"Pasaremos do rigor ao crecemento económico sen abandonar o rigor". "Galicia, unha vez cumpridos os obxectivos de rigor, pode iniciar o crecemento económico". Apenas dúas semanas separan estas dúas afirmacións do presidente da Xunta e candidato á reelección. A primeira pronunciouna o pasado 8 de setembro no seu acto de proclamación como cabeza de cartel do PP nas eleccións do 21 de outubro. A segunda, este mércores, no acto convocado de urxencia polo Goberno galego para escenificar a sinatura de dous contratos da petroleira mexicana Pemex, un co estaleiro público Navantia de Ferrol e outro co privado Barreras, en Vigo. É unha operación duns 300 millóns de euros para construír dous floteis -barcos hotel auxilares das plataformas petrolíferas- que vén aliviar un maltreito sector con 3.000 empregos ao longo duns dous anos -só en Vigo o naval perdeu uns 10.000 empregos nos últimos tres anos- pero que a Xunta organizou para acrecentar todo o posible a xestión do Goberno en xeral e de Feijóo en particular, ata o punto de bordear a vixente Lei do Réxime Electoral Xeral (Lorex)
A lei impide organizar actos en período preelectoral para salientar "logros" do Goberno
Segundo a normativa electoral vixente dende setembro de 2011 a partir da convocatoria dunhas eleccións -neste caso, o pasado 27 de agosto- "fica prohibido calquera acto organizado ou financiado, directa ou indirectamente, polos poderes públicos que conteña alusións ás realizacións ou aos logros obtidos" ou que "utilice imaxes ou expresións coincidentes ou semellantes ás utilizadas nas súas propias campañas por algunha das entidades políticas concorrentes ás eleccións". Con este precepto na man boa parte do dito e feito este mércores pola Xunta no espazo destinado ás grandes solemnidades, o salón nobre do Pazo de Raxoi, fai, cando menos, renxer a flexibilidade da Lorex, a comezar pola propia organización do acto e a continuar polos discursos pronunciados nel.
Coas cadeiras de convidados ateigadas a sinatura do acordo entre Pemex, Navantia e Barreras era seguido en primeira fila polos alcaldes da Coruña e Ferrol e polo voceiro do PP en Vigo -non así polo alcalde da cidade, o socialista Abel Caballero-. Na mesa colocada para a ocasión sentaron o conselleiro delegado de Pemex Internacional, José Manuel Carrera, o presidente da Sociedad Española de Participaciones Industriales (SEPI), Ramón Aguirre, e un dos principais accionistas de Barreras, o que fora conselleiro de Caixanova José García Costas. No medio de todos eles, o presidente da Xunta.
"O éxito de Navantia é o éxito do presidente da Xunta e ante iso non podemos fallar", di o representante de Barreras
Foi precisamente García Costas o primeiro en tomar a palabra e tamén o encargado de activar a fervenza de eloxios dirixidos a Feijóo. Nun día "importante para Galicia" o empresario non dubida de que o contrato "foi posible asinalo polo traballo que empezou e rematou o presidente da Xunta" e, xunto a el, o conselleiro de Industria, Javier Guerra. Neste contexto, García Costas compromete o seu "empeño" para levar adiante o encargo de Barreras e para "colaborar" con Navantia. Porque "o éxito de Navantia é o éxito do presidente da Xunta, e ante iso non podemos fallar", proclama.
Non menos laudatorio foi o ton do presidente da SEPI. O que fora deputado do PP por Guadalajara durante seis lexislaturas asegurou non querer "buscar responsabilidades de por que hai sete anos que Navantia non conseguía ningún pedido", senón centrarse en celebrar un contrato que "non tería sido posible sen o presidente da Xunta", a quen eleva á categoría de "mellor axente comercial internacional" da operación, a cal, asegura, "tutelou" ata o punto de "indicarlles aos traballadores de Navantia" que "abandonasen as súas vacacións" de verán para "que fose posible ter os papeis preparados" para o contrato con Pemex. E xunto aos logros, os anuncios: Aguirre asegura que en próximas datas Navantia reunirá os sindicatos para "seguir estudando aspectos contractuais e financeiros" para a posible construción do demandadísimo dique flotante de Ferrol. "Moitas grazas, presidente", enfatizou.
Dos naval ao déficit público contra a "resignación"
"Galicia ten dende hai tempo unha administración eficiente e é a comunidade máis solvente do Estado", gabouse Feijóo
O receptor de todos estes eloxios foi o encargado de pechar o acto. Visiblemente satisfeito Feijóo pronunciou un discurso que foi alén do naval para poñer o acto de Raxoi como mostra da ausencia de "resignación" en Galicia. "Existen varias mostras disto na nosa andadura recente", asegura. "A resignación conduciu a pensar que era normal que o gasto das Administracións medrase exponencialmente", "tamén fixo pensar que non había maneira de estabilizar o déficit público". Pero "Galicia non se resigna", mantén e, nun ton moi semellante ao que vén empregando nos actos de precampaña, subliña que Galicia "ten dende hai tempo unha administración eficiente", é "a comunidade máis solvente do Estado" e é "fiable", por iso pode "chamar á porta das compañías máis importantes do mundo, como Pemex".
Nunha velada referencia á oposición Feijóo abonda na gabanza ao seu propio Goberno para "celebrar" que "fronte aos que tiveron dúbidas se consolide a idea de quen cremos en Galicia, nas súas posibilidades" e nas súas "capacidades para iniciar a recuperación". Segundo Feijóo estes dous encargso veñen "resolver un problema que se prolongaba anos" con proxectos "avalados" pola "convición e o realismo". Os floteis terán mesmo un "impacto superior aos quimiqueiros" que a propia Xunta asegurou que Pemex encargaría en Galicia e de cuxo futuro polo momento nada se sabe. "Non contemplo outra posibilidade" que non sexa que os estaleiros galegos "cumpran o seu contrato", aseguroulles o popular aos representantes mexicanos. "Non van fallar", abonda, nun contexto no que, ao tempo, aproveita para agradecer a sinatura "no nome do presidente Rajoy".