A Gürtel pediu a Rajoy que mediase para poder cobrar actos electorais do PPdeG

Francisco Correa Dominio Público Imaxe de Cuatro

Un informe policial remitido ao xuíz Pablo Ruz conclúe que o imputado no caso Gürtel Álvaro Pérez, el Bigotes, pediu en 2003 ao daquela secretario xeral do PP, Mariano Rajoy, a súa mediación para poder cobrar actos realizados por empresas da trama en campañas electorais do PP de Galicia.

Así se conta na referencia baixo o título Carta Mariano (Galicia)2 que aparece nun informe da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal da Policía (UDEF) e que foi remitido esta semana ao xuíz Pablo Ruz. Nese documento analízase un pendrive intervido noa casa dun empregado da trama Gürtel.

'El Bigotes' pediu en 2003 a Rajoy que mediase para poder cobrar pola organización de actos electorais para o PP de Galicia

Nese dispositivo que a rede tratou de ocultar nese domicilio ao destaparse o caso, hai unha serie de arquivos sobre a trama, moitos deles relacionados coa campaña electoral para as eleccións municipais de 2003 en Galicia, celebradas o 25 de maio. Aínda que os documentos localizados céntranse principalmente en actos celebrados en Madrid, existen tamén outros tantos para o PPen Galicia e en Cataluña.

Compróbase ademais que existen dificultades de pago por parte dalgunhas delegacións rexionais do Partido Popular ás empresas que organizaron os actos, polo que, o considerado número dous da rede, Pablo Crespo, en calidade de conselleiro delegado de Special Events, enviou a distintos cargos do PP cartas solicitando o cobro.

Pablo Crespo enviou cartas a Xesús Palmou reclamando o pago de cantidades pendentes de cobro

Estas cartas están dirixidas a xerentes ou secretarios rexionais do PP reclamando o pago de cantidades pendentes de cobro (Beltrán Gutiérrez e Francisco José Granados en Madrid, Xesús Palmou en Galicia ou Luis Bárcenas a nivel estatal) e están redactadas e subscritas por Crespo.

Dos arquivos analizados en relación co cobro de actos destaca a mención nalgúns deles á palabra "Bárcenas", que a Policía cre debido a que "naquel momento era xerente do Partido Popular a nivel nacional" e xa que logo destinatario deses documentos.

Así, no caso do cobro dos actos de campaña do PP en Galicia, ademais da misiva do Bigotes a Rajoy, a UDEF fai referencia a unha carta remitida por Crespo ao secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Xesús Palmou Lorenzo, pola cal solicita o diñeiro debido pola devandita organización en concepto de actos realizados por Special Events (empresa do presunto líder da trama, Francisco Correa), vinculados a campañas políticas.

Na carta apreciaríase unha "relación tensa" entre Pablo Crespo e Palmou

"Posteriormente e ante os reiterados incumprimentos de pago, solicítase a intervención do secretario xeral do Partido, Sr. Arenas, que, de acordo coa seriedade que o caracteriza, insta a estes a pagar e van facéndoo, aínda que con constantes atrasos", recrimínalle Crespo a Palmou nesa misiva na que se aprecia "unha relación tensa" entre ambos, di a UDEF.

A UDEF cre que a relación entre o PP e a Gürtel era "simbiótica" e permitía suculentos negocios a costa do erario público

Noutro informe da UDEF no que se analiza a axenda de Crespo, a Policía conclúe que a actividade da organización de Correa "estaba intimamente vinculada á actividade política dos municipios ou Administracións autonómicas onde tiñan intereses". "Esa relación simbiótica é a que permitiu a realización de negocios suculentos a costa do erario público, obtendo, por unha banda, os compoñentes do grupo de Francisco Correa importantes beneficios económicos e, doutra banda, os membros do goberno municipal ou rexional unha parte da comisión, agasallos e/ou viaxes", destaca o informe.

Rajoy, nun mitin cunha silueta de Feijóo no fondo © PP
Pablo Crespo CC-BY-SA Marta Jara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.