Feijóo levou no seu programa impedir as reformas electorais sen consenso

Referencia á reforma electoral no programa do PP en 2009 CC-BY-SA Praza Pública

"Pretendemos dar resposta ao clamor cidadán que nos pide solucionar os problemas e non pelexas entre nós". "Chegou o momento de comprometerse e de devolver a credibilidade á clase política, iso é o que quero certificar". A mediados de febreiro de 2009, cando restaban apenas dúas semanas para as eleccións autonómicas, Alberto Núñez Feijóo presentaba deste xeito as liñas mestras do seu programa electoral, resumido despois no publicitadísimo Contrato con Galicia. Feijóo presentaba os seus compromisos "fronte aos supostos programas electorais de PSOE e BNG, que non son máis ca un trámite que realizan a sabendas de que non os van cumprir". Naquel programa, entre outros compromisos, incluíase a promesa de impedir por lei as reformas electorais sen consenso, xusto o que agora se dispón a facer o propio Feijóo en Galicia mentres anima a que Mariano Rajoy faga o propio no Estado.

Ese obxectivo programático chegaba apenas dous anos despois de que, como vén relatando Praza Pública, Feijóo reclamase ilegalizar as reformas electorais unilaterais. No marco do intento de reforma do Estatuto o líder dos conservadores galegos reclamara equiparar as eventuais modificacións da Lei de Eleccións con outros procesos parlamentarios como a elección do Valedor do Pobo ou a propia modificación estatutaria, que esixen acordos de maiorías cualificadas, de dous terzos ou tres quintos do Parlamento e, polo tanto, o pacto de máis dunha forza política. Coherentemente con esta reclamación, incluírano no seu programa, nomeadamente na páxina 274 do documento que titularan Propostas para recargar Galicia.

O PP propuñar condicionar as reformas electorais ao apoio de dous terzos do Parlamento porque "a normativa electoral fixa as regras básicas do xogo no sistema democrático"

Nun contexto no que se comprometía a retomar a elaboración dun novo Estatuto de Autonomía o PP de Feijóo explicaba que, "no ámbito da norma estatutaria", ían propoñer unha serie de medidas "para reforzar a centralidade do Parlamento". Entre elas figuraba "establecer unha maioría cualificada de dous terzos para aprobar e reformar a lexislación electoral galega". "A normativa electoral -evidenciaba aquel texto- é a que fixa as regras básicas de xogo no sistema democrático, de aí a conveniencia de que concite o maior acordo posible". A esixencia dunha "maioría cualificada", abondaban, "permite acercar a unha decisión de consenso".

Esta proposta, igual que outras que a acompañaban, como fixar no Estatuto a celebración de comisións de investigación ou "outorgar iniciativa lexislativa" aos concellos, nunca chegou a aprobarse e no seguinte programa electoral autonómico do PP, o de 2012, simplemente desaparecera. No seu lugar os populares incluían outras como que "a austeridade continúe impregnando todas as actuacións do Parlamento de Galicia" ou a redución "do número de deputados a 61", recorte para o que é necesario, precisamente, reformar a Lei de Eleccións.

Recorte unilateral

Fronte a estas promesa de hai apenas media década o partido que sustenta o Goberno en Galicia e en España reitera a súa intención de aplicar as dúas reformas electorais aínda que ninguén máis os apoie. O último en afirmar este propósito foi o vicepresidente da Xunta e secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, que nunha entrevista en RNE apelou precisamente ao programa electoral, ao de 2012, para xustificar a medida. A xuízo de Rueda, o feito de obter en 2012 "máis escanos dos que tiñan -malia perder máis de 100.000 votos-" fixo que os conservadores fosen "lexitimados" para "levar a cabo dita reforma". "O Parlamento pode funcionar custando menos cartos", di, nun contexto no que o propio PP se negou ás propostas de PSdeG, AGE e BNG que apostaban por manter o número de escanos rebaixando o seu custo.

Rueda defende a unilateralidade en Galicia e tamén no resto do Estado, neste caso para ilegalizar os gobernos locais de coalición e facelo a escasos meses das eleccións, contradicindo así o manual de boas prácticas electorais da UE, entre outras recomendacións internacionais. "O PP ten a intención de levar adiante a reforma", advirte, apuntando neste caso que a reforma prexudique algunha opción política, toda vez que "todos os partidos se presentan en igualidade de condicións". Para os populares a conformación de maiorías sustentadas en máis dun partido implica "que gobernen os que perden" e iso "non é fácil de entender".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.