O presidente de Adif no accidente de Angrois atribúe a outros os obstáculos que a súa empresa puxo á investigación

Gonzalo Ferre, presidente de Adif co PP cando ocorreu o accidente de Angrois Dominio Público Congreso dos Deputados

“Ao xulgado enviamos toneladas de información e todo iso non pasaba pola miña man, nós facilitamos toda a información que había no noso poder”, di Gonzalo Ferre en resposta aos apercibimentos que o xuíz fixo a Adif

Este luns, cinco anos e medio despois do accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013, o xuíz instrutor emitiu un auto no que propón dar por rematada a investigación e xulgar como responsables de 80 homicidios por imprudencia ao maquinista do tren, ao que o Goberno do PP daquela se apurou en apuntar, pero tamén a un ex-director de Seguridade de Adif. Neste tempo, malia as promesas lanzadas daquela, Adif e Renfe obstaculizaron a instrución ocultando ou demorando a entrega de documentación ao xulgado, que emitiu varios apercibimentos por iso. Este mércores quen era presidente de Adif cando ocorreu o accidente, Gonzalo Ferre, compareceu na comisión de investigación política aberta no Congreso e negou ser responsable deses obstáculos desviando calquera responsabilidade ao respecto a subordinados seus.

Gonzalo Ferre, que foi presidente de Adif co PP (coa ministra Ana Pastor en Fomento) cando ocorreu o accidente e ata novembro de 2016, durante boa parte da posterior investigación xudicial do mesmo, foi preguntado pola deputada de En Marea Alexandra Fernández polas diversas ocasións en que a empresa pública demorou ou ocultou a entrega de documentación ao xulgado, mesmo lendo fragmentos dos apercibimentos realizados polo xuíz e que foron publicados por varios medios de comunicación. Porén, Ferre negou toda responsabilidade: “Ao xulgado enviamos toneladas de información e todo iso non pasaba pola miña man, nós facilitamos toda a información que había no noso poder”, dixo, asegurando máis tarde que se non se enviou algo foi “por erro, xamais por falta de vontade”.

“Ás 80 vítimas dálles igual que sexa alta velocidade” di o ex-cargo do PP malia que é a plataforma de afectados a que fai fincapé nesa denominación polas implicacións propagandísticas que tivo

Ferre tamén insistiu, malia o certificado xa polos xuíces, que a liña Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente non era de alta velocidade, unha afirmación na que daquela o Goberno insistiu para non prexudicar as expectativas comerciais que tiña noutros países a alta velocidade española. Tanto o instrutor como a Audiencia Provincial da Coruña e a gran maioría dos peritos da causa xa deron por feito que a liña si era de alta velocidade, pero Ferre insistiu este mércores en que non. “Ás 80 vítimas dálles igual que sexa alta velocidade”, chegou a dicir, argumentando que o importante é que se produciu un accidente ferroviario grave. Porén, é a propia plataforma de vítimas do sinistro a que dá importancia a ese feito criticando que era o Goberno o que publicitaba a liña como de alta velocidade malia non contar cos seus sistemas de seguridade.

O presidente da comisión deixou constancia de que o ex-cargo do PP non contestou a varias preguntas

Na súa comparecencia Ferre tamén eludiu diversas preguntas directas que se lle formularon, ata o punto de que o presidente da comisión acabou deixando constancia diso: “Queda en evidencia que efectivamente non contestou”, certificou, despois de que a deputada de En Marea lle preguntase de xeito reiterado se o Alvia descarrilaría se o sistema de control da velocidade estivese activado a bordo e instalado tamén nas vías ata a estación de Santiago. A súa resposta reiterada foi que “se o tren non saíse da estación de Ourense non pasaría nada”. E á pregunta, tras lembrarlle o auto do luns do xuíz que acusa a un ex-director de Adif, de se considera que fallou algo na seguridade por parte da súa empresa, a súa resposta non foi directa: “Espero que non”, dixo.

