As propostas das "dúas almas" de Anova para o futuro da organización

Votación nunha asemblea de Anova Dominio Público Praza Pública

Anova celebra esta fin de semana a súa II asemblea nacional con dúas posicións enfrontadas: a que defende a actual dirección da formación nacionalista e a de Cerna, corrente interna creada no pasado mes de xuño e que lideran nomes como Mario López Rico ou Luís Eyré. Son as "dúas almas" dun partido-movemento que recoñece nos propios documentos políticos a "tensión máis ou menos contida" que se mantén entre os dous polos da organización: o que aposta por ampliar o espazo de AGE e insiste na acumulación de forzas da esquerda rupturista nunha fronte popular e o que avoga por limitar esta experiencia ao Parlamento e centrarse na procura da unión do nacionalimo, á marxe dos contactos e colaboracións que se poidan manter con forzas non soberanistas.

Anova afronta a asemblea dividida entre as teses da dirección, a prol dunha fronte cada vez máis ampla, e as de Cerna, que avoga por afondar no nacionalismo

Baixo o lema, Coa nación na esquerda. Tecendo rede, Anova afronta o cónclave consciente do risco de ruptura e co obxectivo, segundo o seu coordinador nacional, Martiño Noriega, de "pechar o proceso constituínte" que a formación afronta desde a súa creación hai agora dous anos. Presúmese unha asemblea quente onde as dúas posicións, tanto no que se refire á posición estratéxica en canto ás alianzas e colaboracións como na organización interna, vense materializadas nos textos que se han debater.

Así, o colectivo Cerna presenta emenda á totalidade das teses organizativa e política da cita asemblearia e coa que defenderán, segundo din, "recuperar o proxecto orixinario" de Anova. Nas dúas propostas sobre as alianzas políticas a buscar neste contexto de crise e fin de ciclo, as posicións quedan ben reflectidas en cadanseus documentos, aínda que con maior concreción no caso da actual dirección.

A corrente interna Cerna presente emenda á totalidade das teses organizativa e política para "recuperar o proxecto orixinario"

A corrente interna Cerna fai un balance sobre a experiencia de AGE e os intentos por unha fronte común que incluíse o resto de forzas nacionalistas e reparte culpas a dúas bandas, ao aclarar que "aquela proposta abortou na Galiza polo partidismo do BNG e EU" e "se cadra por algún erro" da propia Anova. "Mais a responsabilidade fundamental está en quen se negou a falar cos non nacionalistas e quen puxo por riba de todo os seus compromisos coa matriz IU, porque coidaba ía capitalizar en exclusiva o descontento na España estrita", din. Segundo reflexionan, "o nacionalismo e a esquerda seguen tanto ou máis fragmentados e febles ca hai un ano e os movementos sociais son febles ou non son quen de romper o acantonamento sectorial no que naceron".

Deste xeito, Cerna avoga por "impulsar e apoiar AGE no Parlamento galego para que esta coalición cumpra co compromiso perante a cidadanía galega que lle prestou o seu apoio nas pasadas autonómicas", pero nin aposta nin deixa de apostar -cando menos nestes textos- por teimar e ampliar estes acordos nos que a presenza de EU segue a resultarlles incómoda.

A dirección cre que sería "unha fraude á cidadanía organizada" limitar a fronte ampla ás eleccións ou "desandar o camiño percorrido"

As teses da actual dirección, pola contra, insisten nunha "fronte ampla" cada vez máis ampla e que non ven "como simple coalición electoral" ou "confluencia de intereses en momentos temporais". "É moito máis, e obrigatoriamente cobre tamén os espazos non electorais", di o texto oficial, no que se advirte que "habería fraude coa cidadanía organizada" de limitalo a iso e que "non tería sentido que en cada proceso electoral se desandase o camiño percorrido, coas súas experiencias negativas e positivas das que cómpre aprender, e se reiniciasen procesos diferentes que partisen de cero". "Sería malgastar inutilmente a experiencia acumulada e o terreo conquistado".

A actual dirección vai máis aló ao situar o "horizonte" nas próximas eleccións xerais, nas que -di o documento- "a creba e o proceso constituínte serán posibles na medida en que a esquerda social e política do Estado español sexa capaz de trasladar unitariamente ás institucións un programa de ruptura no social que parta do recoñecemento dos pobos galego, catalán e vasco e do seu dereito a decidir". Por iso, avoga por esa "fronte democrática e popular" que sexa "expansiva, non excluínte e que acolla todas aquelas organizacións sociais e políticas que concorden nun programa de mínimos: autodeterminación, república, democracia radical e outro modelo social e económico". "Camiñemos, pois, os mesmos camiños ainda que non sexamos exactamente iguais", engade un documento que ten en conta a irrupción de fenómenos como Podemos e que insiste na necesidade da unión e non só a do nacionalismo.

