Dúas semanas de campaña para as eleccións xerais, municipais e europeas pero unha soa para cando o que se vote sexa a composición do Parlamento de Galicia. Este será o panorama no caso de que chegue a poñerse en práctica a proposta do PP para "previr e erradicar" a "corrupción política" á que conseguiu sumar este xoves ao PSdeG, aínda que os socialistas a consideraban insuficiente. Entre propostas como a "mellora da transparencia" na contratación pública ou impedir as doazóns económicas aos partidos os conservadores inclúen a aposta por "reducir a 7 días" o período electoral autonómico mentres os demais se manteñen en, tal e como marca a Lei do Réxime Electoral Xeral.
Este acordo, que agora pasará á comisión que estuda as medidas anticorrupción e que, en última instancia, faría necesaria unha modificación da Lei de Eleccións, é un dos acordos acadados na segunda xornada do debate de política xeral, que este xoves rematou con algo máis dunha ducia de iniciativas acordadas por máis dun grupo. Nomeadamente, os grupos sacaron adiante 11 propostas transaccionadas -froito da modificación da súa redacción orixinal-, sete delas resultado de pactos do PP coa deputada do Grupo Mixto, Carmen Iglesias. O marcador de votacións reflectiu ata 10 unanimidades e o voto afirmativo do PP a 6 propostas da oposición -4 de Iglesias e 2 de AGE-. Isto implica que non foi aprobada sen modificacións ningunha iniciativa do PSdeG nin do BNG e que ata o 96,25% das iniciativas opositoras bateron contra a maioría absoluta conservadora -o pasado ano foron o 98%-.
Produciuse unha decena de unanimidades e o 96,25% das propostas da oposición foron rexeitadas
Entre os acordos unánimes destaca a condena ao golpe, "crimes e represión" do franquismo -que xa se producira en 2008-, a reapertura da comisión de investigación das caixas de aforro a instancias do BNG ou a aceptación por parte dos populares, aínda que con matices, das cláusulas sociais nos contratos públicos, proposta redactada polos socialistas seguindo o guieiro da medida que xa está en vigor na Deputación de Lugo. Tamén houbo unanimidade para apostar por medidas de protección da infancia ou sobre a posta en marcha dunha campaña contra os transtornos alimentarios, como pedía o Grupo Mixto. Do mesmo xeito, rexeitáronse co aval de todos os grupos as manifestacións de cargos públicos de tipo machista, xenófobo ou homófobo e déronselle luz verde a dúas propostas de AGE para "favorecer o incremento dos salarios galegos" e elaborar un plan de desenvolvemento rural.
O PP, en solitario contra o soberanismo catalán
Alén das unanimidades o debate culminou coa aprobación de todas as iniciativas do PP, entre elas a concreción da condena ao proceso soberanista catalán que xa bosquexara Alberto Núñez Feijóo no seu discurso do martes. Concretamente, os conservadores fan que o Parlamento manifeste "o seu apoio ao Goberno da Nación nas medidas conducentes a garantir o respecto á Constitución" no "atinxente á organización territorial do poder do Estado" e insta a que a Xunta promova o "potenciamento" da Conferencia de Presidentes. Nesta clave netamente política vai tamén a proposta do PP para "manifestar" a "firme condena a todo tipo de actos de terrorismo" e "ás organizacións terroristas que exercen este tipo de actos como Resistencia Galega". Esta iniciativa tivo o voto favorable de PSdeG, BNG e o Mixto, mentres que AGE, que apostaba por unha condena máis ampla aos actos violentos, se desmarcou ao non frutificar as súas negociacións co PP.
O PP aprobou en solitario atender 2.000 dependentes tras recortar 2.260 ou comezar a aplicar parcialmente a lei da RTVG, aprobada hai tres anos
Igual que na iniciativa ligada ao soberanismo o PP tamén se apoiou unicamente nos seus votos para aprobar instar á Xunta a atender 2.000 dependentes máis no que resta de ano -nos últimos doce meses recortáronse 2.260- ou a "axilizar a aprobación do mandato marco" da RTVG, o que implicar comezar a cumprir parcialmente a nova lei dos medios públicos, aprobada hai tres anos e cuxos prazos están xa sobradamente incumpridos. Asemade, o partido que sustenta o Goberno sacou adiante o impulso a deducións fiscais para as familias con rendas baixas que teñan o seu segundo ou terceiro fillo e aprobou, cando menos, dúas iniciativas que xa foran votadas no debate do ano pasado, encamiñadas a estender os contidos dixitais nas escolas e a revisar o Plan Estratéxico da Economía, documento que errou en boa parte das súas previsións.