Antonio González Marín, presidente de Adif co PSOE cando se construíu e inaugurou o AVE Ourense-Santiago Dominio Público Congreso dos Deputados

O presidente de Adif co PSOE atribúe aos técnicos o cambio da sinalización

González Marín defende como lóxico o cambio do proxecto orixinal da liña para axilizar a circulación dos trens que acabou derivando nun cambio da configuración da súa seguridade decidido por "técnicos de Adif competentes"

Tras Ferre compareceu quen foi presidente de Adif co PSOE (co ministro José Blanco en Fomento) durante a construción e posta en servizo da liña Ourense-Santiago, Antonio González Marín. El estaba no cargo cando se decidiu modificar o proxecto orixinal da liña para operala en ancho ibérico e non no internacional habitual no AVE para evitar ter que instalar cambiadores de ancho dos trens tanto en Ourense como en Santiago que demorarían as viaxes. Ese cambio nas vías acabou derivando nunha modificación da disposición na liña dos seus sistemas de seguridade que deixou desprotexida a curva de Angrois, cuestión pola que agora o xuíz vén de acusar ao daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, como máximo responsable de validar esa configuración da seguridade.

Sobre aquela modificación de proxecto, González Marín considerouno lóxico para facilitar que os trens non tardasen tanto tendo que pasar por cambiadores de ancho e atribuíu a orixe do cambio, que lle foi comunicada tamén á Xunta, a unha comisión formada por varios departamentos de Fomento, Adif e Renfe tras advertir esa última operadora que manter os cambiadores suporía demoras nos seus servizos.

O ex-cargo do PSOE tamén negou que existise ningunha présa por poñer en servizo a liña e lembrou que a data fora anunciada máis de dous anos antes

Na súa intervención González Marín evitou pronunciarse sobre cuestións técnicas dos sistemas de seguridade e asegurou que en ningún caso se decidiu modificar as configuracións dos existentes por cuestións económicas xa que os aforros foron mínimos en comparación co custo de preto de 3.000 millóns de euros que tivo a liña. Segundo dixo, tras decidirse modificar o ancho de liña, “os técnicos de Adif competentes decidiron que era necesario modificar” a configuración dos sistemas de seguridade.

O ex-cargo do PSOE tamén negou que existise ningunha présa por poñer en servizo a liña, o 10 de decembro de 2011 co Goberno socialista xa en funcións tras perder as eleccións uns días antes, e lembrou que a data da súa apertura a “finais de 2011” fora xa anunciada en xullo de 2009 nunha reunión entre o daquela ministro José Blanco e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Carlos María Juárez Colera, exdirector xeral de Infraestruturas Ferroviarias co PSOE cando se construíu a liña Dominio Público Congreso dos Deputados

Outros comparecentes

Dous ex-directores xerais de PSOE e PP insistiron en que tanto a liña como o tren foron autorizados conforme ao que marcaba a lexislación, declaracións que contrastan co auto do xuíz co que este luns acusou a un ex-directivo de Adif

Previamente, na sesión de mañá deste mércores compareceron na comisión do Congreso Carlos María Juárez Colera, que foi director xeral de Infraestruturas Ferroviarias co PSOE durante a fase final de construción e posta en servizo do AVE Ourense-Santiago e Manuel Niño, que era director xeral de Ferrocarrís co PP cando se puxo en servizo o tren Alvia e ocorreu o accidente.

Os dous insistiron en que tanto a liña como o tren foron autorizados conforme ao que marcaba a lexislación. Juárez Colera, que estaba de baixa naqueles días, asegurou que a autorización de posta en servizo emitida por subordinados seus o día antes da inauguración da liña en decembro de 2011 en pouco máis de unha hora foi só o trámite formal a un proceso de avaliación da documentación que xa se viña realizando desde días antes. Niño insistiu en defender a investigación do sinistro realizada no seu momento pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), invalidada tanto pola xustiza como pola UE, que o atribuíu exclusivamente ao despiste que sufriu o maquinista.

As declaracións dos dous contrastan co auto emitido este luns polo xuíz instrutor do caso que acusa en mesmo grao que ao maquinista ao no seu momento director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, por non avaliar correctamente os riscos existentes na liña nin antes da súa posta en servizo nin antes de autorizar en 2012 a desconexión a bordo dos Alvia do sistema de control da velocidade.

Manuel Niño, director xeral de Ferrocarrís co PP cando ocorreu o accidente Dominio Público Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.