"A hexemonía cumprirá conquistala mediante un proceso de hibridación con outras culturas de esquerda rupturista, e non todas necesariamente nacionalistas"

"A unidade do nacionalismo non é un fin en si mesmo nin unha posición estratéxica. Fará parte dun proceso de acumulación de forzas para o cambio de réxime e a transformación social, pero a hexemonía cumprirá conquistala mediante un proceso de hibridación con outras culturas de esquerda rupturista, e non todas necesariamente nacionalistas", resume.

As teses da dirección inclúen nesa confluencia "tamén a cidadás e cidadáns do común sen adscrición organizativa" e aí xorde tamén o debate de cara ás eleccións municipais, onde as posicións son bastante máis achegadas ante a aparición de mareas e procesos de unión popular sen adscrición partidaria que están a agromar en numerosas vilas e cidades.

Cerna aposta por que Anova renuncie "expresamente" a concorrer ás municipais para apostar polas mareas cidadás

Cerna aposta neste caso por que Anova renuncie de maneira "expresa" a concorrer ás eleccións municipais como organización, nin soa nin en coalición, e que aposte no seu lugar "pola unidade cidadá". Esta aposta -que é un requisito, por exemplo, no caso da Marea Atlántica da Coruña e que a formación xa asumiu a nivel local- exprésase na emenda á totalidade da corrente interna, que pide que as candidaturas se someta a traballar "sometidas ao mandato da cidadanía que as promoveu" e que estas candidaturas locais "unan forzas a nivel galego cun programa nacional común".

Cerna incluso vai máis aló e xa fala da fórmula que deberían asumir estas mareas para concorrer ás deputacións, un debate que Anova prometeu abrir entre as distintas alternativas. Para a corrente enfrontada á dirección, "a única fórmula congruente co anterior e posible para concorrer ás deputacións é legalizar un partido de maneira instrumental do que sexa dona a cidadanía e non acollerse á cobertura de coalicións ou partidos preexistente como garantía da prevalencia cidadá nese proceso".

Desde as teses da dirección, apóstase tamén por esas "candidaturas populares ás que se engadirá Anova con todo o seu compromiso" e que "están chamadas a ser unha expresión do poder popular que arrinca nos ámbitos institucionais de maior proximidade, como son os concellos,afianzando unha política de rendición de contas, garantindo o control e a iniciativa cidadá e establecendo mecanismos revogatorios dos representantes públicos". Para a formación, estas listas cidadás "son un chanzo básico na articulación dunha fronte democrática e popular para a creba democrática e novos procesos constituíntes".

 

O debate sobre a "militancia única"

En canto á organización, Cerna aclara que están a "propugnar" o "mantemento dos principios organizativos e dos estatutos, porque responden a un consenso constituínte que se debe recuperar para que Anova sexa ese instrumento que pretende para actuar a prol dos intereses da maioría social agredida". O "único fallo", advirten, "foi o incumprimento dos mesmos ou a falla de posta en práctica do neles referido".

"Unha única militancia interna dentro de Anova e non por siglas, lobbies ou camarillas", pide Cerna

Así, advirten de que a formación afastouse "do horizonte da militancia única", en referencia á inclusión de sectores ou partidos como Encontro Irmandiño ou a FPG, polo que cre que se debe "retomar ese camiño e propoñerse a fixación dun prazo relativamente breve para acordar a militancia exclusiva de Anova, porque non é admisible a existencia de estruturas incompatibles co tipo de organización que somos". "Unha única militancia interna dentro de Anova e non por siglas, lobbies ou camarillas", aseguran os críticos, que defenden esta posición fronte a "tendencia da actual comisión permanente", que lideran Beiras e Noriega, e á que acusan de "recentralizar en detrimento das asembleas de base".

Por outra banda, tamén se debaterá sobre a vontade expresada por Xosé Manuel Beiras dunha portavocía compartida, algo que se deberá aprobar, ao igual que á hora de elixir de entre os 176 candidatos os 75 que formarán parte da coordinadora. Nesa proposta de Beiras inclúese que o voceiro sexa elixido por esta coordinadora e non pola asemblea nacional.

O debate, xa que logo, está servido e comezará este sábado 11 ás 10.30 horas coa votación do regulamento do plenario e os recursos presentados. Á asemblea nacional, que rematará o domingo coa sesión de clausura que comezará ás seis da tarde, están chamados uns 1.200 militantes.

Coordinadora Nacional de Anova CC-BY-SA Anova

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.