Pilar Fernández, auxiliar de biblioteca e naturópata de Compostela, está casada cun home escocés que leva case vinte anos vivindo en Galicia. Os seus "vínculos persoais e familiares con Escocia" levárona a implicarse no referendo de independencia do vindeiro 18 de setembro. Pero foi tamén o convencemento de estar "ante un momento histórico no político e no social" e o coñecemento das "manobras do goberno conservador español e outros executivos para interferir na consulta" as que acabaron por convencela. "As noticias que advertiron das manobras do embaixador Trillo foi un sinal de alarma", explica quen decidiu "pasar á acción". Por iso, desde a beira escocesa e desde a galega puxo en marcha e coordina Solidarity with Scotland International Campaign, unha campaña coa que reuniu moreas de fotografías e apoios ao si desde Galicia e outros lugares do mundo. Agora, e en conversa desde Edimburgo, explica o momento que se vive nun país que defeine como "nación irmá".
Cal foi a receptividade en Galicia da campaña? Sorprendeulle algún apoio en particular?
Galiza está máis que nunca no mapa do mundo grazas ás mostras impresionantes de solidariedade. Só temos palabras de agarimo e de agradecemento para todas aquelas persoas e organizacións que estiveron e participaron con nós dende o primeiro minuto, cun entusiasmo propio, na campaña Yes Scotland. Debo facer unha especial mención a Ana Miranda, Xoán Bascuas e a eses incribles rapaces de Mar de Lumes que me consta traballaron durísimo para facer as actividades das fotos colectivas. Tanto BNG, Anova, Compromiso coma Nós-Unidade Popular ou as Briga puxeron a Galiza no mapa con cada unha das fotos.
"Galicia como nación ten a responsabilidade moral de fortalecer os vínculos con Escocia e non de destruílos con actitudes fóra de lugar"
Hai algún vínculo especial entre Escocia e Galicia que explique a receptividade?
Galiza e Escocia somos nacións irmás. Compartimos lazos humanos, culturais, históricos moi ancestrais... É por iso que sempre entendín que nós coma nación temos a responsabilidade moral de fortalecer estes vínculos, e non de destruílos con actitudes fóra de lugar, tal e como fixo Mariano Rajoy suxerindo que España podería vetar a pertenza de Escocia á UE.
Cre que a visión que se dá en Galicia e en España do referendo é a axeitada ou real?
Para nada é a realidade. Só un xornal na Galiza
, Sermos, foi quen de ir informando puntualmente sobre o proceso. No resto da prensa, o caso escocés non existe. E no resto do Estado, a prensa unionista española o único que fixo foi dar cabida a conservadores británicos que nos visitaban ou historiadores que ninguén coñece, pero que ao parecer son “especialistas” no proceso. O resto das noticias veñen ditadas polas axencias de Londres, con selo distintivo."A independencia é unha cuestión de xestión de recursos; non se trata de que te respecten por ser escocés"
É, como se di, o debate máis unha cuestión económica que identitaria?
É así. Aquí non se trata de que te respecten porque es escocés. Todo o mundo ten claro que Escocia é Escocia e Inglaterra é Inglaterra. É no exterior onde pode haber problemas en diferenciar isto. A cuestión da independencia é unha cuestión de xestión dos recursos do país, do uso que se lles dá a todos eles, que polo momento, e durante decenios están sendo explotados non para beneficio do Reino Unido en xeral, senón única e exclusivamente para o uso e abuso da elite de Londres, dirixida por un goberno conservador que os escoceses non votaron e que rexeitan fortemente pola súas tan evidentes políticas antisociais.
"Reino Unido aceptou a consulta porque minimizou a vontade do pobo escocés; pensou que tiñan máis que gañado o referendo"
Por que no Reino Unido se acepta con tanta naturalidade o debate e a convocatoria da consulta ao contrario do que pasa en España?
