O PP resístese a que a Xunta revele todos os soldos dos seus asesores

Feijóo, con dous asesores polos corredores de San Caetano © Conchi Paz

O artigo 17 da Lei de Transparencia de 2006, a mesma que mantivo a Galicia durante anos nos primeiros postos dos rexistros de boas prácticas administrativas, establece que "a páxina web da Xunta de Galicia publicará nominalmente as retribucións públicas percibidas" polo presidente, os conselleiros e conselleiras e diversos altos cargos, así como "o persoal eventual" que "exerza funcións" de "confianza e asesoramento especial" nos "gabinetes do presidente e demais membros do Consello da Xunta", isto é, dos asesores e asesoras. O actual Executivo galego vén incumprindo reiteradamente esta obriga ao informar só dos salarios dalgunhas das persoas que o asesoran e o PP vén de evitar cos seus votos que o Parlamento inste o gabinete de Feijóo a cumprir a lei.

O pasado mércores a comisión de Economía da Cámara debateu, a instancias do PSdeG, unha iniciativa para instar a Xunta a cumprir non só a Lei de Transparencia, senón tameń a obriga de "publicar a información referida á totalidade" dos soldos deste persoal de gabinete que se incluíu nas leis de Orzamentos de 2013 e 2014. "Estas cuestións foran introducidas como consecuencia dunha emenda do Grupo Socialista e aceptada polo resto de grupos, entre eles o PP", lembra o autor da proposta, Juan Carlos González Santín. Este precepto da lei orzamentaria leva "vinte meses" vixente pero a información dispoñible nas webs oficiais amosa ás claras que o Executivo non detalla todos os soldos dos seus asesores e asesoras.

A Presidencia da Xunta ten 1,5 millóns para persoal de gabinete, pero os soldos dos que informa só suman 291.000 euros

Así, por exemplo, só na Presidencia da Xunta as partidas orzamentarias para persoal eventual e de gabinete suman arredor de 1,5 millóns de euros, pero na súa web só dá conta de que ten seis membros no seu gabinete, o que implicaría que cada unha delas cobra anualmente case 245.000 euros ao ano. Realmente os salarios destas persoas suman, en total, 291.000 euros ao ano, polo que hai un millón máis en salarios de asesores cuxo destino a poboación non pode coñecer aínda que as leis obrigan a que así sexa.

Para os socialistas resulta especialmente rechamante que "o propio presidente destaque" nunha "desinformación" que o sitúa "lonxe da transparencia que tanto predica". "O mesmo acontece con todas as consellerías da Xunta", abondan, nun contexto no que a web do Goberno "ofrece información de persoal eventual de confianza de soamente arredor de 25 persoas" pero "ocúltanse máis de 85 persoas", sempre e cando se "supoña" que os seus soldos son "similares á media" dos que si se coñecen. En total, sempre segundo os Orzamentos Xerais, o custe deste persoal asesor para as arcas públicas é "de, aproximadamente, 6,4 millóns de euros ao ano", o que implica, como en anos anteriores, un importe moi superior ao que a Xunta di querer aforrar recortando o número de escanos do Parlamento.

Paula Prado: "A Xunta está cumprindo o establecido na lei de transparencia"

Neste contexto foi no que o PSdeG propuxo aprobar unha resolución para que o Parlamento "instase a Xunta a cumprir coa normativa vixente e publicar na súa páxina web a información completa referida á totalidade do persoal eventual de gabinete da Xunta de Galicia". Enfronte, o PP, representado por Paula Prado, mantivo que o Goberno "está cumprindo o establecido na lei de transparencia a respecto da publicación das retribucións do persoal eventual de gabinete" engadindo, ademais, que o Executivo ten tempo para adaptarse a esta normativa ata finais do ano que vén. Finalmente, os votos de AGE e BNG apoiaron a iniciativa, pero a maioría absoluta dos conservadores tombouna.

Feijóo, con dous asesores polos corredores de San Caetano © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.