"O PP gaña as eleccións galegas, boas novas para Edgewater". En outubro de 2012 a empresa Caesars Report, consultora especializada en atraer investimentos para compañías mineiras, saudaba deste xeito a continuidade dos populares na Xunta. Os asesores da promotora da mina de Corcoesto amosábanse pletóricos polo "reforzamento" da "posición no Parlamento" do PP, un "apoio político" que, xunto á elevada taxa de paro de Galicia, os levaba a considerar que non habería "ningún problema" na posta en marcha da explotación de ouro e a ridiculizar os movementos sociais que se opuñan a ela. A euforia daqueles días tornou en contrariedade o pasado marzo ao decidir o Executivo o veto ao proxecto, cando menos de momento, baseándose en motivos económicos vinculados coa solvencia da empresa. Como era de agardar Edgewater alegou contra a decisión nun recurso que sitúa nunha delicada posición o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera.
O voceiro de AGE en materia de medio ambiente, Antón Sánchez, revelou este xoves un fragmento dese recurso, no que Mineira de Corcoesto, a empresa creada por Edgewater para operar en Galicia, explica por que considera que as razóns esgrimidas nos informes elaborados polo Igape e empregados pola Xunta frear a mina son "discriminatorios". "Chama a atención que nos informes do IGAPE -di o documento non se faga unha soa referencia a norma ningunha na que fundamentar as súas esixencias e, en troques, a única xustificación que se dese fose verbal", di, para acto seguido reproducir tal conversa.
"Eu fun a unha cea na que avalei estes señores ante os seus investidores sen coñecer o proxecto", asegura Edgewater que dixo Aguilera
Sempre segundo a versión da compañía mineira Aguilera afirmou ter "un criterio moral" ou "argumentos morais para facelo", porque "eu fun a unha cea na que avalei estes señores ante os seus investidores, verdade que si? Sen coñecer o proxecto. Polo tanto, como eu xa dei o paso avalándoos, teño a capacidade e o criterio para dicirvos o que vos estou dicindo". O que está "dicindo", sinala a empresa, son "as esixencias económicas" formuladas pola Xunta. "Todo o contido da esixencia económica sae da moral do director do Igape e do que el considera, admitindo que é "fodido" e discutible, pero como el é quen informa, pois pon o que quere", sinala o recurso, para concluír que "falta unha fundamentación xurídica razoable distinta da vontade do seu autor".
Antón Sánchez (AGE): "De ser certo debe dimitir ou ser destituído de xeito fulminante"
A xuízo do deputado de AGE, "de se confirmar a información recollida no recurso da mineira o director do Igape actuaría de xeito totalmente irregular dentro dun preocedemento administrativo" ao avalar no marco "dunha esmorga" o proxecto de Corcoesto "mesmo sen coñecelo". "O texto de Mineira de Corcoesto vén recoñecer contactos e compromisos coa multinacional á marxe da legalidade e da máis mínima ética", argumenta Sánchez, quen ve "o interese público que en teoría debería defender Aguilera" relegado "ao final das preocupacións da Xunta". "Esa actitude -subliña- mesmo podería ser ilícita penalmente".
Nun contexto no que os asesores da multinacional falan tamén doutras ceas con, por exemplo, o alcalde de Cabana de Bergantiños ou o ex conselleiro de Industria, Javier Guerra, Antón Sánchez ve "urxente que o director do Igape compareza no Parlamento e explique se, efectivamente, o contido do recurso responde aos acontecementos reais". "De ser certo -di- o señor Aguilera debe dimitir ou ser destituído de xeito fulminante" e o conselleiro de Industria, Francisco Conde, "debe asumir responsabilidades políticas".
Salvemos Cabana esixe unha investigación
A denuncia pública de AGE tivo xa eco na plataforma Salvemos Cabana, que concorda con Antón Sánchez na esixencia de que Aguilera abandone o seu cargo de ser certo o relato de Edgewater. "Ante estes feitos tan graves a asociación considera que a Xunta debe de abrir con urxencia unha investigación e depurar responsabilidades de xeito inmediato", sinalan. Esta asunción de responsabilidades, dende o seu punto de vista, debería producirse no seo do Igape e tamén "entre o persoal encargado do control" do mesmo "dentro da Consellería de Económica e Industria.
O colectivo cidadán esixe responsabilidades tamén na Consellería de Industria
O Igape, di Salvemos Cabana, ten como obxectivo "contribuír a mellorar o sistema produtivo galego, facilitando os procesos de creación, consolidación e crecemento empresarial", pero "non a calquera prezo". Para o colectivo cidadán "este tipo de actitudes, cando se prducen e confirman", amosan ás claras "a absoluta falta de respecto por parte de determinados responsables ás institucións democráticas e o seu normal funcionamento ao atentaren contra as regras de xogo que deben respectar todos os actores no proceso".