En Reino Unido aceptouse a consulta porque minimizaron (coma sempre) a vontade do pobo escocés e pensaron que tiñan máis que gañado o referendo. Non tiveron mais remedio de aceptalo, entre outras cousas, porque logo de catro anos de goberno en maioría simple do SNP, Londres pensou que os laboristas gañarían as eleccións en Escocia de novo. De feito, ata o último momento, as enquisas auguraban case a desaparición do SNP en Holyrood, pero o que pasou foi que o SNP conseguiu a maioría absoluta nun sistema preparado para que ninguén a conseguise.
Non se agardaba en Londres que o proceso soberanista tivese este percorrido?
A xente pensa que en Escocia o proceso apareceu por floración espontánea. Se imos ás hemerotecas da Casa dos Comúns, veremos intervencións de Cameron e doutros moitos deputados conservadores e laboristas mofándose dos deputados escoceses e asegurando que nunca se levaría a cabo un referendo. Todo é un proceso e todo é cuestión de tempo.
É o debate tan sensato e racional como parece desde aquí ou a medida que se achega o referendo vanse radicalizando os discursos a prol e en contra?
Dende o principio, a campaña Yes Scotland tivo claro que a información e a exposición dos argumentos e dar resposta ás preguntas da xente do común era fundamental. E a participación a pé de rúa dos voluntarios é impresionante, achegada, humana, educada e moi razoable.
A intoxicación e o intento de enlamar o debate é a vella estratexia que sempre utilizan algunhas forzas políticas para desviar o debate porque non teñen nada que achegar, ou o que teñen que achegar é tan pouco atractivo que saben que non poden competir co que o outro lado ofrece. Nestes días a prensa e a televisión non fan mais que publicar novas sobre a ameaza yihadista coa clara intención de meter medo e dicirlles aos escoceses o vulnerables que serían se deixan a poderosa Unión. Aínda así, en xeral, hai un ambiente de entusiasmo e de comunicación. É un debate limpo.
"A campaña unionista cometeu erros impresionantes; tranmitiron unha imaxe tan negativa que ata os seus votantes a criticaron"
O independentismo foi gañando forza nas enquisas nos últimos meses, a que cres que se debe?
Ao impresionante traballo de base informativo que miles e miles de voluntarios e voluntarias da campaña independentista teñen levado porta a porta; tamén á diversidade da propia campaña, na que están involucrados ducias de distintas organizacións políticas, sociais, culturais. Ademais, o mesmo gabinete de Goberno, encabezado por Alex Salmond, ten participado en debates abertos ao público no que contestaron a todas as preguntas que lles facían os cidadáns, algo que sería inimaxinable no Estado Español. Se o si finalmente gaña, será por méritos propios, polos seus argumentos tan potentes e polo que representan. Tamén hai que recoñecer que a campaña unionista cometeu erros impresionantes e estrondosos, querendo meter medo e transmitindo unha imaxe á poboación tan tremendamente negativa que ata os votantes do non a criticaron por inútil.
Ve a saída de Escocia da UE como unha posibilidade real?
Non. Baixo ningún concepto, ao igual que o caso da libra, son argumentos políticos que non teñen base legal ningunha. É mais, os informes oficiais que hai contradín os argumentos que usa o propio Goberno de Westminster. No caso da UE, existe un informe oficial no que se recolle que pasaría no caso de que Escocia consiga a independencia. Nunca se valorou esa posibilidade nin dende o Reino Unido. Hai só unhas semanas e por primeira vez na historia da autonomía escocesa, o embaixador de Alemaña visitou ao Primeiro Ministro Alex Salmond. Hai que saber ler entre liñas.
Cal cres que sería a reacción de Londres no caso de gañar o si?
Están atados a un documento legal e público e non teñen mais remedio que aceptar o resultado e comezar a negociar. Supoño que tentarán quentar as negociacións poñéndollo difícil a Escocia, pero o Goberno escocés ten claro cales son as súas bazas e estou segura de que o equipo que negocie por Escocia non se deixará aplacar. Reino Unido vai ter que fiar fino para manter o máis que poida.
