Meirás só abre para a familia de Franco

Pazo de Meirás CC-BY-SA Merce Blanco

A familia Franco volve causar a polémica logo de presumir de pazo de Meirás nunha revista do corazón. Hola! publicou esta semana unha portada onde a neta do ditador, Carmen Martínez-Bordíu, posa na entrada da que fora residencia de Emilia Pardo-Bazán -posteriormente roubada ao pobo polo franquismo- para "anunciar a súa ruptura" nunha "exclusiva" na que o medio destaca a súa entrada "por primeira vez" na "histórica casa familiar".

A portada reavivou a polémica sobre un inmoble declarado Ben de Interese Cultural (BIC) hai xa varios anos e que o franquismo incautou ao pobo a través de vendas forzadas, descontos en nóminas de funcionarios ou bonos de suposta compra voluntaria para regalarllo ao ditador durante a Guerra Civil. A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia obriga a abrir o pazo unha vez por semana -catro ao mes- pero veciñanza e oposición política en Sada insisten en que leva meses pechado. Non obstante, unha chamada ao teléfono de reservas demostra que alguén non di toda a verdade.

A Lei de Patrimonio Cultural obriga a abrir o pazo unha vez por semana, pero veciñanza e oposición en Sada insisten en que leva meses pechado

Segundo o responsable de organizar estas visitas -que eran xestionadas por unha empresa de seguridade privada- xa non quedan prazas para o presunto percorrido guiado dos últimos catro días de agosto determinados, aínda que advirte que "poucos espazos se poden ver xa" do pazo. "Vén máis xentuza a estragalo que a visitalo", argumenta quen asegura tamén que xa non se pode acceder á planta superior nin a unha das bibliotecas.

Os veciños das zonas máis achegadas aseguran que leva ben tempo pechado e que alí non se ve ninguén desde hai meses, á marxe da familia Franco nas súas vacacións estivais. Desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) insisten en que as visitas están "paralizadas", dato no que coincide a oposición municipal no Concello de Sada.

Abel López, ex alcalde de concelleiro, acusa os Franco de "mentir" se aseguran que permiten visitar o inmoble

Abel López, ex alcalde e edil nacionalista, insiste en que "as visitas están e estiveron paralizadas todo o ano". "Menten descaradamente se din que abren o pazo porque non é así", asegura. Como se explica, logo, que os responsables das reservas advirtan de que o cupo xa está pechado e que aínda é posible pedir cita para o mes de setembro? "É posible que haxa demanda, porque a propia Xunta dixo hai un ano que había reservas para ano e medio, pero abrir non o abren", insiste, tras reparar no feito de que incluso bares achegados ao inmoble leven tempo queixándose da diminución de clientes polo peche da residencia da familia do ditador fascista.

Desde o PSdeG, a súa voceira no Concello, Raquel Bolaño, acusou na prensa a Xunta de ser "conivente coa familia Franco" ao "non exixir o cumprimento da Lei de Patrimonio Histórico de Galicia", esa que obriga a abrir o pazo de Meirás ás visitas. Ademais, solicitoulle ao Executivo galego que sexa "máis firme" para evitar exhibicións como a da revista Hola!. Desde o Goberno galego aseguran non ter noticia de que as visitas estean paralizadas. "Na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non consta ningunha denuncia de que non se poida visitar este Ben de Interese Cultural", aseguran desde a Consellería.

O PSdeG pide á Xunta que sexa "máis firme" e a Xunta di que non lle consta que non se poida visitar o pazo

"Hai un problema de absoluta conivencia da Xunta coa familia Franco. E de permisividade. Se a Xunta exercera a autoridade e fixese cumprir a Lei de Patrimonio, o pazo teríase que abrir ao público", lembra Abel López, que recorda que os herdeiros do ditador sempre puxeron atrancos e que seguen a reclamar que o Goberno galego lles pague os gastos de seguridade, algo ao que dixo negarse a Xunta. Respecto ás fotos da portada, o ex rexedor di que son "unha falta de respecto a moita xente" e unhas imaxes que "nos devolven aos anos 60".

Porque malia ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e tras determinarse a súa apertura ao público hai xa tres anos, a familia Franco sempre puxo atrancos a cumprir coa lei que a obriga a abrir o inmoble cando menos catro días ao mes. Foi hai trece meses cando os herdeiros do ditador facilitaron un calendario de visitas e logo de que reclamasen á Xunta que sufragase os gastos de seguridade, como así fixo durante ben tempo, e de organización.

A Xunta gastara máis de 50.000 euros en pagarlles a seguridade do pazo aos Franco

Antes, e desde que o pazo se declarou BIC, os convenios non só se limitaron a "regular as condicións para o desenvolvemento das visitas", tal e como afirmaba a Xunta. Ademais disto, tres acordos entre o Goberno galego e a familia do ditador tiveron un impacto de máis de 50.000 euros nas arcas públicas. O primeiro destes convenios, asinado para poñer en marcha as visitas ás que obrigaba a declaración do pazo como BIC que promovera o bipartito, implicou un gasto de 9.513 euros para pagar un servizo de seguridade privada aínda que, admitía daquela a propia Xunta, a Lei de Patrmonio Cultural non "obrigaba" a facer tal achega económica.

En agosto de 2011 Cultura pactaba cos Franco unha addenda ao convenio inicial que implicaba sumarlle 23.000 euros para a mesma finalidade. Como informou Praza Pública, na primavera de 2012 saía á luz un terceiro acordo, desta volta por importe de 21.200 euros, polo que a Xunta seguía asumindo os gastos derivados da seguridade e dos guías das visitas. En total, polo tanto, o gasto ascendeu a 53.713 euros que saíron do erario e non do peto dos Franco.

"Imaxinemos os herdeiros de Mussolini ou Hitler presumindo de casas ou pazos nas portadas das revistas", di a CRMH

"Séguese sen rachar co franquismo porque nin os gobernos do PP nin os do PSOE foron quen de acabar con isto. En ningún país europeo se podería dar esta situación; imaxinemos os herdeiros de Mussolini ou Hitler presumindo de casas ou pazos nas portadas das revistas", explica Manuel Monge, membro da CRMH, quen lembra que o pazo de Cornide, na cidade da Coruña, está nunha situación semellante e tamén é empregado pola familia do ditador para pasar varios días no verán. "É un claro incumprimento do espírito da Lei de Memoria Histórica", insiste.

Portada da revista 'Hola!' © Hola!
Interior do Pazo de Meirás © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.