José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) vén de facer un ano como secretario xeral do PSdeG. Tras doce meses de convulsións internas e externas o tamén presidente da Deputación de Lugo reitera que no seu partido, a nivel federal e nacional, xa se fai "unha nova política". Cara ás municipais do vindeiro ano Besteiro apela a non ter "medo ao que a cidadanía poida decidir" e lembra, non obstante, que son as agrupacións locais e non "a dirección política" quen elixe as candidaturas. O líder socialista ve a un Feijóo cada vez máis "frouxo" e asegura que a súa formación está inmersa na construción dun "proxecto de país" para ser quen de impulsar o cambio político no 2016. Nese proceso, di, é "lóxico" que el mesmo concorra ás primarias.
Vén de facer un ano na secretaría xeral do PSdeG. Que cambiou e que lle queda por cambiar no partido?
Sempre queda moito por cambiar. É bo contextualizar en que momento sucederon as primarias, un fenómeno sen parangón que muda a forma do partido nun momento de crise social e económica moi forte. Foi un ano conflitivo en todos os termos, en clave interna e económica tivemos que formular un plan de estabilidade a nivel económico baixo a premisa de que se non eramos cribles na levanza das contas non o seríamos nas cuestións de toda a sociedade. Tamén estivo marcado polo relevo a nivel federal, coa saída de Alfredo Pérez Rubalcaba e a elección dun novo secretario xeral. Todo se produciu este ano, cunhas eleccións europeas que marcan un punto de inflexión político. Foi un ano rico en acontecementos e creo que a situación é mellor. O Partido Socialista enfronta o futuro superando unha etapa de recesión do propio partido e reformulando as formas de facer política. Neste período de crise estivo enriba do partido a corresponsabilidade, non hai que ter medo a dicilo, con determinadas políticas. Pero agora temos a idea clara de que a nosa forma de saír da crise é distinta da do PP e sen ningunha connivencia coas políticas neoliberais. O tempo foi poñendo as cousas no seu lugar e agora o Partido Socialista afronta o futuro nun contexto político complicado, pero non exento de ilusión e esperanza.
Resultou rechamante que se falase abertamente, mesmo ante o Comité Nacional, da situación económica do partido. Non era algo habitual falar das contas internas ata hai ben pouco...
Non pode ser doutro xeito. E, sen ánimo de ser presuntuoso, o PSdeG marcou a vangarda do que fixo o partido a nivel federal. Os tempos son distintos dos de hai vinte anos: transparencia, rendición de contas... Son algo que ten que facer quen queira facer política hoxe. Xa non abonda con votar cada catro anos. Hai que dar moita información, hai que saber admitir o contraste de información coa cidadanía. E, quen non queira facelo, non vai ter oco.
Durante este tempo acusárono en máis dunha ocasión de non ter criterio ou de non dicir claramente o que pensa sobre diversas cuestións...
"Eu propúxenlle pactos de Estado ao presidente da Xunta, pero o PP non é ambicioso e di que non temos criterio"
É unha técnica do PP, que cre que se din que os problemas non existen, non existen. E non é así. O PSdeG puxo criterios claros sobre a mesa dende o primeiro momento. Outra cousa é que o PP quixese ollar cara a outro lado. Estas cousas díxenllas ao presidente da Xunta a primeira vez que nos reunimos, hai aproximadamente un ano. Propúxenlle pactos de Estado para Galicia: a cuestión demográfica, a cuestión da reindustrialización, a loita contra o paro, o financiamento, o sistema financeiro... E moitas máis cousas que lle propuxemos coa premisa de que queremos un presidente forte fóra de Galicia para que faga valer os intereses de Galicia. Pero non serviu de nada. Nós temos posicións claras onde as temos que ter, pero o PP non é ambicioso e pretende dicir que o partido maioritario da oposición non ten criterio, pero non é certo e o tempo dará e quitará razóns.O Partido Socialista ofrece acordos en cuestións de país, non en cuestións accesorias. O PP dicía que todo ía ir moi ben despois das políticas de austeridade, pero estamos peor que hai cinco anos e saímos peor da crise que o resto do territorio español. Todo foi unha ensoñación do PP e o PSdeG non vai caer na trampa das promesas que fan ano tras ano e nunca cumpren. Nós, seguimos no camiño da coherencia, que é máis longo, pero máis seguro para recuperar a confianza dos cidadáns.
Recuperar a confianza da cidadanía pasa por ser alternativa de Goberno nun panorama moi cambiante. Como se constrúe unha alternativa de Goberno nun campo de xogo que non é o mesmo, tampouco a nivel partidario?
