O informe das rías, o colofón a un proceso "contra a democracia"

Esteiro da ría do Burgo CC-BY-SA ElBuhonº30

Logo de dez meses de discusións, despois de anos de denuncias de mariscadores, veciños e colectivos ecoloxistas e tras numerosos atrasos, o Parlamento Europeo pechou en falso o ansiado informe sobre as rías galegas e as súas recomendacións para arranxar os graves problemas de contaminación das do Burgo, Ferrol e Vigo. Un documento que as formacións que votaron en contra cualifican de "devaluado", "descafeinado", "decepcionante" ou sinxelamente "unha farsa". E tras un pleno no Comisión de Peticións no que se aludiu á "falta de democracia" e ao "inédito" dun proceso no que, finalmente, a opinión minoritaria dun dos tres membros da delegación que visitou Galicia a principios de ano impúxose sobre a do resto da expedición, que se negou a participar na votación, censurou a presidencia e solicitou retirar as súas sinaturas do texto. E todo, co apoio maioritario dos eurodeputados do PP e do PSOE, incluso daqueles que nunca antes se interesaran polo tema.

Varios eurodeputados estranxeiros criticaron un proceso que vulnera "os principios democráticos básicos"

O pleno deste luns foi o colofón a un longo camiño de diverxencias e polémica que, segundo as denuncias de varios europarlamentarios, en nada axudan a que a cidadanía aumente a súa confianza nas institucións comunitarias. Xa no principio da sesión, a presidenta da Comisión, a italiana Mazzoni, acusou o seu propio partido, o PP, de presentarse con trece representantes nunha votación na que lle correspondían once. Finalmente, e tras as queixas do conservador Carlos Iturgaiz, ambos os dous acordaron que eran doce os admitidos nun pleno con constantes interrupcións e que comezou coas queixas de eurodeputados como Margrete Auken, dos Verdes, en desacordo con someter a votación un texto que non contaba coa aprobación da maioría da delegación oficial que viaxou a Galicia. "Non creo que este sexa xeito de traballar", advertiu. Iñaki Irazabalbeitia, parlamentario de Aralar que presentou as emendas en nome do BNG, avisou que votaría "por responsabilidade" pero non porque llo pedise "o corazón".

Porque as dúas eurodeputadas da delegación, a austríaca liberal Angelika Werthmann e a letoa dos Verdes Tatjana Zdanoka, pediron adiar de novo a votación. Antes, a principios de mes, enviaran unha carta ao presidente do Parlamento Europeo na que lle solicitaban que tomase as medidas oportunas ante unha votación que, de celebrarse, vulneraba "principios democráticos básicos". Pero Martin Schulz nada fixo e deixou a decisión en mans da presidenta da Comisión de Peticións, que seguiu adiante.

O presidente da delegación que visitou Galicia virou a súa dura crítica á situación das rías cara a un informe benévolo e contrario ao do resto da expedición

As dúas parlamentarias que visitaron Galicia anunciaron que non participarían na votación e pediron que se retirasen as súas sinaturas dun texto que, segundo elas, non representaba a verdadeira realidade da degradación das rías e na que se exculpa ou obvian as críticas á actuación dunhas administracións que antes foran duramente censuradas. Tatjana Zdanoka vai máis aló e xa anunciou que visitará o país no vindeiro ano para entrevistarse de novo cos peticionarios e aclarar á opinión pública galega a "farsa" que supuxo este informe.

A súa visión sobre a situación das rías do Burgo, Ferrol e Vigo sempre foi clara. Desde que a comprobaron in situ. O presidente da delegación, o conservador Boulland, tamén opinaba o mesmo, pero a súa impresión foi virando co paso dos meses, tras as recomendacións de membros do seu partido, o PP, e que varios eurodeputados cualifican de "dura presión". El tamén quedara impresionado, especialmente no Burgo. A súa idea era a de facer un informe moi crítico, tal e como advertira pero acabou optando por redactar o seu texto sen contar coas outras europarlamentarias e obviando as críticas ás administracións.

 

"Unha inmundicia inxustificable"

O conservador Boulland achegou un documento apoiado polo PP no que se evitan críticas á xestión das administración, óbviase a súa responsabilidade e destácanse os esforzos realizados pola comunidade autónoma e as administracións locais para resolver a contaminación. No entanto, Zdanoka e Werthmann foron moito máis críticas, destacando as continuas denuncias cidadáns e ecoloxistas sobre a situación das rías -en especial a do Burgo- e relatando unha contaminación que en declaracións tras a viaxe a Galicia non dubidaran en cualificar de "escandalosa" e na que falaban de "inmundicia inxustificable". Pero este non foi o texto que se votou finalmente, senón o minoritario, o que só recollín unha visión, reformada e variada logo de meses, e que representa a dun único membro. Populares e socialistas aceptárono.

E alá foi. Aceptáronse as emendas de PP e PSOE e rexeitáronse a maioría das presentadas polo BNG e por IU. Finalmente, 20 votos a favor e só 7 en contra. Recoméndase, iso si, o dragado e extracción de lodos da ría do Burgo -a máis afectada pola contaminación- e recoméndanse investimentos para a súa recuperación. Pero nin hai un calendario fixado, nin prazos nin asignacións orzamentarias. Todo, entre a exoneración das administracións dun texto benévolo, morno e insatisfactorio para os verdadeiros protagonistas, os peticionarios. "Para lavarlle a cara aos gobernos de PP e PSOE", denuncian BNG, IU ou Aralar.

A plataforma en defensa da ría do Burgo xa advirte de que estudará a petición de responsabilidades, incluso a nivel persoal, se finalmente a ría non está saneada en 2015, tal e como exixían os prazos establecidos pola comisión antes do informe. Incluso o alcalde de Cambre, o popular Manuel Rivas, criticou a falta de concreción e de medidas do informe en Radio Coruña. Pero a cousa xa foi. E o resultado, para Galicia, volveu ser nefasto.

Ana Miranda na Comisión de Peticións © Delmi Alvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.