"Terra, a nosa!": cen anos do primeiro programa político nacional para Galicia

Asistentes á Asemblea de Lugo e titular d'A Nosa Terra sobre o manifesto Dominio Público Praza Pública

Remataron todos cantando o himno galego, dando vivas a Galicia e ao berro de "Terra, a nosa!", a mesma proclama que lucía inscrita sobre as bandeiras brancas coa franxa azul que engalanaban o recinto. Poñíase así punto e final á xuntanza que reunira en Lugo os persoeiros das Irmandades da Fala. Despedíanse --contan as crónica da época-- co mesmo agarimo co que se atoparan e mesmo se presentaran un día antes. "Como se de sempre se coñecesen", escribiría logo Vicente Risco n'A Nosa Terra.

  Os reunidos na asemblea remataron cantando o himno galego, dando vivas a Galicia e ao berro de "Terra, a nosa!"

Foi nos días 17 e 18 de novembro de 1918, hai agora un século, cando aquel colectivo centrado na defensa da lingua, da cultura e da identidade galega decidiu dar un paso máis. Convocáronse no teatro Lugo-Salón e, chegados de numerosos puntos de Galicia, reuníronse na que denominaron "asemblea magna", logo de que a pandemia de gripe impedise celebrar o conclave na data inicialmente prevista, o 24 de outubro.

A pandemia de gripe evitou celebrar o conclave na data inicialmente prevista: o 24 de outubro 

O armisticio de Compiègne acababa de poñer fin á Primeira Guerra Mundial había unha semana, Letonia declaraba a súa independencia ese mesmo luns 18 e só dous días antes, unha multitude en Barcelona secundaba deputados, senadores e persoeiros na reclamación de autonomía para Catalunya, nun acto onde aparece por primeira vez unha estelada. En España albícase xa o inicio da crise dun sistema, o da Restauración, inzado de clientelismo, caciquismo e centralismo. E en Galicia, o agrarismo e o rexionalismo están a un paso de ser sobrepasados. 

As escasas imaxes advirten de xornadas solleiras, pero frías, con homes de chapeu, caxato e chaquetón longo. Máis de 60 persoas que representaban outras tantas sociedades agrarias e contaban coa adhesión de medio cento de colectivos, de persoeiros e de arredor dunha ducia de concellos. As Irmandades da Fala, que naceran en 1916 na Coruña, conformaban grupos de intelectuais coa defensa do idioma como propósito principal. Acabaron espallándose por múltiples localidades do país e foron a base do galeguismo e do primeiro nacionalismo, que ese día redactou o seu primeiro programa político, aínda reivindicado hoxe en día e que esta fin de semana é obxecto de reivindicacións, festas e conmemoracións varias. 

A 'I Asambleia Nazonalista' fixou o primeiro programa político do nacionalismo e reclamou a "autonomía integral para Galicia"

Era a I Asambleia Nazonalista, onde se acordou "fixar nun programa concreto" as que consideraban como solucións "aos problemas que interesan dun xeito fondísimo a vida nacional da Galicia". Consideraron urxente a "autonomía integral para Galicia" e, dado que o país tiña "todas as caracterísitcas esenciais de nacionalidade", decidiron "nomearse" para sempre "nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas".

A asemblea supuxo un "salto ideolóxico", o "nacemento do nacionalismo galego" e a base da que nacerá o Partido Galeguista

Supuña, como lembrou o historiador Justo Beramendi, un "salto ideolóxico" e o "nacemento do nacionalismo galego propiamente dito". Daquelas Irmandades e do que supuxo a asemblea de Lugo nacerá logo o Partido Galeguista, a "loita sistemática polo autogoberno galego", o uso político sen complexos da lingua propia e a base dun sistema de partidos que en Galicia sería xa, para sempre, "singular e cualitativamente diferente ao doutros territorios". 

A aquela asemblea asistiron membros das Irmandades da Coruña, Lugo, Baralla, Ferreira do Valadouro, Pontevedra, Ourense, Melide, Muxía, Ortigueira, Ferrol, Santiago, Monforte, Vilagarcía, Betanzos ou Vilalba. Estaban Vicente Risco, Víctor Casas, Cabanillas, Castelao, Losada Diéguez, Peña Novo, os irmáns Villar Ponte, Blanco Torres, Ánxel Casal ou Xaime Quintanilla, entre outros. 

Fragmento do manuscrito do Manifesto de Lugo Dominio Público Praza Pública

Os diarios da época lembran a "concorrencia numerosísima" dun conclave que xuntou a Castelao, Cabanillas, Peña Novo, Víctor Casas, Ánxel Casal, Risco ou os irmáns Villar Ponte

A concorrencia era "numerosísima", relataban os diarios, e "enchía por completo o local" para afondar nun debate centrado na reivindicación da autonomía e da soberanía popular e en contra do caciquismo. Alongouse de máis o evento, que o domingo rematou "a hora avanzada", segundo os diarios. O coro Cántigas e Aturuxos actuou ante uns asembleístas que continuaron despois as deliberacións ata a 1.30 da madrugada pero tamén o luns seguinte. 

