Romeu ve a Feijóo máis preocupado pola súa promoción persoal que por Galicia

Romeu, nunha intervención no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

O voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, acusou a Feijóo de dirixir un Goberno que non achega solucións aos principais problemas de Galicia, "o paro, a pobreza e a desigualdade", que "aumentan cada día" co actual Executivo galego. O deputado socialista negoulle ao presidente da Xunta calquera discurso triunfalista e lembroulle que só se poderá falar de recuperación cando as cifras de desemprego volvan a termos anteriores á crise ou cando a cidadanía recupere os seus dereitos.

"O paro, a pobreza e a desigualdade aumentan cada día", lémbralle Méndez Romeu a Feijóo

Logo dun repaso á situación de Galicia, Méndez Romeu preguntouse "de que servía" pactar co PP logo de que o Executivo de Feijóo "incumprise os compromisos" adquiridos cos socialistas no anterior Debate do Estado da Autonomía ou tras ver como o presidente "propón agora" plans de emprego ou de transparencia "que xa foran propostos antes" polo PSdeG.

O voceiro socialista acusou ademais a Feijóo de "converter Galicia nunha filial da Moncloa ou de Génova" e recriminoulle con dureza que se enterase pola prensa da intención de Navantia de trasladar parte da construción do flotel  por parte de Navantia de Ferrol a Puerto Real. "Vostede quere ser ministro, só así se pode exlicar que non defenda os intereses dos galegos por riba dos do seu propio partido", díxolle Méndez Romeu, que sinalou o presidente da Xunta por "estar ocupado na súa promoción persoal e nos intereses do PP".

O PSdeG reclama a Feijóo un plan de emprego cotado con 400 millóns para crear 50.000 empregos en dous anos

Ademais, Méndez Romeu pediulle a Feijóo un plan de emprego dotado con 400 millóns para crear 50.000 postos de traballo en dous anos, destinado especialmente aos novos, a parados de longa duración e co obxectivo tamén de estimular "a volta daqueles que tiveron que emigrar". "Con vostede, o plus de resistencia respecto do Estado desaparece e cada mes nos distanciamos de España", dixo o voceiro socialista, que insistiu "na falta de credibilidade" das promesas do presidente, en alusión á falta de carga de traballo de Navantia e aos seus compromisos incumpridos, que tamén atribúe ao "pouco peso" que ten en Madrid. "No sector naval prometeron 38 buques e só hai un anaco en Ferrol", engadiu.

Por outra banda, Méndez Romeu fixo un repaso pola situación crítica dalgúns sectores, centrándose nunha sanidade "que comeza a ser un ben de consumo", os recortes dunha cultura que está "peor tratada ca nunca" ou a falta de políticas activas en sectores estratéxicos. Ademais, criticou a paralización do concurso eólico e das capacidades do sector e lembroulle a Feijóo que "a débeda galega vai disparada".

O portavoz socialista tamén criticou a falta de políticas para axudar a mocidade, así como os recortes en educación ou a "volta da probreza". Para paliar isto último, propuxo mobilizar 180 millóns e outorgar unha "renda social" a aquelas familias -30.000 dixo- que non teñen ingreso ningún. Ademais, rematou falando de corrupción, algo que cre como un problema estrutural, tras advertir a Feijóo que as súas promesas de "rexeneración democrática" non serán cribles se el mesmo "non dá exemplo". 

Romeu, nunha intervención no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.