"Este é o día en que Galiza en rompemos unha fenda histórica ou volvemos unir o que a historia separou", así celebrou Xosé Morell, voceiro dos promotores da ILP Valentín Paz Andrade, a toma en consideración por unanimidade no Parlamento da proposta para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, que pide a implantación dese idioma nos currículos escolares. Os catro grupos da Cámara deron o seu apoio a unha iniciativa que se compromete "co aproveitamento das potencialidades" da lingua do país e que agora debe levar as autoridades a "valorizar o galego como unha lingua con utilidade internacional", tendo en conta que o achegamento ao portugués implica facelo a un "idioma de traballo de vinte organizacións internacionais, incluída a UE, e lingua oficial de nove países" entre os que figuran "potencias económicas como o Brasil".
"Este é o día en que Galiza en rompemos unha fenda histórica e volvemos unir o que a historia separou", dixo Morell
Foi un si rotundo a unha ILP apoiada por máis de 17.000 sinaturas e que Xosé Morell defendeu como a ocasión "de faceren ver non só ao empresariado, senón a todos os galegos galegas, aos nosos fillos e fillas" a existencia dunha "lingua extensa e útil, cunha dignísima historia de séculos e un inmeso futuro por diante , como o que ten este país". E foi unánime, aínda que o PP quixo deixar claro o carácter "estranxeiro" do portugués e a súa negativa a revisar calquera aspecto da normativa do galego.
Os argumentos culturais e lingüísticos a prol da ILP mesturáronse coa defensa das enormes vantaxes económicas do portugués
Os argumentos da comisión promotora foron culturais e lingüísticos, pero tamén económicos a favor das potencialidades dun idioma co que os galegos poden entenderse con outros 250 millóns de persoas. "A crise contrasta coa auxe de novas potencias como o Brasil, Angola ou Macau", lembrou o membro da comisión promotora ante un Parlamento ao que recordou que a economía brasileira "xa é a quinta maior do mundo e a primeira de América Latina".
"Os galegos e galegas poden aproveitar un potencial económico ata hoxe desaproveitado, abrindo as portas a un universo en expansión, onde os galegos e galegas podemos estar por dereito propio", engadiu Morell, que advertiu tamén que mentres en Estremadura e en Andalucía "son milleiros" os nenos que aprenden portugués, en Galicia tan só hai 600, o que supón "un déficit que cómpre corrixir o antes posíbel". Así, pediu "unha pluralidade de medidas" para a incorporación do enisno deste idioma no país, unha promesa de Feijóo da que nada se sabe catro anos despois.
"Os galegos poden aproveitar un potencial económico ata hoxe desaproveitado, abrindo as portas a un universo en expansión, onde podemos estar por dereito propio", defenden os promotores da ILP
Tamén solicitou, aludindo ás reivindicacións da ILP, "materializar a recepción en aberto das televisións e radios portuguesas mediante a TDT". "A nosa proposta prevé que o Goberno galego adopte as medidas necesarias para o lograr, adoptando así unha previsión recollida na Carta Europea das Linguas", lembrou Morell, antes de agradecer a toma en consideración por unanimidade dunha iniciativa "que vai ser para todos nós, non só para os promotores, senón para todos os galegos e galegas e para os que virán despois de nós". "É un día histórico e lembrado", insistiu.
O BNG lembrou as reiteradas negativas do PP á hora de potenciar o portugués no país no pasado
"Restituír a normalidade lingüística"
Non houbo rexeitamento, pero si matices. Así, o BNG, a través da súa deputada Ana Pontón, defendeu as reivindicacións da ILP como "elemento clave na restitución da normalidade lingüística e á hora de potenciar as oportunidades no ámbito económico que a lingua portuguesa aber para o tecido empresarial e cultural do país", pero recordou tamén que o Bloque leva anos levando á Cámara iniciativas "que reclamaban cuestións como as que veñen neste ILP", mentres o PP e os gobernos de dereita obviaron moitas das propostas, colaborando "nunha negación histórica da nosa realidade".
"Hai situacións que causan vergoña allea, como ver o noso vicepresidente e presidente utilizando no Brasil ou en Portugal a lingua castelá acompañados de intérprete. En aras da austeridade ben poderían aforrar os intérpretes e utilizar a lingua galega", advertiu Pontón, que lembrou tamén as negativas da Xunta a varios centros que reclamaron impartir o portugués como lingua estranxeira no currículo escolar.
AGE aposta por que Galicia "colla corpo e comunique a súa identidade" dentro da lusofonía
Pola súa banda, Xabier Ron, deputado de AGE, reivindicou a ILP como unha boa forma de "derrubar os valos para que lusofonía sexa un espazo aberto" e que defendeu a conformación dunha "nova idea de lusofonía, respectuosa coas linguas minorizadas e a diversidade". "Galicia debe coller corpo no relato que constrúen os países da CPLP, unha identidade que precisa ser comunicada e entendida", defendeu, tras ver nas propostas da iniciativa unha "excelente ocasión en clave de reprociprocidade para as artes, a música, as editoriais, as políticas ou os ámbitos sociais e económicos".
Nos mesmos termos se manifestou o deputado do PSdeG Francisco Caamaño, que chamou a "converter a irmandade con Portugal nun elemento estratéxico" e que ve na ILP un primeiro paso para "superar a división interna, ese muro construído" entre o país veciño e Galicia. "O que se nos di hoxe é que esquezamos os espazos dos territorios e do poder", insistiu, tras reivindicar o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía como "unha boa maneira de construír xuntos e de superar a crise" e de permitir que os nenos galegos poidan estudar ese idioma.
O PSdeG ve na aprobación da ILP un primeiro paso "para converter a irmandade con Portugal nun elemento estratéxico"
Tamén Agustín Baamonde, deputado do PP, defendeu a "oportunidade de converter en real a converxencia entre Galicia e a lusofonía" e a "posibilidade de interconectar cun mercado de extraordinario potencial económico". Aínda así, apostou por que a lingua portuguesa teña "un trato preferente por esa relación de interdependencia co galego e coa tradición histórica", pero tamén quixo deixar "claro" que se trata "dunha lingua estranxeira con carácter opcional e non obrigatorio".
O PP defende un trato "preferente" para o portugués pero "como lingua estranxeira e non obrigatoria"
"Non temos intención ningunha de entrar no debate normativo. O galego ten unha normativa oficial, aprobada, que dende o PP acatamos e respectamos", advertiu tamén, para finalizar alertando "dalgunhas dificultades" para a aplicación práctica da ILP, "tanto no relativo ao currículo escolar como no aproveitamento do espazo radioeléctrico, que é unha competencia estatal".