Entendendo estes cambios como normais, pero sen obsesións. O PSdeG, dende que eu son secretario xeral, non cae na trampa das obsesións nin por unha banda nin pola outra. Cremos que temos que facer política dentro dos piares cos que se recoñece á socialdemocracia, tanto en Galicia como en Europa. Atopámonos nun momento que se reflicte ben por dúas cuestións: primeiro, polos que detectan ben os problemas da realidade pero que introducen solucións que non son cribles para cidadanía, e noutro polo, os que fan unha descrición irreal da sociedade. Por unha banda atopamos os fenómenos máis populistas, por así dicilo, e no segundo, o PP. Neste marco, o PSdeG ten moitas cousas que gañar. Non abandonamos a senda da confianza e da credibilidade, a coherencia é moi importante. E en Galicia, sobre todo, cómpre facer un proxecto de país. Eu sempre lle critico ao PP que durante seis anos de Goberno Galicia non gañou peso en España, parece que o presidente da Xunta está máis preocupado por facer puntos en Madrid que por poñer en valor as cuestións que nos diferencian do resto de territorios e pensar que Galicia é unha nacionalidade histórica. Non somos mellores nin peores que Murcia ou La Rioja, pero somos distintos. E nestes momentos de convulsión constitucional temos que saber que estamos no campo de xogo das nacionalidades históricas. Pero ese papel Núñez Feijóo abandonouno.
Galicia leva seis anos sen gañar ningunha competencia, a reforma do Estatuto está aparcada... Falta debate político no país, só se fala de xestión?
"Seis anos despois o que vemos é que Núñez Feijóo nin sequera é un bo xestor"
Seis anos despois o que se está vendo é que tampouco hai xestión. O gran problema que ten Feijóo é que cada vez máis cidadáns cren que as políticas de austeridade só serviron para esnaquizar os servizos públicos. O PP ten un problema de credibilidade; as cousas non están mellor e todo o esforzo que se fixo coas chamadas políticas de austeridade non serviron para nada. Durante estes seis anos Feijóo preocupouse máis por ser un alumno avantaxado duha política que non sabíamos onde ía rematar que en poñer en valor as cousas que se podían solucionar en Galicia. Converxíamos mellor con Europa e con España, e agora feitos como a caída da produción industrial no último trimestre revelan que imos moi por tras do resto das comunidades autónomas. Na loita contra o paro xa non é que teñamos máis paro, é que temos moitísima menos poboación activa. É un escenario no que, contra o que se pensaba, Núñez Feijóo nin sequera é un bo xestor.
Estas políticas de austeridade van ser un dos factores que estarán sobre a mesa no reto electoral máis inmediato, o das eleccións municipais. Que teñen en xogo PSdeG e o seu secretario xeral neses comicios?
"A unha dirección política pódenselle esixir responsabilidades cando é a que elixe os candidatos, pero agora son as agrupación as que asumen esa responsabilidade"
Estamos nun momento de cambio político e o proceso de selección e candidatos xa non se fai dende a dirección, son as agrupacións as que asumen esa gran responsabilidade. Pódenselle esixir responsabilidades a unha dirección política cando é ela quen elixe os candidatos, pero cando son outros quen os elixen, esta cuestión non pode volverse como un búmeran contra a dirección política. A dirección política solta lastre da súas competencias e recólleo a militancia, que ten que saber que a súa decisión a responsabiliza. Non se trata de saírse fóra do marco, senón de establecer o marco real. Queremos votar? Queremos responsabilizarnos. Pero é verdade que en 2015 vai haber eleccións municipais e o gran perdedor vai ser o PP. Poñamos, por exemplo, o escenario das tres cidades da provincia da Coruña, con tres maiorías absolutas do PP. Os cidadáns van ver que non serviron para que Ferrol solucionase os seus problemas de traballo e desenvolvemento, que en Santiago imos polo terceiro alcalde, este elixido por persoas que non son electas pola veciñanza e na Coruña, a gran Coruña non volveu, senón que imos cara a atrás. Que vai pasar agora? Que o PP vai sufrir un forte pau e o PSdeG ten unha oportunidade. Se comparamos os mellores momentos das cidades galegas, relaciónanse con políticas socialistas dende os concellos. A cidadanía recoñece que o Partido Socialista é o máis municipalista e polo que a maioría cre que pasaría a alternativa de goberno nas cidades.
Nas cidades, pero tamén nalgunhas vilas, cabe a posibilidade dun escenario no que o PSdeG non só se terá que relacionar, no ámbito da esquerda, con formacións como o BNG, senón tamén con movementos como as chamadas mareas. Como se debe relacionar o PSdeG con elas?
