"Xa hai máis concellos pensando en saír de Sogama"

O alcalde de Rianxo, xunto ao conselleiro de Medio Ambiente © Xunta

Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, anunciou o pasado sábado a intención do seu Concello de saír de Sogama para se incorporar ao modelo de tratamento do lixo e compostaxe de Serra do Barbanza, onde xa operan nove concellos (Carnota, Lousame, Muros, Porto do Son, Noia e Brión, como municipios de pleno dereito, e Rois, Pontecesures e Ames como localidade adheridas). O rexedor rianxeiro do BNG aclara que a decisión de unirse á planta de tratamiento de Servia, en Lousame, levaba tempo sendo meditada e que foi baseada na aposta por este modelo de reciclaxe e no intento de deixar atrás o da incineración. No entanto, recoñece que a suba do canon anunciada pola Xunta foi "o empurrón definitivo" para un cambio que se confirmará nas vindeiras semanas.

Que influíu máis na súa decisión: o modelo de xestión ou razóns económicas?

As dúas cousas inflúen, pero en primeiro lugar o modelo de xestión. Non hai cor se comprobamos cal é o modelo que máis recicla e ese é o de Serra do Barbanza, tal e como está estudado rigorosamente. Aposta por converter en compost unha boa parte da súa produción, fronte a unha Sogama que incinera a maioría dos residuos. En canto a modelo e por razóns ideolóxicas, non había dúbida ningunha. No Concello de Rianxo queremos dar servizo aos veciños e partiamos de dúas premisas: que o veciño notase a mudanza para ben e que non repercutise dunha maneira excesiva no custo para a administración local. Levamos meses de traballo cun estudo pormenorizado de cada detalle: do número de contedores, dos lugares de recollida, que coinciden no 99% dos casos cos lugares actuais... Ademais, fixemos unha análise económica para ver como lle sairía ao Concello esa mudanza de planta.

"A cuestión económica influíu, pero a nosa aposta era cambiar o modelo cara á compostaxe"

E como lle sae?

O custo é bastante semellante a día de hoxe. Un dos nosos obxectivos tamén era garantir que o cambio fose asumible porque estamos dispostos a pagar máis por un modelo máis eficiente, pero non moito máis. Hai que ter os pés no chan. Buscamos unha fórmula para que o traslado non fose gravoso e, logo de comprobar os custos do investimento necesario e tras encaixalo todo, chegamos á conclusión de que era a mellor opción. Foi un traballo de meses.

Influíu o anuncio da suba do canon de Sogama?

Foi un empurrón máis nunha decisión que case tiñamos tomada. Esa suba, aínda que agora se apraza uns meses, xa está confirmada e moito me temo que só será a primeira dun incremento que será maior no futuro. Foi o empurrón definitivo para tomar unha decisión correcta e moi meditada.

"A suba do canon de Sogama foi o empurrón definitivo; moito me temo que só será o primeiro de máis incrementos"

Sogama segue a recibir críticas de numerosos concellos por ser un modelo ineficiente e caro...

É a realidade e eles tampouco o agochan. Se se produce unha suba no importe do canon é porque a reforma enerxética deixa de pagar ou paga menos a incineración que se realiza en Sogama, o que é o mesmo que asumir que a vontade da planta é precisamente esa: incinerar. E se o fan é porque daba unha serie de ingresos derivados das primas por xeración eléctrica. Sogama, na súa propia definición, aposta pola incineración, pero onde queda a reciclaxe? Estanse cobrando unhas taxas aos veciños por reciclar cando en realidade iso non se fai. Ao final, fas campañas, divides os residuos en contedores para que case todo acabe no mesmo saco e nun forno crematorio. É evidente que algo non está a funcionar ben.

"Sogama aposta pola incineración e é inviable, e todo é forito do desleixo da Xunta de Galicia"

Por que cre que se chegou a esta situación?

O que houbo foi moito desleixo por parte do Goberno autonómico, que se atopa agora con que só ten unha planta en Cerceda, que é un gran vertedoiro. É  unha soa Sogama para toda Galicia e é obvio que non pode ser viable cando se ten que transportar o lixo desde concellos tan afastados, como os de moitos puntos de Ourense ou desde a costa de Lugo. Os custos deste traslado teñen que ser espectaculares, pero nada se fixo para buscar propostas como a de Lousame, que é unha aposta comarcal que permite que uns municipios, a unha distancia asumible, poidan ter o tratamento de lixo aquí preto.

Cre que a saída de Rianxo de Sogama animará outros concellos a marchar tamén?

Hai máis concellos interesados en saír de Sogama porque, en canto nós anunciamos a nosa decisión, algún deles xa se teñen dirixido a Rianxo para interesarse pola nosa aposta, aproveitando que temos os datos frescos e que analizamos a viabilidade do cambio. O problema é que non todos os concellos poden atopar unha solución fácil porque se o sistema de Serra do Barbanza funciona é porque é achegado. O que debería facer a Xunta é traballar para ter plantas como a de aquí en diferentes comarcas e permitir que a xente, libremente, optase por un sistema ou outro. Pero o Goberno galego nunca traballou por unha proposta alternativa. Se cadra concellos potentes do sur de Galiza e con suficiente poboación deberían buscar solucións como a de Lousame para trasladala a outras poboacións do país.

Con Rianxo, dez concellos tratarán o lixo no sistema da Serra do Barbanza, é posible que se engadan máis?

Si hai posibilidades, pero tamén depende da capacidade que ten a propia planta. Hai uns terreos adquiridos para unha posible ampliación da planta, o que permitiría que se incorporasen máis concellos, pero a día de hoxe, tal e como está, non estou seguro de que puidese abranguer moito máis. Desde logo, se hai aposta real por ela e se suman municipios potentes, seguro que se poderían admitir máis localidades.

"A Xunta debería traballar para impulsar plantas comarcais de reciclaxe, pero nunca quixo buscar alternativas a Sogama"

Rianxo sae de Sogama, varios concellos rebélanse pola suba do canon, outras ante o copago farmacéutico... É a administración local a alternativa ás políticas da dereita?

Desde os concellos podemos imprimir un selo distinto e demostrar que hai alternativas e que as podemos levar a cabo. Non é tanto por asumila directamente desde os concellos, senón para afear a actitude de submisión aos poderes económicos que se dá por sentada. O que queremos é demostrar que non é tanto así e que, dependendo de quen goberne, as cousas pódense facer doutra maneira. Hoxe vemos que a o Executivo vai gastar cantidades enormes de euros en publicitar a reforma laboral e aí non hai reparo ningún en gastar. Desde o BNG cremos que é necesario apostar por outra política na que a xente non sexa o último, senón o primeiro. A banca, que espere porque leva funcionando séculos, transfórmase e os directivos saltan dun banco a outro. Os problemas son os da xente e aí é onde nos debemos centrar, aínda que chegará un momento no que non deamos máis porque tamén o estamos pasando mal e non podemos tapar todos os ocos que a Xunta e o Goberno do Estado impoñen. Aínda así, ata onde poidamos, farémolo e outros partidos non poden dicir o mesmo.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños © BNG-Ribeira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.