0 Gardados para despois

As coincidencias dos papeis de Bárcenas que o PPdeG (e o PP) non poden negar

Irene CastroIrene Castro | @irecr


A Policía, Facenda, a Fiscalía e o xuíz Pablo Ruz acharon durante un ano de investigación da presunta caixa B do Partido Popular varias evidencias que apuntan á correlación entre as anotacións de Luís Bárcenas e a contabilidade oficial do partido de Mariano Rajoy. Ademais, varios testemuños avalan a veracidade dos papeis elaborados polo ex tesoureiro e a documentación incautada aos xefes da trama Gürtel tamén constata relacións entre as contabilidades paralelas da organización política e da rede corrupta.

1. Os papeis de Bárcenas coinciden coa contabilidade incautada á rede Gürtel. Os primeiros recollen un ingreso de 21 millóns de pesetas realizado por Pablo Crespo en maio de 1999 que figura -coincidindo en data e cantidade- coa documentación incautada en 2009 ao número dous de Francisco Correa, que reflicte un pago á "sede nacional" por parte do PP de Galicia en concepto de "pago débedas pendentes". Esta correlación é un dos indicios nos que se baseou o xuíz Pablo Ruz para quedar coa investigación da presunta contabilidade irregular do PP como unha peza separada do caso Gürtel.

Os papeis de Bárcenas coinciden coa contabilidade da Gürtel que recolle un ingreso de 21 millóns desde o PPdeG á sede central

2. A "comparativa analítica" dos papeis de Bárcenas e a información procedente dos bancos suízos nos que o ex senador posuía contas millonarias levaron a Ruz a suxerir que as doazóns do PP acababan en Suíza. O maxistrado sinalou, en concreto, a "correlación" de dous ingresos unha conta de Bárcenas no Dresdner Bank e dous rexistros de asentos de entrada na suposta caixa B do PP. Así, o ingreso en Suíza de 30.050,61 euros o 31 de xaneiro de 2001 podería coincidir coa entrada anotada ese mesmo mes nos papeis de Bárcenas a nome de "Ceciclio Sanch. (Augas)", de FCC, por importe de cinco millóns de pesetas. O outro indicio para o maxistrado é a posible correlación entre o ingreso de 120.000 euros realizado o 30 de xuño de 2003 na mesma conta e a anotación o 25 de xuño na contabilidade manuscrita dunha entrada por esa mesma cantidade a nome de "M. Contreras".

3. O sucesor de Bárcenas na xerencia de Génova 13 recoñeceu ante o xuíz que recibiu os 12.000 euros en billetes de 500 que figuran ao seu nome nos papeis da suposta contabilidade B do partido (un de 6.000 euros en abril de 2007 e outro polo mesmo importe en xuño de 2008). "Eu vexo que me pagan un diñeiro que non se declara. Entendo que é diñeiro dos donativos que non declaran", dixo na Audiencia Nacional.

García Escudero admitiu o ingreso dun millón de pesetas como parte da devolución dun préstamo

4. Outro testemuño que deu validez aos pagos en B foi o do presidente do Senado, Pío García Escudero, que admitiu que a anotación realizada ao seu nome polo ingreso dun millón de pesetas nas arcas da organización en 2001 era verídica. O dirixente popular explicou que formaba parte da devolución dun préstamo de catro millóns de pesetas que o PP lle deu para rehabilitar a súa vivenda tras un atentado. García Escudero asegurou que nunca pediu nin lle deron un recibín nin polo préstamo nin polas devolucións porque "había unha relación de confianza" e sinalou que non o declarou ante Facenda porque non sabía que debía facelo.

5. O dirixentes do PP navarro Calixto Ayesa recoñeceu ser o perceptor dos 3,9 millóns de pesetas que figuran en diversas anotacións entre 1991 e 1992 a nome de Jaime Ignacio del Burgo. Explicou que se trataba dunha compensación pola obrigatoriedade de abandonar a súa consulta mentres ocupaba un cargo público. Del Burgo implicou a José María Aznar no réxime de sobresoldos no PP ao dicir ante o xuíz que foi o ex presidente o que autorizou o pago de 600.000 euros a Ayesa cando entrou no Goberno navarro.

Ruz sinalou a presunta existencia dun corrente financeira de cobros e pagos á marxe da contabilidade oficial do PP

6. A análise dos documentos incautados durante o rexistro da oficina do arquitecto Gonzalo Urquijo, encargado da reforma da sede do PP na rúa Génova, levou a Policía a afirmar que existía unha "correlación directa" entre as facturas de Unifica e as anotacións de pagos realizados a Urquijo. A partir dese informe da UDEF, Ruz sinalou a presunta existencia no partido que preside Mariano Rajoy "dunha certa corrente financeira de cobros e pagos continua no tempo, á marxe da contabilidade remitida polo Partido Popular ao Tribunal de Contas".

7. A Policía tamén avalou a información publicada en eldiario.es que apuntaba a coincidencia das doazóns anotadas por Bárcenas recibidas por empresarios e a adxudicación de obras millonarias por administracións gobernadas polo PP. O informe defendeu que as doazóns dalgunhas empresas apuntadas polo ex tesoureiro Luis Bárcenas coinciden con "unha concentración (de adxudicacións) nun momento determinado".

Os ingresos realizAdos por empresarios infrinxirían a lei de financiamento de partidos políticos

8. As doazóns anotadas por Bárcenas aparecen troceadas na contabilidade oficial que o PP presentou ante o Tribunal de Contas, segundo El País. Os ingresos presuntamente realizados polos empresarios infrinxen a lei de financiamento de partidos políticos porque algunhas superaban o límite legal e porque as empresas tiñan contratos coa Administración.

9. Facenda emitiu un informe da Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE) no que apunta a posible relación entre algunhas saídas de diñeiro da caixa B do PP con ingresos nunha conta bancaria da esposa do ex tesoureiro, Rosalía Iglesias. O xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz sinala nunha providencia "a indiciaria e potencial relación entre diversas partidas ou anotacións de saídas de efectivo reflectidas nos denominados papeis de Bárcenas, nos anos 2004, 2005 e 2006 e algúns dos ingresos habidos na conta da entidade Caixa Madrid que se sinala é titularidade de Rosalía Iglesias Villar".

Outra coincidencia que utilizou Ruz para asumir o caso foi a documentación do PPdeG sobre campañas electorais que se atopou na casa do contable da trama Gürtel

10. Outra coincidencia que utilizou Ruz para asumir a instrución do caso Bárcenas foi a documentación do PP galego relativa ás campañas electorais que se atopou na casa do contable da trama corrupta, José Luis Izquierdo. Para a Policía, a entrada de nove millóns de pesetas (54.000 euros) en outubro de 1999 procedentes de Alfonso García Pozuelo (Construtora Hispánica) era "compatible" coas anotacións que fixo Bárcenas en 2000 por un importe de 12 millóns de pesetas (72.000 euros).

11. A última "conexión" -na que tamén se baseou Ruz para iniciar a instrución que puxo no punto de mira as contas do PP- foi a entrega de 600.000 euros por parte García Pozuelo á trama Gürtel e que se repartiron entre os partícipes, segundo a documentación intervida, como "pago por unha comisión por adxudicación de contrato". Dese diñeiro, 60.000 quedoullos o entón presidente de Hispánica. Os papeis de Bárcenas recollen un ingreso por ese importe de mans do construtor tan só unha semana máis tarde.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.