"Galicia avanza estable". Cinco anos despois de chegar ao poder e cando se fai unha década dende que Manuel Fraga esvaecese na tribuna parlamentaria nun síntoma de saúde que virou en político Alberto Núñez Feijóo protagonizou este martes o que, posiblemente, foi a súa diagnose máis compracente dende que lle correspondeu tomar as rendas do país. A súa "tarefa, sen estar rematada, comeza a ter recompensa". "Temos unha Galicia mellor que a que tiñamos hai un ano", "crecemento" económico e "máis confianza no futuro", di o presidente que, ao dar por iniciada a recuperación económica, promete agora un "pulo democrático" salferido de compromisos que, en boa medida, xa foran anunciados.
Como vén sucedendo dende hai un lustro Feijóo gábase ante o resto de autonomías de que, grazas á súa "anticipación", Galicia xa acometeu as reformas que cumprían en materia económica, polo que só resta seguir "facendo as cousas como mellor sabemos neste país: con sentidiño" para aprobar materias pendentes como a do emprego, para o que propón ampliar en 48 millóns o vixente plan de emprego xuvenil e crear outro para maiores de 45 anos sen, polo momento, obxectivos nin orzamento definido. Todo isto anúnciao dende a advertencia de que "a política non pode reducirse a unha misión baseada unicamente no subsidio", algo "culturalmente nocivo" que suporía "unha estafa á xente". Así e todo, matiza, grazas á súa xestión o Estado do Benestar "chega a máis xente" que co bipartito.
Entre críticas máis ou menos subterráneas a propostas como a renda básica o titular da Xunta insta aos "demócratas" a sumarse aos seus plans "fronte aos que aproveitan os erros no funcionamento da democracia para facer unha emenda á totalidade do sistema". Eis onde entra o seu "impulso democrático", paquete no que integra medidas xa coñecidas, como o código ético con prohibicións xa vixentes, ou outras como a prometidísima regulación dos traspasos de poderes ou un endurecemento das incompatibilidades para altos cargos con intereses empresariais. Ademais, asegura, proporá reducir á metade a duración das campañas electorais ou "atribuírlle ao Consello de Contas facultades para a prevención da corrupción", todo isto sen renunciar ao recorte do propio Parlamento, que xa acumula dous anos en axenda. “Unha gran democracia debe progresar, ou pronto deixará de ser grande ou democracia”, ilustra, citando a Roosevelt.
Contra Catalunya
Feijóo contrapón o seu "pulo democrático" e o bo concepto que, di, existe de Galicia no Estado e no mundo fronte a outras "marcas autonómicas lastradas por cuestións de diversa índole". Sen vinculalo explicitamente o xefe do Executivo mete neste saco a Catalunya, cuxo proceso soberanista define como unha "aldraxe" para Galicia que os membros do Parlamento autónomo "no podemos aceptar". "O cuestionamento" da actual estrutura do Estado "merece unha resposta política desde Galicia, cómpre reafirmalo de xeito decidido". "Os gobernantes" cataláns "forman parte" dunha "fotografía" en "branco e negro" que "desafía o sistema autonómico". Nesta conxuntura cabe "diálogo", pero este "carece de sentido se non forma parte do cumprimento da lei". En caso de que se produza ese diálogo ve a Conferencia de Presidentes como "instrumento" a "potenciar".
O presidente reclama unha "resposta" contra o proceso soberanista catalán, que cualifica de "aldraxe"
"Opoñer unha España que xa non existe a unha Catalunya que nunca existiu é unha gran falacia". E Galicia? O titular da Xunta dá, como vén facendo, o autogoberno por blindado pola súa renuncia a acudir a mecanismos de financiamento como o Fondo de Liquidez Autonómica. Así, sen mención ningunha á posibilidade de adquirir novas competencias Feijóo limítase a reiterar que o futuro financiamento autonómico terá que ter conta factores como o envellecemento ou a dispersión poboacional e, ademais, premar que "Galicia é das poucas comunidades que durante a crise soubo exercer as súas competencias". "Non todas as comunidades foron quen de demostrar que son autónomas", sostén.
Propostas 'recicladas'
Xunto a anuncios novos como o devandito plan de emprego -lixeiramente semellante a unha proposta socialista de hai un ano-, un "Plan de Diversificación Industrial" ou "medidas de impulso á natalidade" como "deducións fiscais para familias con rendas baixas que aposten por ter máis dun fillo" o líder da dereita incluíu no seu discurso múltiples anuncios xa realizados. Entre eles destaca especialmente algo máis de media ducia de iniciativas aprobadas no debate de política xeral do pasado ano e que aínda non se puxeron en práctica, así como iniciativas que nin sequera dependen da Xunta, como "reanudar" as obras do AVE Lugo-Ourense, que nunca comezaron e que o propio Feijóo prometeu antes de ser presidente.
Feijóo lanzou media ducia de promesas xa aprobadas no debate do ano pasado
Así, por exemplo, Feijóo asegura que, agora si, chegará a ser aprobada unha Lei de Calidade dos Servizos Públicos e outra de Estrutura Agraria. Asegura tamén, como se aprobou en 2013, que o Executivo imporá un canon sobre as explotacións mineiras e actualizará o seu Plan Estratéxico da Economía. Asemade, salienta, a Consellería de Educación estenderá os contidos dixitais nas aulas, Economía seguirá a relanzar a marca Galicia Calidade e o conxunto da Administración primará as solicitudes de subvencións que veñan asinadas por máis dun consello, propostas todas elas que xa viron a luz no pasado debate. Galicia, asegura "pode mirar o futuro con certeza".