Dende a forma de aceptar que a nova política te leva a ter novos interlocutores pero sen obsesións. Nós temos que marcar o noso proxecto asentándoo nos nosos grandes principios, fundamentalmente na igualdade. E despois, sendo moi francos: ofrecendo un programa de goberno, que os cidadáns voten e digan que marco queren para os vindeiros catro anos, de diálogo ou de proxecto único. Eles serán os que marquen o camiño que o PSdeG debe percorrer no futuro. Cando me preguntan polas grandes coalicións eu sempre digo que se fan cos cidadáns, que votan e din o que temos que facer. Ese é o escenario que o PP non quere; acábase de ver o seu xogo, que se iniciou coa proposta de redución do Parlamento e que continuaba coa seguinte xogada, reducir a capacidade para elixir as alcaldías. Onde se establecía o aprobado nun 5, agora o PP di que está no 3. O PP quería reducir a democracia e adaptarse á nova política pegado á cadeira. Nese novos escenario o Partido Socialista ten que xogar como sempre o fixo cando tivo intención de gañar: sendo tolerante, respectuoso coa decisión da cidadanía e poñendo por diante o seu programa político. Esta nova política pode provocar reaccións de medo, que é a que está a provocar no PP, pero tamén de tranquilidade, respecto e tolerancia, que é como vai responder o PSdeG.
"A nova política lévate a ter novos interlocutores, pero sen obsesións"
Menciona o caso de Santiago, unha cidade na que vai estar moi presente o debate da corrupción, igual que noutras do país. Como lle pode transmitir á cidadanía que un cambio nas institucións pode servir tamén para abrir as fiestras e desterrar prácticas que se perciben como xeralizadas? Temos operacións xudiciais abertas que manteñen unha mancha negra sobre boa parte da actividade política de Galicia...
Xa levamos uns anos cunha situación xudicial convulsa. Despois do quinto ou sexto ano dese tipo de operacións a xente sabe tirar conclusións e separar o gran da palla, ver onde hai unha operación claramente corruptas e onde hai condutas resprochables que non entran no ámbito da corrupción. O cidadán tamén está aprendendo. Como ten que comportarse un partido? Con absoluta responsabilidade, dando sinais inequívocos de que non está a compadrear con ningunha práctica corrupta. Ofrecendo un xeito de facer política cun espírito de transparencia e cunha vontade clara de que a cidadanía perciba que o xestor político quere e debe render contas. Isto non acontecía hai vinte anos, pero agora si. O Partido Socialista vai afrontar esta nova política cos principios renovados: transparencia, rendición de contas, máxima información e sen complexos. Isto é o que marca esta terceira xeración de socialistas, que non temos complexos. E iso é o peor que lle pode pasar ao PP. Respectamos o que se fixo no pasado, pero non nos condiciona para o futuro. E nesa liña é onde o Partido Socialista pode ter mellor ligazón coa cidadanía. Asumimos o noso pasado e non o podemos cambiar, pero non nos condiciona o futuro. As solucións do pasado non teñen por que servir para o futuro. E esa falta de complexos ten desnortado o PP, mentres que o cidadán xa ve que os novos dirixentes non teñen nada que ver con Felipe González ou Zapatero, partindo das cousas boas que fixeron, pero cunha nova xeración.
Abusouse da figura da imputación contra o rival, chegando a confundir a cidadanía sobre o que implica?
Totalmente. E eu creo que a cidadanía o percibe e, por iso, sabe cando se atopa cun político honrado e cando non. Isto tamén supuxo un proceso de formación para todos: para os medios de comunicación, para os políticos e para a cidadanía. Por iso disto sairemos máis.
Nese contexto, cómpre marcar as fronteiras de cando se debe dimitir. O Partido Socialista mantena no xuízo oral?
"Ningún socialista sentará no banco dos acusados ostentando a condición de socialista"
Si, e custounos traballo chegar a esa posición, a min tamén. Estes tempos non permiten chegar á última fronteira da sentenza xudicial. Por iso hai que fixar un criterio, que pode non ser cen por cen xusto, pero para nós é o xusto entre o mantemento da presunción da inocencia e a imputación, pola cal se cometerían tremendas inxustizas. O Partido Socialista é o único que ten un criterio claro: ningún socialista sentará nun banco dos acusados ostentando a condición de socialista. Outros partidos están dando imaxes dispares; no PP vai en función de como se erga o seu presidente, ao que uns comportamentos lle parecen inadmisibles e outros, admisibles. Outros partidos, que se encheron a boca, estanse vendo coa realidade de que o importante é ter un criterio. E outras formacións políticas sen experiencia fan unha formulación moi demagóxica, pero cada un elixe o seu escenario. Quen ten un criterio claro é o Partido Socialista, que pode gustar ou non, pero razóao e aplícao cando o ten que aplicar.