de Carr no Congreso, o que Miranda atribuíu ao “veto” de PP e PSOE.
Vítimas de Angrois e a eurodeputada do BNG Ana Miranda nunha pasada reunión en Bruxelas con Christopher Carr, xefe de Seguridade, e Josef Doppelbauer, director da Axencia Ferroviaria Europea [Plataforma de Vítimas do Alvia]