As comisións de control nas malogradas caixas de aforro tiñan por misión supervisar a súa xestión económica e financeira, así como revisar os seus balances e órganos de goberno. O Estatuto de Autonomía outórgalle a Galicia competencias en materia de caixas e por iso, mentres existiron, o Goberno galego tiña, en virtude das leis vixentes, a potestade de nomear representantes nestas comisións que, con voz e sen voto, podían coñecer de primeira man a xestión das entidades. Este xoves o que fora conselleiro de Economía no Goberno de coalición de PSdeG e BNG, José Ramón Fernández Antonio, acudiu á comisión que investiga no Parlamento a desaparición de Caixa Galicia e Caixanova e deu en explicar as razóns que o levaron a renunciar a esa posibilidade de control directo.
Ante as insinuacións do PP Fernández Antonio explicitou ante a Cámara que "nin na asemblea nin nos consellos de administración" das caixas "había representante ningún da Xunta" e, por un principio de "mantemento da independencia na xestión das caixas, de non inxerencia por parte da Consellería" el mesmo "estimou" que "non era necesario nin conveniente que houbese un representante na comisión de control", admite. Isto non quere dicir, non obstante, asegura, que non houbese "un seguimento" da saúde financeira das caixas. Como conselleiro, explicou, nunha comparecencia integramente en castelán, recibía "informes periódicos" ao respecto e tamén analizou as auditorías anuais das dúas entidades. Ata o final, empresas auditoras como Price Waterhouse "aprobaban as contas anuais das dúas caixas galegas" baseándose no que definían como "imaxe fiel do patrimonio" de ambas.
Nin as auditorías das caixas nin o Banco de España amosaron "ningunha preocupación" pola "solvencia" de Caixanova nin de Caixa Galicia
Non había neses informes "ningunha preocupación sobre a solvencia" de Caixa Galicia nin de Caixanova como tampouco había "ningunha preocupación especial" ao respecto no Banco de España. Así quedou patente, di, nunha "reunión" mantida co gobernador do Banco de España da época, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, quen tampouco lle transmitiu á consellería ningunha indicación ou reflexión "en relación con futuras fusións". Todo isto aconteceu nun contexto no que, lembra, "o control da solvencia das entidades financeiras" era "exclusiva do Banco de España" e non da Xunta.
A expansión e as preferentes
No seu fugar retorno ao Parlamento a Fernández Antonio tocoulle revivivir, por uns minutos, o papel de gobernante que ten diante unha oposición do PP. O voceiro conservador, Pedro Puy, aproveitou a presenza do responsable económico do bipartito para cuestionalo, por exemplo, pola apertura de 292 oficinas das caixas fóra de Galicia "no período en que foi conselleiro" ou pola multiplicación "por catro" do crédito con risco inmobiliario nese mesmo tempo. "Ninguén o advertiu desa multiplicación do crédito?", cuestionou.
Fernández Antonio critica a "grave irresponsabilidade" cometida na colocación das preferentes
Dende unha defensa da súa aposta por que as caixas "reorientasen" a súa obra social e servisen para darlle maís "financiamento" ás empresas, Fernández Antonio desligou o seu labor gobernamental da expansión crediticia das que naceran como entidades de perfil eminentemente social. Tampouco afondou na comercialización das preferentes, sobre as que si polemizou Puy co voceiro socialista, Abel Losada. En todo caso, o ex conselleiro si ten claro que as persoas estafadas estaban "absolutamente fóra de calquera condición de xente que puidese adquirir eses produtos" pola súa nula "experiencia de investimento".
"Nos casos en que foron mal comercializadas", di, as caixas cometeron "unha grave irresponsabilidade" pero, ao seu xuízo, cómpre tamén deterse na situación actual. Segundo datos do Congreso dos Deputados, dos "23.600 millóns de euros dirixidos a preferentes" no conxunto de entidades financeiras do Estado "quedan 5.600 neste momento" e detes, "4.500 corresponden a Bankia, Novagalicia Banco e Caixa Catalunya", as tres entidades nacionalizadas que son as que "máis problemas están poñendo para resarcir as persoas que sufriron coas pereferentes". "Os cartos públicos, se teñen que salvar alguén, primeiro terán que salvar as persoas que aos bancos", reflexiona.