As rías galegas seguen agardando. O informe sobre o seu estado continúa paralizado nove meses despois da visita dos eurodeputados enviados a Galicia pola Comisión de Peticións do Parlamento Europeo e que non dan consensuado un texto. Logo deste último adiamento, o ditame acumula xa tres atrasos, unha situación inaudita provocada por un "bloqueo político" que varios eurodeputados atribúen á "presión e as manobras" do PP, que intenta evitar que se cuestione o papel das administracións na lamentable situación das rías do Burgo, Ferrol e Vigo, que seguen esperando polas medidas propostas para frear a súa contaminación.
O informe das rías galegas acumula tres aprazamentos e nove meses de atraso desde a visita da delegación europea
No pasado mes de xullo, a presidenta da Comisión de Peticións da Eurocámara, Erminia Mazzoni, accedeu a consultar aos servizos xurídicos para aclarar así o procedemento que se debía seguir, logo de que eurodeputados do PP europeo bloqueasen o informe ao envialo aos servizos xurídicos para revisar o seu procedemento e non aceptar que simplemente se abrise o texto ás emendas até o final do verán.
Esta semana, e logo daquel segundo atraso, Mazzoni comprobou nunha xuntanza en Estrasburgo que a división entre os tres europarlamentarios enviados a Galicia seguía vixente. En lugar de presentar un texto pactado e consensuado, tal e como se lles requirira, o conservador Philippe Boulland achegou un apoiado polo PP no que se evitan críticas á xestión das administración, óbviase a súa responsabilidade e destácanse os esforzos realizados pola comunidade autónoma e as administracións locais para resolver a contaminación. No entanto, a eurodeputada Tatjana Zdanoka, de Verdes-ALE, e a liberal Angelika Werthmann foron moito máis críticas, destacando as continuas denuncias cidadáns e ecoloxistas sobre a situación das rías -en especial a do Burgo- e relatando unha contaminación que en declaracións tras a viaxe a Galicia non dubidaran en cualificar de "escandalosa" e na que falaban de "inmundicia inxustificable".
Os tres europarlamentarios non dan consensuado o texto: o do conservador non censura as autoridades e é apoiado polo PP; o outro é máis crítico
As diferenzas non foron sempre así. Boulland, que é presidente da delegación enviada a Galicia, quedara impresionado coa situación das rías galegas, especialmente coa do Burgo. A súa idea era a de facer un informe moi crítico, tal e como advertira e tal e como lembran varios eurodeputados. Pero foi virando a posición e optou por redactar o seu texto sen contar coas outras europarlamentarias e obviando as críticas ás administracións presionado polo PP, segundo denuncian parlamentarios que reparan nunha situación anómala, nunca vista e que provoca un atraso nunca visto en informes deste tipo.
O deputado conservador virou a súa posición, que nun principio era a de criticar con dureza a situación das rías galegas
Zdanoka e Werthmann censuran a actitude pechada e teimuda de Boulland e continúan firmes na súa intención de describir con fidelidade o visto en Galicia e denunciar a situación de abandono das rías. "Se non se acepta a súa parte, votarán en contra e haberá dous informes; están sorprendidas por algún intento de manipulación, pero non van aceptar presión ningunha", relata un europarlamentario consultado por Praza.
A presidenta da Comisión de Peticións da Eurocámara, Erminia Mazzoni, non é favorable a que se presenten dous textos, pero a imposibilidade de consensuar un informe obrigouna a aceptar que se inclúa unha parte descritiva na que se inclúan as partes de ambas as dúas achegas. Estean ou non de acordo os membros da comisión que viaxaron a Galicia, será o texto que se inclúa na vindeira xuntanza da Comisión a finais de mes.
As dúas eurodeputadas seguirán firmes e non aceptarán que non se acepte o seu informe
Os eurodeputados poderán presentar emendas no apartado das conclusións e, tras o seu debate, será sometido a aprobación. Será aquí cando os diferentes grupos terán que mollarse e onde serán claves os socialistas, que se atopan entre dúas beiras, ao aceptar a grave situación que se describre sobre as rías galegas, pero que procuran non amolar demasiado ás autoridades locais viguesas -que son criticadas pero onde tamén se advirte dos avances feitos coa depuradora- polas eivas comprobadas na ría de Vigo.