Foi, segundo dicía Risco, unha asemblea excepcional porque os que alí falaron tiveron tamén "unha cousa que nunca houbo en España: o don de escoitar". Tras o debate, e desde as cinco da tarde, as conversas deron lugar a un mitin con diferentes e entusiastas intervencións.  

Manuel Banet, que se unira na Coruña á primeira das Irmandades e fundara en Monforte a terceira, aludiu no seu discurso á "personalidade propia" que a Galicia lle deu a "divinidade" coa súa "linguaxe, poesía, música, costumes, natureza e historia". E advirte de que a autonomía pídea "o pobo que desexa o benestar do país para ver curadas as feridas do centralismo". "Se non o facedes [reclamar esa autonomía], non poderedes dicir que sodes fillos dignos de Galicia", insiste. 

"Se non reclamades a autonomía, non poderedes dicir que sodes fillos dignos de Galicia", dixo Manuel Banet naquel día

Na mesma reivindicación únese Xaime Quintanilla, impulsor da Irmandade en Ferrol e fusilado logo polo fascismo en 1936. Na súa alocución anima a rebelarse contra "o atropelo das liberdades" e advirte de que "os nacionalistas non pensan quitar nada a ninguén". "Galicia pide a súa liberdade para rexerse porque xa chegou a ser persoa", insiste, tras chamar a "non permitir que gobernen os caciques". 

"Galicia pide a súa liberdade para rexerse porque xa chegou a ser persoa", clamaba Xaime Quintanilla

Losada Diéguez considera "un crime avergoñarse de ser galego" e pide "non queixarse" senón "traballar por unha liberdade santa para Galicia", mentres que Peña Novo proclama un nacionalismo que é "corrente de cultura", rexeita que se lles chame aos seus partidarios "separatistas" e manifesta despois ante o coro a importancia que agrupacións artísticas como esa teñen na expansión do galeguismo. Sánchez Taiz alude á "escravitude" que sofren os labregos e proclama a "necesidade" de encher Galicia de escolas. 

Texto do manifesto editado polas Irmandades e conservado no Arquivo Municipal de Betanzos Dominio Público Arquivo Municipal de Betanzos

Pola súa banda, Arturo Noguerol lembra como abrazou o rexionalismo vendo o trato que en Castela se lle daba aos campesiños galegos e remata a súa intervención proclamando que "a soberanía reside no pobo". El, como outros oito dos que alí asistiron, serían asasinados polo fascismo menos de dúas décadas despois, mentres que outros moitos acabaron exiliados ou foron represaliados. 

Risco gabou o ton do debate, o feito de que se "escoitase" e mesmo cría que se lles "metera algo como o 'seny' dos cataláns"

Antes do resto de intervencións, Vicente Risco alentara os presentes dicindo que era xa "hora" de que Galicia "espertase" e se "gobernase a si mesma" e atribuíulle ao xa chamado nacionalismo galego tres fins: "O espiritual, o político e o económico". Nas súas reflexións posteriores, mesmo gabou o ton do debate: "Metérase en nós algo como o seny dos cataláns". 

A alusión ao soberanismo catalán era, xa hai cen anos, continua. As crónicas dalgún xornal crítico co acto das Irmandades deixaban claro que os galegos "carecemos da preparación de Catalunya para aventuras desa clase" e ridiculizaban a intención de dotar de cooficialidade o galego advertindo de que "había tempo" que quedara "reducido á categoría de sermo vulgaris". 

Festas, actos e ofrendas florais en Lugo

O conflito político catalán segue a ocupar portadas e debates e as discusións sobre a saúde da lingua continúan hoxe en día. E cen anos despois, este domingo 18 e diante do Hotel Méndez Núñez --até onde hai pouco se situaba a asemblea de hai un século-- ten lugar unha ofrenda floral unitaria na que participarán varios colectivos que lembrarán aquela asemblea histórica. Xa á tarde, a asociación Cultura do País representa no interior do recinto a función A lus da estrela que brila ó lexos, espectáculo de danza, poesía, teatro e música en homenaxe aos asinantes do Manifesto de Lugo.

A asociación Cultura do País, BNG e outras entidades organizan diversos actos conmemorativos esta fin de semana en Lugo

Este sábado, a mesma asociación e no mesmo hotel celebrou a Festa Dandi, que contou con actuacións de Duende Circo, Microefectos Dramatúrxicos, As Ramilettes e Marqués de Vilapodre DJ. O domingo, a plataforma Vía Galega organiza no IES Lucus Augusti desde as 10:45 horas unha asemblea para aprobar a Carta de Dereitos do Pobo Galego.

O BNG, pola súa banda, celebra tamén o centenario do Manifesto de Lugo, que considera a "acta fundacional do nacionalismo galego". O seu acto principal foi o sábado, nas inmediacións da porta do Bispo Aguirre da Muralla lucense, fronte á que se atopaba o desaparecido Lugo Salón. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.