Máis de medio ano máis tarde do previsto e varios atrasos despois, a UE vén de aprobar o informe sobre as rías galegas logo de que a Comisión de Peticións votase este luns as recomendacións para arranxar os graves problemas de contaminación das rías de Vigo, Ferrol e do Burgo. Saíu finalmente adiante un ditame fraco, morno e benévolo coas administracións. Todo malia a radical falta de acordo entre o xefe da misión comunitaria que visitou Galicia, o conservador Philippe Boulland, e as outras dúas eurodeputadas da delegación, a austríaca liberal Angelika Werthmann e a letoa dos Verdes Tatjana Zdanoka, que volveron protestar por un documento que non cren que reflicta a verdadeira gravidade da polución e dos problemas que puideron comprobar na súa viaxe ao país. Tanto que pediron que os seus nomes e sinaturas non figuraran no texto.
As dúas eurodeputadas que visitaron Galicia negáronse a participar na votación ao non incluírse a súa visión e si a do xefe da misión, que "é minoritaria e non reflicte a realidade"
E tal desacordo amosaron que decidiron non participar na votación ao non aprazarse e ao non incluírse un documento anexo que completara a parte descritiva do xefe da misión europea e que, advirten, "é unha opinión minoritaria". "Pedimos que se introduza a nosa opinión, que é contrario, porque a que hai non é unha descrición exacta da situación por parte desta Comisión, polo que non é axeitado que participemos", advertiron Zdanoka e Werthmann, que recibiron o apoio doutros eurodeputados que dixeron estar "abraiados" polo procedemento seguido que "desatendende as normas" e que foi cualificado por Iñaki Irazabalbeitia, parlamentario de Aralar que presentou as emendas en nome do BNG, como "farsa", tras asegurar que votaría "por responsabilidade" pero non porque llo pedise "o corazón".
"A opinión maioritaria deste informe acaba sendo a da minoría dos europarlamentarios que visitaron as rías en Galicia"
"A opinión maioritaria deste informe acaba sendo a da minoría dos europarlamentarios que viaxaron a Galicia logo de que se ningunease as dúas deputadas, coas que mostro a miña solidariedade", asegurou Irazabalbeitia, que acusou os dous grandes partidos de "pasar o rodillo" "E estas son as consecuencias". Ana Miranda, pola súa banda, acusa a PP e PSOE de dun acordo entre eles para rexeitar as súas propostas e de "lavarlle a cara" tanto á Xunta como ao Concello de Vigo.
As consecuencias foron as esperables. O informe foi aprobado con 20 votos a favor -populares e socialistas incluídos- e 7 en contra. Ademais, tan só as emendas do PP, así como algunha menor e principalmente de forma, foron aprobadas nunha votación que consumou a aprobación dun informe que asume a contaminación e os problemas nas rías, pero que "recoñece o esforzo" das administracións e non deixa un futuro claro para o saneamento das costas de Vigo, Ferrol e O Burgo.
Miranda cualifica o informe final "de farsa que non cumpre as expectativas dos peticionarios"
Miranda cualificou o informe final “devaluado" e "de farsa que non cumpre as expectativas dos peticionarios, miles de galegos que levan anos loitando para que o saneamento integral da rías sexa unha realidade”. O obxectivo das emendas do Bloque era acadar un informe “que servise para aportar propostas que resolvan un problema que lastra o desenvolvemento do noso litoral”, tras anos de incumprimento do Goberno central e da Xunta da normativa comunitaria en materia de calidade de augas. Si se aprobou a emenda 72 do BNG, na que se insta ás Adminitracións públicas a proceder a retirada dos lodos da Ría do Burgo.
Pero non que se incluíse unha petición expresa ao Estado español para que use os fondos europeos que recibirá con cargo ao paquete financeiro 2014-2020 a garantir o financiamento das infraestruturas necesarias para completar o saneamento integral das rías, algo “imprescindible tendo en conta que no presuposto estatal de 2014 non hai prevista ningunha partida para a Ría do Burgo, pese a ser das máis afectadas”.
As emendas do Bloque tamén demandaban un programa específico para completar a limpeza do noso litoral co correspondente apoio orzamentario. "E un recoñecemento expreso ao traballo realizado polos colectivos sociais, confrarías e persoas a título individual “que levan anos loitando, moitas veces sen ningún apoio das Administracións”, alega Miranda, que tamén cre prioritario que o Estado leve a cabo medidas para "recuperar a actividade extractiva".
O informe aprobado finalmente impón a visión do PP, asume a contaminación pero recoñece "o esforzo" das administracións
Foi o resultado dunha votación polémica, na que incluso a presidenta Mazzoni chegou a advertir da posibilidade de que o PP introducise un eurodeputado máis dos correspondentes para a votación, unha acusación que foi retirada tras as queixas do popular Carlos Iturgaitz. Ana Miranda advertiu tamén da presenza de parlamentarios que non tiñan relación co tema tratado. Pero foron as acusacións de "farsa" e "conspiración" as que volveron agromar antes do aval definitivo a un informe que só parecen aprobar o PP e o PSOE.
As eurodeputadas Zdanoka e Werthmann xa acusaran a Boulland de querer impoñer "a súa visión", obviándoa "sen respectar a maioritaria" nunha actitude que cualificaran de "non democrática" e que, tanto elas como varios eurodeputados, atribúen ás continuas presións do PP para "lavarlle a cara" ás administracións central e galega. Por iso presentaron unha emenda á totalidade das conclusións e recomendacións do informe tras advertir tamén da "conspiración dos grandes partidos políticos para aceptar este borrador sen ter en conta a posición de dous dos tres membros da delegación". Porque tamén o PSOE tragara xa cun borrador "descafeinado".
Pero nin foi votada esa emenda que pedía a anulación de todo o informe, que seguiu adiante e que centra as súas conclusións en "recoñecer os esforzos realizados polas autoridades públicas en materia de depuración, que deron lugar á mellora de varias zonas" tras lembrar que desde a década dos 80 construíronse 150 plantas de tratamento de augas. Malia que se sinala que as setenzas dos tribunais europeos contra España supoñen "unha primeira medición do nivel de gravidade das infraccións e dos atrasos na aplicación das directivas europeas medioambientais", o documento evita incluír as graves denuncias dos peticionarios que si se incluían antes.
Sobre a planta de Reganosa, o informe sinala que "recibiu todas as autorizacións necesarias para as súas actividades", aínda que "algúns eurodeptuados observaron certa proximidade con algunhas casas". Ademais, recomenda aos críticos que se apunten ás visitas guiadas que a empresa ofrece polas instalacións. En canto á ría do Burgo, destaca que varios parlamentarios quedaron "sorprendidos ante o espeso lodo acumulado que afectaba negativaente ás actividades cotiás da poboación e ao emprego local".