Fontes consultadas por Praza.gal confirman que o expediente a Carlos Jiménez se basea na suposta falta de "compatibilidade" do seu traballo na CRTVG coa locución nun programa dunha produtora que emite a propia Televisión de Galicia
O pasado outubro a dirección xeral de Recursos Humanos da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) arquivou o expediente que abrira durante o verán á xornalista Tati Moyano, presentadora do Telexornal Serán que dimitiu dese labor xunto a Alfonso Hermida para denunciar control informativo na canle pública e que reivindicara ante o presidente da Xunta as protestas dos venres negros a prol do cumprimento da lei de medios na Televisión de Galicia e na Radio Galega. A Moyano expedientárana por utilizar o servizo de maquillaxe da canle para presentar unha gala benéfica contra o cancro e o proceso contra ela suscitara unha vaga de solidariedade que dende a cúpula da CRTVG fora lida como "un xuízo mediático e político".
Apenas un mes despois da conclusión do proceso contra Moyano, persoal da canle pública prépárase para ir á folga e os venres negros seguen adiante. O vixésimo sexto, este 16 de novembro, está marcado por un novo expediente disciplinario. O aberto contra o locutor Carlos Jiménez, unha das voces máis recoñecibles das últimas dúas décadas tanto da televisión como da radio pública e activo participante, tamén, nas mobilizacións dos venres negros.
Imaxe de Carlos Jiménez a participar nas protestas dun venres negro
Segundo confirman as fontes consultadas por Praza.gal, a CRTVG basea ao expediente a Jiménez nun argumento semellante ao que inicialmente empregara conta Moyano: o da compatibilidade do seu traballo na empresa pública con outros labores. Neste caso, confirman as mesmas fontes coñecedoras do caso, Jiménez conta cunha compatibilidade concedida polas vías legais dende hai unha década, tempo no que realizou locucións para múltiples contidos emitidos nos medios públicos. Agora, sinalan, expediéntano por exercer como locutor nun programa elaborado por unha produtora e emitido pola propia Televisión de Galicia.
No seo do persoal interprétase o expediente como unha "represalia"
No seo do persoal, explican as mesmas fontes, o expediente a Jiménez interprétase como unha represalia contra el -gañou varios procedementos xudiciais á CRTVG nos últimos anos en materia laboral que implicaron mudanzas na súa contratación-, pero tamén unha nova advertencia ante a continuidade das mobilizacións. Un "cambio na estratexia" na que as autorizacións ou non de compatibilidades tornan en "ferramenta" para "ir contra" determinados integrantes do cadro de persoal, interpretan, que se suman ás reivindicacións dos venres negros contra a manipulación informativa ou a outras mobilizacións na mesma liña.
Esixencia de arquivo do expediente ás portas da folga
Traballadoras da Radio Galega amosan o seu apoio a Carlos Jiménez durante o 26º venres negro / Defende a Galega
Na negociación previa á folga o comité esixiu a "fin da política represiva", cuxa existencia nega a área de Recursos Humanos da canle pública
O expediente aberto a Carlos Jiménez impactou de cheo, precisamente, nas negociacións entre a CRTVG e o comité de empresa previas á folga. Así, segundo confirma o comité, na táboa reivindicativa exposta á dirección da Corporación figura especificamente a reclamación da "fin da política represiva" e, máis concretamente, a esixencia do "arquivo do expediente" a Carlos Jiménez, ademais dunha "reparación pública do dano causado" a Tati Moyano.
Adicionalmente, o comité solicitou a apertura dunha mesa negociadora para "aclarar e interpretar as normativas sobre incompatibilidades" e a respecto do uso de medios da compañía, para así evitar "inseguridades" e pór fin á "arbitrariedade á hora de aplicar o réxime disciplinario". Dende a dirección, nomeadamente dende a súa área de Recursos Humanos, asegurouse que non existe ningunha política de tipo "represivo" e encádranse os expedientes na normalidade e en casos e traballadores concretos.
Defende a Galega le o expediente como "represalia contra un dos traballadores máis comprometidos contra a manipulación"
Tamén dende Defende a Galega, o colectivo artellado polo persoal que impulsa os venres negros, rexeitan o expediente, que len como unha "represalia" contra "un dos traballadores máis comprometidos contra a manipulación e o desmantelamento. No seo de Defende a Galega, que este venres está a recibir o apoio de xornalistas doutros medios de comunicación mediante vídeos divulgados nas redes sociais, lembran que o obxectivo das súas protestas é pór fin á "instrumentalización política e económica" da CRTVG e o cumprimento da lei aprobada para "desgobernamentalizar e dignificar os medios públicos" sen "deturpación constante dos fins democráticos para os que foron creados: defensa e difusión dos sinais de identidade de Galicia e dos valores democráticos e dereitos básicos que protexe a Constitución".