Só 2 dos 19 senadores galegos aproban

Javier Losada intervén nun pleno do Senado en setembro deste ano en relación coas pensións © Blog de Javier Losada

O Senado español é noticia permanentemente, aínda que máis frecuentemente polas discusións sobre o que debería ser que polo que fai, xa que se trata sen dúbida dun dos órgaos menos coñecidos da arquitectura institucional española. Hoxe, o Senado volta a estar nas portadas, na maioría dos medios por conta da dispendiosa renovación da súa web; mais cando só falta unha semana para que se cumpra o primeiro aniversario das eleccións que levaron Mariano Rajoy ao poder, semella máis importante repasar o que foi feito neste tempo pola chamada Cámara Alta española. E así imos facelo, concretamente deitando o ollar sobre o rendemento dos representantes galegos nese órgao, que desde as eleccións do pasado outono conta cunha delegación cen por cento bipartidista formada por 14 senadores galegos do PP (12 electos polo pobo e 2 polo Parlamento) e 5 do PSdeG (4 e 1, respectivamente). Mañá será a vez do estudo sobre os deputados e deputadas que nos representan no Congreso.

Datos de rendemento

Dous senadores do PSdeG responden por case o 87% do traballo realizado polo conxunto dos 19 senadores galegos e ninguén do PP chega sequera á media de 1 iniciativa por trimestre

O estudo do rendemento dos senadores galegos no período que vai desde as eleccións do 20-N até hoxe mesmo foi realizado cos datos que proporciona o propio Senado español e mostra que dos 19 senadores galegos, só 2 aproban; ademais, confírmase unha vez máis unha tendencia xa coñecida, pola cal os senadores da oposición obteñen mellor nota que os do goberno. 

  • Javier Losada e Miguel Fidalgo (ambos, do PSdeG) responden por case o 87% do traballo realizado polo conxunto dos 19 senadores galegos.
  • Os demais senadores do PSdeG suspenden, ao non atinxir a media de polo menos 1 iniciativa/semana, mais mesmo así superan amplamente os senadores do PP, xa que todos eles están perto da absoluta inacción –o cal só é desculpable, e mesmo así cunha boa dose de xenerosidade, no caso de José Luis Barreiro, polo feito de ser o Portavoz do Grupo Parlamentar do PP no Senado. 
  • Os senadores do PSdeG renden, en media, 62 veces máis que os do PP e son responsables por máis do 95% das iniciativas levadas a cabo polos senadores galegos, a pesar de que só representan o 26% da delegación galega.
  • Ningún senador do PP supera as 3 iniciativas en total, o que equivale a menos de unha por trimestre. Ademais, algunhas das iniciativas foron asinadas por varios senadores populares conxuntamente, co cal a cifra total sería aínda menor se descontásemos as duplicidades.
  • Das 738 iniciativas presentadas, nada menos que 646 (ou sexa, 7 de cada 8) son preguntas presentadas para recibiren resposta por escrito, que na maior parte dos casos non son da autoría dos respectivos senadores senón dos aparatos partidarios.

O perfil dos senadores galegos

O perfil medio do senador galego é o dun varón con décadas de dedicación ininterrompida á política institucional e que acumula varios cargos simultaneamente

No tocante ao xénero, as mulleres seguen a ser unha minoría ben por baixo do 40% aparentemente garantido pola lexislación electoral. Na elección popular directa, non se ficou lonxe desa porcentaxe, xa que das dezaseis actas en disputa, seis (o 37,5%) foron parar a mans femininas, mais dado que os tres representantes nomeados polo Parlamento de Galicia son homes, a porcentaxe de mulleres diminiu até supor somente o 31,6%

Se é grave a fenda de xénero, non o é menos a da renovación xeracional. Dos 19 representantes galegos, só un (Enrqiue López Veiga, do PP) non ten ocupado cargos públicos de maneira ininterrompida; todos os demais, unha vez que conseguiron un posto institucional, seguiron facendo carreira política, alternando –cando non acumulando, como se verá máis adiante– un cargo atrás do outro. Só seis dos dezanove representantes galegos no Senado levan menos de 10 anos en cargos públicos institucionais, e iso sen ter en conta neste cómputo os cargos orgánicos en partidos, sindicatos e organizacións afíns. Estes son os primeiros colocados no ranking de lonxevidade política:

  1. José Luis Rivera Mallo (PP). Ocupa cargos públicos de xeito ininterrompido desde 1979 – 34 anos.
  2. José Luis Torres Colomer (PP). Idem desde 1981 – 32 anos.
  3. Javier Losada (PSdeG). Idem desde 1983 – 30 anos.
  4. Miguel Fidalgo (PSdeG). Idem desde 1983 – 30 anos.
  5. María Jesús Sáinz (PP). Idem desde 1986 – 27 anos.
  6. Armando Castosa (PP). Idem desde 1991 – 22 anos.
  7. Francisco José Pérez (PP). Idem desde 1991 – 22 anos.
  8. Carmen Leyte (PP). Idem desde 1991 – 22 anos.
  9. José Manuel Barreiro (PP). Idem desde 1995 – 18 anos.
  10. Juan Manuel Jiménez Morán (PP). Idem desde 1995 – 18 anos.
  11. Juan Manuel Juncal (PP). Idem desde 1997 – 16 anos.
  12. Ricardo Varela (PSdeG). Idem desde 2001 – 12 anos.
  13. Enrique López Veiga (PP). 14 anos, en tres etapas diferentes: ocupou o seu primeiro cargo público en 1989.

Dous senadores e unha senadora do PP ocupan ao mesmo tempo a alcaldía dos seus concellos, entre outros moitos casos de pluriemprego en cargos públicos

Outra característica destacada é a do pluriemprego en cargos públicos. Nesta categoría –en parte debido á drástica redución de espazos de poder ocupados polo PSdeG logo dos resultados electorais dos últimos anos– os indiscutibles campións son dous senadores do PP: Armando Castosa, que actualmente acumula os cargos de senador, alcalde de Cospeito, deputado provincial e presidente da mancomunidade de concellos da Terra Cha; e mais Juan Manuel Jiménez Morán, que non ten problema para exercer ao mesmo tempo como senador, vicesecretario de acción política do PP de Galicia, presidente do PP de Verín, vicepresidente da mancomunidade de Monterrei e vocal do consorcio comarcal de salvamento e loita contra os incendios. Mais non son os únicos casos actuais de senadores pluriempregados –considerando unicamente os cargos unipersoais e excluíndo tanto as vocalías de órgaos colexiados como a participación en consellos de administración de organismos públicos e/ou de empresas–, senón que tamén atopamos os seguintes:

  • Carmen Leyte (PP) é senadora, alcaldesa de Cartelle, coordinadora provincial do partido en Ourense e membro das direccións galega e estatal do partido.
  • Francisco Fernández (PP) é senador, alcalde de Leiro e presidente da mancomunidade do Ribeiro.
  • Juan Juncal (PP) é senador e concelleiro en Ferrol.
  • José Manuel Barreiro (PP) é senador e presidente provincial do partido en Lugo.
  • Pablo García (PSdeG) é senador e secretario nacional de organización do partido.
  • Ricardo Varela (PSdeG) é senador e secretario xeral provincial do partido en Lugo.
  • Miguel Fidalgo (PSdeG) é senador e responsable nacional de formación do partido.

A todos eses casos de pluriemprego institucional habería que engadir os protagonizados no pasado recente por actuais senadores e senadoras, como Torres Colomer, Rivera Mallo, María Jesús Sáinz e o propio José Manuel Barreiro, no que tanxe ao PP; ou Javier Losada e o xa mencionado Miguel Fidalgo, no que di respecto ao PSdeG.

 

Bandeiras das comunidades autónomas e do Reino de España, en fronte ao Senado CC-BY-NC Wikipedia en español
Javier Losada intervén nun pleno do Senado en setembro deste ano en relación coas pensións © Blog de Javier Losada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.