As críticas ao canon de Sogama destapan os excesos verbais do seu presidente

Complexo de Sogama, en Cerceda © Sogama

A polémica suba do canon de Sogama decidida pola Xunta, que suporá que os 296 municipios que envían os seus residuos á planta de Cerceda teñan que pagar un 34% máis pola factura da sociedade pública, vén de provocar a rebelión de preto dun cento de concellos, decididos a deixar de pagar se Feijóo non accede a reunirse con eles na procura dunha solución alternativa. A Fegamp acordou tamén pedir un incremento gradual -e non de golpe- do devandito canon, mentres os concellos non gobernados polo PP uníronse tamén coa intención de pecharse na sede do Goberno galego se as súas demandas non son atendidas. Tamén reclaman a dimisión do presente da sociedade pública, ao que acusan de "exercer de voceiro do PP" e ao que censuran polas súas duras e polémicas verbas contra os rexedores críticos. En público, pero -se cadra moito máis graves- tamén nas redes sociais.

"É o presidente dunha empresa pública e débese aos intereses públicos, non aos dun partido"

O propio alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, un dos voceiros destes municipios, censurou a actitude do máximo responsable das instalacións de Cerceda. "É o presidente dunha empresa pública e débese aos intereses públicos, non aos dun partido", declarou, deixando claro o rexeitamento dos alcaldes ás duras verbas que Luís Lamas adoita dirixir aos cargos públicos dos partidos da oposición. "Hai 28 persoas que traballan en Sogama que supoñen un salario de máis de 2 millóns de euros", declarou José Luís Raposo, rexedor de Pedrafita, tras adiantar que a idea de moitos alcaldes é tamén "solicitar unha auditoría para que se explique a todos os que pagamos o canon como se gastan os cartos alí e onde se pode recortar".

Juan Carlos González Santín, voceiro do PSdeG na provincia de Lugo, tamén foi duro coa xestión de Sogama e uniuse ás dúbidas e censura dunha morea de alcaldes contra os elevados soldos dos directivos da sociedade pública. De feito, os socialistas sospeitan que a suba do canon sirva para sufragar os salarios "dalgúns cargos" da planta: "O propio presidente da entidade está incumprindo a incompatibilidade de altos cargos, dispón dun salario máis elevado que o do propio titular do Goberno galego e conta cun vehículo de empresa os 365 días do ano. Non será, polo tanto, que este incremento é necesario tamén para pagar estes sobresoldos?", asegurara.

Os alcaldes críticos censuran o elevado soldo do presidente de Sogama, que cobra máis que Feijóo

Ser presidente de Sogama sae case 10.000 euros máis rendible que ser presidente da Xunta. O presidente da entidade, Luís Lamas, ingresa cada ano uns 85.000 euros, segundo datos de 2012. O seu director, Francisco Silva, recibe 82.449 euros. Esa é unha das principais queixas dos rexedores, que ven nos elevados salarios dos dirixentes unha posibilidade de recorte que non acabe afectando aos muncipios, que até agora pagaban 61,5 euros por tonelada de refugallos tratada e que pasarán a abonar 82,1.

A resposta de Luís Lamas non se fixo esperar e en varios medios acusou os alcaldes de "facer política coa suba do canon de Sogama", tal e como se pode ver incluso na web da sociedade, onde se destacan as declaracións do seu presidente. Ademais, convidou os rexedores a saír do sistema de tratamento de lixo e a que arranxasen o seu problema cos residuos. "Actúa como voceiro do PP", censuran os alcaldes críticos.

Lamas cargou en público contra os partidos da oposición, pero nas redes sociais aumentou a dureza das súas críticas ata incluír alusións persoais a cargos públicos

Pero o que máis "impactou" a algúns cargos públicos foron as palabras que Lamas dedicou no seu perfil de Facebook a varios dirixentes políticos da oposición galega, especialmente a membros do PSdeG de Lugo, provincia onde comezou a súa carreira no PP. A González Santín, secretario xeral do PSOE provincial, acúsao de estar no seu cargo "por ser amigo de Besteiro, que coloca ben os seus". Ademais, responde ás súas críticas sobre os elevados soldos en Sogama cualificándoo de "miserable", segundo os textos aos que puido acceder Praza.

Lamas di que Santín está no seu cargo "por ser amigo de Besteiro", ao que acusa de "colocar ben os seus"

"A Besteiro o traballo gústalle o xusto, pero ten unha vantaxe: a cámara quéreo. A Santín pásalle como a min, está pelexado coa cámara e por iso, para se manter nisto terá que poñer o mono de faena e darlle duro ao pico e á pa", chega a dicir Lamas, que fai referencia ao salario do seu antecesor á fronte de Sogama e aos seus presuntos privilexios "mentres Santín gozaba dos praceres da vida monacal, igual que Orozco e os demais, unha congregación de bernardos; é dicir, calaban". Fontes da oposición parlamentaria cren "inconcebible" que o dirixente dunha empresa pública se dedique a descualificar desa maneira cargos e representantes públicos. "Non se sabe o que fixo Santín na Deputación; nin tan sequera unhas tristes fotocopias ou un café ao seu xefe", di tamén o responsable da planta de Cerceda.

"Non se sabe o que fixo Santín na Deputación; nin tan sequera unhas tristes fotocopias ou un café ao seu xefe", di o presidente de Sogama

"Esquece Santín unha cousa: o poder non se conquista, hérdase. Teño un amigo que usa un dito: foron polo mono e levaron o zoolóxico. Igual é o caso, mira ti", conta tamén Luís Lamas no seu perfil desta rede social, unhas palabras que puideron ser vistas por varios dos que se converteron no seu obxectivo.

Luís Lamas, entre Raquel Arias e o alcalde de Sober © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.