Os controis legais tradúcense en cifras. As primeiras e, con toda probabilidade, últimas eleccións galegas nas que os denominados residentes ausentes só poden participar pola vía do voto rogado -solicitando persoalmente poder participar nos comicios- baten récords, pero á baixa, na participación deste controvertido colectivo. Segundo os datos que manexa a Oficina do Censo Electoral, datados no pasado día 24, apenas o 3,7% do total do Censo de Residentes Ausentes (CERA) completou os trámites necesarios para exercer o dereito ao sufraxio. Nomeadamente, dos 397.284 electores e electoras inscritos -case un 20% mási que hai catro anos- só 14.647 rogaron o voto, o que quere dicir que a cifra final de partipación podería ser aínda máis baixa.
Mentres o Goberno central xa traballa nunha contrarreforma que permita volver ao antigo sistema -no que, por exemplo, os inscritos no CERA recibían na casa a documentación electoral sen comprobacións previas de identidade e sen nin sequera confirmar que o elector seguía vivo- as comparacións coas cifras de hai catro anos son elocuentes. Daquela emitiron o seu voto 101.708 dos 335.453 ausentes, isto é, case un 600% máis dos que o poden facer desta volta. A comparación das porcentaxes tampouco deixa lugar a dúbidas: o 3,7% de 2012 está moi lonxe do 30,3% de 2009, cifra media que na circunscrición de Lugo acadou o 35,2%.
Os votos que non cheguen a Galicia a través dos correspondentes consulados serán considerados nulos
Neste contexto, á reforma da lei electoral aínda vixente vénse de unir unha garantía adicional que, a priori, minorará aínda máis a influencia do tamén coñecido como voto emigrante. A Xunta Electoral Central vén de emitir unha instrución segundo a cal "computarán como votos nulos os contidos nos sobres de votación remitidos dende o estranxeiro (...) que non fosen recibidos a través dos correspondentes consulados". Isto é, se os electores do CERA deciden enviar o seu sufraxio directamente a unha xunta electoral en Galicia e non a un consulado no país no que residen, o seu sufraxio ficará invalidado. En anteriores convocatorias, esta posibilidade si era legal.
Incremento exponencial do censo
A abundancia de controis legais vén amortecer en boa medida o exponencial incremento experimentado polo CERA dende as eleccións de 2009. O feito de que 397.284 residentes no estranxeiro "con municipio de inscrición en Galicia" puidesen participar supuxo un medre do CERA do 18,4% a respecto de hai tres anos. O crecemento absoluto non é menor, cunha diferenza de máis de 60.000 persoas, pero o incremento obśervase aínda con máis nitidez en termos porcentuais. A suba do CERA en apenas tres anos é do 18,4%. Mentres, o censo total apenas engordou nun 1,88%, pasando dos 2,64 millóns de persoas das eleccións de 2009 a 2,69 millóns nas de 2012.