"Baixo ningún concepto se contempla a saída de Escocia da Unión Europea; ese argumento político non ten base legal ningunha"
Manterá Escocia a xefatura do Estado na raíña no caso de gañar o si?
No Libro Branco, que é a proposta inicial do Goberno escocés, recóllense estas dúas opcións coma unha realidade, ata que os escoceses decidan no 2016 o primeiro Goberno soberano escocés. Supoño que haberá moito debate sobre a monarquía e que decidirán facer un referendo máis adiante. Pero todo isto son conxecturas.
Que ocorrerá coa libra?
Hai unha Comisión Fiscal que leva traballando dende marzo de 2012 valorando as mellores opcións en divisa non só para Escocia senón para o resto do Reino Unido. Chegaron á conclusión de que a Unión monetaria sería a mellor opción, máis por moito que Alistair Darling [líder de Better Together] diga, a campaña do si ten plan B, C, D e E.
Como cre que influirá (nun caso ou outro) o resultado e as súas consecuencias no proceso catalán? Houbo referencias a Cataluña no proceso en Escocia?
Poucas referencias oficiais, xa que dende un primeiro momento o Goberno escocés tivo claro que non querían interferencias de ningún tipo, nin que os acusasen de interferir en ningún proceso tampouco. Alex Salmond mantivo as distancias dende o principio, dende o meu punto de vista moi acertadamente, maila declarar en numerosas ocasións a defensa ao dereito de autodeterminación e soberanía dos pobos. O resultado do caso escocés xa ten consecuencias simplemente por terse levado a cabo un referendo nos tempos que nos tocan vivir. Sería un proceso de independencia pactado, legal, democrático. Se gaña o si, Escocia vai ser un modelo a seguir e do que estar moi pendente, por ser motivo de inspiración para todos. Se sae o non, quizais o ánimo se veña un pouco abaixo, pero non creo que a realidade de Catalunya vaia cambiar moito. Máis cedo ou máis tarde conseguirán unha consulta. Estou segura.
"A independencia é unha esperanza para mellorar o sistema de benestar, é unha cuestión de dereitos fundamentais"
Datos de enquisas aseguran que incluso entre os afeccionados do Rangers [equipo tradicionalmente protestante e unionista] gaña o si. Rachan estes datos cos tópicos sobre Escocia?
É síntoma de que os argumentos da campaña do si son poderosos e atenden ao reclamo de todos os cidadáns, sen importar se un é do Celtic ou do Rangers, ou presbiteriano ou católico ou budista... A independencia é unha esperanza para mellorar o sistema de benestar, é unha cuestión de dereitos fundamentais, de dereitos dos inmigrantes, de mellor reparto de recursos... Hai un grupo en facebook dende o inicio do proceso que xunta seareiros do Celtic e do Rangers polo si.
E iso en Glasgow, un feudo tradicionalmente laborista...
Hai tempo que en Glasgow deixaron de crer o Partido Laborista que os meteu na guerra ilegal de Irak, ou que instaurou as bedroom tax (impostos dormitorio) ou que comezou a privatización da sanidade, ou que ole a corrupción. Moitos deles pensan que o Partido Laborista escocés é un feudo de traidores aos máis débiles. A clase traballadora de Glasgow hai tempo que abandonou ese partido. Queren construir algo novo, que atenda mellor as súas necesidades e as súas ideas.
"A alternativa á independencia é continuar coas políticas neoliberais e os recortes"
Cal cre que será o resultado do referendo?
Confío plenamente en que gañe o si e poidamos celebralo cos nosos amigos e familiares en Edimburgo.
Por que cre que a Escocia lle iría mellor sendo un estado independente?
Pois porque a outra alternativa é continuar coas políticas neoliberais e os recortes en dereitos sociais e en dereitos humanos e porque ninguén se cre o
farol de que Escocia vai ter máis poderes autonómicos de votar non... Creo que está claro que a mellor opción é a independencia.