"Podemos non sería coherente opoñéndose ao dereito de autodeterminación"

Acto de Podemos con Pablo Iglesias CC-BY-SA Podemos

Paula Quinteiro é unha das voces galegas na candidatura que Podemos, a gran sorpresa da xornada electoral, presentou ás eleccións europeas do pasado domingo. Enfermeira e activista social con experiencia no 15M, esta viguesa de 23 anos foi apoiada nas primarias para acabar ocupando o posto 26 dunha lista que colocará cinco dos seus representantes na Eurocámara. Pero este parece só o primeiro paso. A galega ve nas vindeiras eleccións municipais unha boa oportunidade, chama á confluencia da esquerda rupturista e cre que a irrupción de Podemos é unha oportunidade que habería que aproveitar.

Como chegou a Podemos?

Fun seguindo o proceso dende os seus inicios coa publicación do manifesto Mover ficha como o posible inicio dunha alternativa capaz de converter a indignación en cambio politico, obxectivo que buscaban os seus asinantes. Esas reivindicacións de recuperar a participación popular e de participar directamente na defensa dos nosos dereitos fixo moi doada a decisión de implicarme na construción do Círculo de Vigo. Estas reivindicacións conectaban coa miña experiencia no 15M e noutros movementos sociais de Vigo nos que tamén participara.

E de aí pasou a ser unha das candidatas ás eleccións europeas...

O proceso de selección de candidatas e candidatos foi aberto a toda a cidadanía, o que fixo que a lista estivese conformada por perfís moi heteroxéneos, aínda que, cunha base común, comprometidas co programa e co método que propón Podemos. No caso de Vigo, dúas persoas fomos avaladas polo Círculo e participamos posteriormente no proceso de primarias.

Vostede e outras dúas persoas representan Galicia na lista.

Si, xunto a Ares Jiménez, do Círculo de Ourense, e Marcelo Armendáriz, galego emigrado que participa no Círculo de Bélxica. A entrada de Marcelo é un detalle que non deixa de ter a súa importancia, ao reflectir tamén a crúa realidade da mocidade galega, forzada a emigrar masivamente polo empobrecemento e o austericidio ao que nos someten día tras día.

"O resultado de Podemos foi unha sorpresa para nós, pero tamén para os grandes medios que nos ignoraron durante toda a campaña"

Foi unha sorpresa para vostedes o resultado de Podemos no Estado? E en Galicia?

Foi unha certa sorpresa, non só para nós senón para os grandes medios de comunicación, que nos ignoraron durante toda a campaña malia ter conseguido actos masivos en todo o Estado e un récord de participación nas primarias. Contabamos con acadar representación, pero fomos máis alá xa que conseguimos abrir unha fenda e xerar un novo escenario político. En Galiza tamén foi un éxito inesperado, xa que contabamos coa concorrencia de forzas de esquerda como AGE, cun importante tirón eleitoral, e o BNG, cunha traxectoria consolidada. Coa falta de medios e co pouco tempo co que contabamos, non pensabamos converternos na cuarta forza política en Galiza e mesmo gañar nun barrio tan importante de Vigo como Navia.

Foi un éxito malia que Podemos carece de estrutura. Terá que afrontar novos retos a formación agora en Galicia? Dado o caso, como se afrontarán?

O reto principal é impulsar a participación dende abaixo á hora de construír unha alternativa capaz de confrontarse aos recortes. Podemos será o que os Círculos, como espazo de participación, decidan. Está claro que precisamos dotarnos de estruturas e mellorar a coordinación, pero o máis importante é xerar máis canles de participación popular, máis Círculos, e vencellalos ás loitas contra a austeridade.

"A participación cidadá non é un problema, senón a solución; canta máis participación, máis posibilidade hai de establecer controis democráticos"

O método e razón de ser de Podemos é a abertura á cidadanía. Temen que iso poida ser un problema á hora de xestionar tanto apoio ou á hora de evitar infiltracións indesexadas?

A participación cidadá non é un problema, senón a solución. Se nos convertemos nunha alternativa aos partidos tradicionais é porque tentamos exercer a democracia a todos os niveis, na nosa organización interna, nos Círculos. Baseámonos no asemblearismo e a horizontalidade, que fan posíbel a participación á hora de configurar as listas ou á hora de elaborar o programa. Somos conscientes das dificultades de poñer na práctica esta metodoloxía, pero canta máis participación e máis abertura, máis posibilidade de establecer controis democráticos, fortalecendo consensos.

"Temos que camiñar cara á construción dunha alternativa real de cambio para impedir que o bipartidismo levante cabeza"

O golpe ao bipartidismo foi claro, cre que se consolidará?

Iso dependerá de se alternativas como a nosa, e outras organizacións da esquerda, seremos quen de ir abrindo esa fenda cada vez máis.  Debemos camiñar cara á construción dunha alternativa real de cambio profundo e estrutural para impedir que o bipartidismo levante cabeza ou que forzas renovadoras do réxime como UPyD (ou as propias forza da esquerda) poidan entrar nesa alternancia.

