Galicia, á cola do Estado en avance do autogoberno dende o retorno do PP á Xunta

Mencións ao autogoberno nos programas do PP en 2009 (esquerda) e 2012 CC-BY-SA Praza Pública

"Sendo certo que conforme se vai avanzando no proceso cada vez quedan menos competencias por transferir o abano de temas pendentes esixe un esforzo negociador adicional". No ano 2009 o programa electoral do PP resumía deste xeito a súa posición a respecto dos traspasos de competencias a Galicia. O Goberno bipartito finalizaba a súa lexislatura con 12 competencias novas -oito máis que o último goberno de Fraga- e, para os conservadores, ese balace supoña "poñer no seu lugar" a socialistas e nacionalistas pola escaseza de traspasos. Media década despois o Goberno galego ten exactamente as mesmas competencias e Galicia é unha das tres autonomías que non logrou ningunha transferencia neste período.

Entre 2009 e 2014 o Goberno de España transferiu ás distintas comunidades un total de 64 competencias, case o 90% delas mentres José Luis Rodríguez Zapatero estivo en La Moncloa. Durante estes anos unicamente Navarra, Murcia e Galicia mantiveron o seu autogoberno onde estaba, sen avance ningún. Mentres, Euskadi logrou o traspaso de 14 competencias e Catalunya, de 9, todas mentres gobernou o PSOE. A continuación sitúase Aragón, con 8 competencias novas.

Só 5 autonomías, 4 delas do PP, lograron novas competencias co goberno de Rajoy

Oito son tamén as transferencias que logrou neste período a comunidade de Canarias, cinco delas co PSOE e as restantes, co PP. O arquipélago, gobernado por Coalición Canaria, é unha das cinco autonomías que conseguiu incrementar o seu autogoberno dende a vitoria dos populares nas xerais de 2011. O resto son todas autonomías gobernadas polo PP: Balears, con 2 competencias -o PSOE transferíralle unha neste período-, Madrid, con dúas, Castilla-La Mancha, con unha a Comunitat Valenciana, que tamén obtivo unha competencia do gabinete de Rajoy despois de lograr outra do de Zapatero.

As competencias pendentes

Esta parálise no avance do autogoberno prodúcese nun contexto no que, tanto no programa de 2009 como no de 2012, o PP se comprometeu a negociar novas competencias sobre a base do acordo parlamentario acadado pouco despois da chegada de Feijóo á Presidencia. O daquela novo presidente comprometíase a continuar o traballo iniciado polo Goberno anterior, fixando o seus esforzos na consecución de traspasos como as obras hidráulicos, a ordenación pesqueira, a investigación oceanográfica ou a ordenación do dominio público marítimo-terrestre, entre outras.

O PP comprometeu nos seus programas de 2009 e 2012 a negociación de novas competencias

Nese paquete de competencias pendentes estaba tamén a da meteoroloxía, que o pasado maio o PP rexeitou pedir formalmente no marco dun debate co BNG. Daquela os populares consideraron máis oportuno "reforzar e explorar a vía de colaboración" coa Axencia Estatal de Meteoroloxía no canto de transferir a competencia e reforzar así Meteogalicia, organismo autonómico que o Goberno de España aposta por eliminar. Aquela proposta contemplaba tamén que a Xunta asumise o control das autoestradas AP-9 e AP-53, traspaso que o Ministerio de Fomento dirixido por Ana Pastor, candidata ao Congreso polo PP de Pontevedra, se nega a executar malia ás deficiencias da Autoestrada do Atlántico e ás neglixencias de Audasa.

Feijóo e Rajoy, con Louzán e Ana Pastor, o pasado agosto en Vilanova de Arousa © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.