AGE e Anova falan moi ben do proxecto e amosan claramente o seu desexo de confluír dalgunha maneira, cre que esa fronte ampla de esquerdas é posible?

É posible e necesario que forzas rupturistas e de esquerdas pulen xuntas. A súa materialización é algo máis complicado, hai inercias e aparatos con intereses propios, desconfianzas históricas e outras novas, proxectos tácticos diferentes.... Non obstante, parece claro que dalgunha forma, e a moitos niveis, hai coincidencias nas que se necesita un proxecto estratéxico común de todas as que queremos acabar co réxime nacido da transición, tanto a nivel institucional como territorial, como coas políticas da Troika que atacan as vidas das clases traballadoras. Creo que se pode chegar a acordos básicos pero o que non se pode obviar, e o resultado destas eleccións confírmao, é que os métodos organizativos democráticos e a participación dende abaixo han ser a forma na que este artellamento se produza. Con AGE, e sobre todo con Anova, compartimos unha nova cultura política e militante e temos moitas coincidencias.

"É necesario que as forzas rupturistas e de esquerdas pulen xuntas; con AGE, pero sobre todo con Anova, temos moitas coincidencias"

Entraría o BNG nesa confluencia?

Non hai que pecharlle as portas a ninguén. De todos os xeitos, ese eventual proceso de confluencias estaría no noso caso controlado e dirixido dende os nosos Círculos. Calquera política de alianzas deberá estar sometida á decisión democrática dende abaixo.

Podemos di que aposta polo dereito a decidir pero hai quen dubida de que iso se confirmase no caso de que chegase o caso en Cataluña ou Galicia, cal é a postura da formación?

No programa co que acudimos ás Europeas hai varias referencias ao dereito a decidir dos pobos de Europa. No noso manifesto orixinario hai un apoio explícito aos vindeiros referendos de autodeterminación en Catalunya e Escocia. Trátase dun dereito democrático básico, así que non sería coherente que Podemos se opuxese ao seu exercicio. Cremos na abertura de procesos constituíntes no Estado, tamén en Galiza, como un elemento que podería crebar o réxime do 78.

"O dereito de autodeterminación é un dereito democrático básico, Podemos deféndeo e non sería coherente que se opuxese ao seu exercicio"

As eleccións municipais son o novo reto de Podemos?

A decisión de participar nas municipais corresponderá, como no resto de cuestións, aos Círculos. Na miña opinión, as municipais poderían ser un bo escenario para pór en práctica a nivel local -e de alianzas- as prácticas democráticas coas que vimos traballando. Deberán vir acompañadas, xa que senón non teñen sentido, dunha vontade de ruptura en beneficio das de abaixo e da man de todas as que coincidan con nós nesas tarefas.

Que opinas das duras críticas do PP e parte do PSOE a Podemos?

Son a resposta dos partidos do réxime, que gobernan para unha minoría que reparte miseria, que ve como todas as manifestacións e mobilizacións do último período, que reprimiron e criminalizaron con forza, poden chegar a ter unha materialización política e electoral cun programa de ruptura e con vocación de maiorías, de alianzas e de vitoria.

"As críticas de PP e PSOE a Podemos son a resposta dos partidos do réxime que gobernan para unha minoría que reparte miseria"

E que lle parecen eses intentos de achegamento á súa formación dalgunhas bases socialistas?

Sobre as bases do PSOE habería que aclarar se falamos das bases sociais, votantes socialistas que se achegan a nós ou das bases militantes ou cargos políticos. No primeiro dos casos, sería unha gran vitoria. Teñamos en conta que Syriza arrebátalle a base social ao Pasok en Grecia. A nosa forma de traballo é asemblearia, impide o lucro e defende a utilización dos cargos políticos mediante control democrático dende abaixo e a asunción de compromisos de honestidade e transparencia dos nosos cargos. O PSOE aínda non é o Pasok pero, evidentemente, hai síntomas de que está tocado.

"Podemos pode ser unha cuña no bipartidismo e un revulsivo nas esquerdas, pero as oportunidades non duran sempre e hai que aproveitalas"

Veremos axiña a esquerda alternativa (IU, BNG, Podemos, Equo, ERC, Compromís...) obtendo unha maioría de votos no Estado?

Ogallá sexa así, pero sabemos pola historia que os cambios, lonxe de ser graduais, son convulsos, con aceleracións e retrocesos. Temos que salvar o campo conquistado, loitar por amplialo e fortalecelo, pero sabemos que cando os poderosos ven perigar o seu poder, van loitar ferozmente por defendelo. O resultado das europeas foi un golpe na mesa, unha chamada de atención e un berro de rabia e de dignidade, pero as oportunidades históricas non duran eternamente. O noso éxito pode ser unha cuña no bipartidismo, un revulsivo no campo das esquerdas e un bálsamo que mitigue o crecemento da extrema dereita.  As oportunidades non están aí sempre, e de aproveitalas é do que se trata.

Paula Quinteiro, candidata galega de Podemos CC-BY-SA Podemos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.