É un triste e vergoñento clásico dos procesos electorais en Galicia. Nas xornadas en que a cidadanía está chamada ás urnas diversos cargos políticos exercen o labor de transportistas de vontades para, polos medios máis diversos, achegar persoas de avanzada idade ata os colexios electorais. Aseguran estar facilitando a mobilidade a persoas que, libremente, desexan ir votar pero non poden facelo por cuestións de distancia ou impedimento físico -a propia Administración ten medios para estes casos-. No entanto, en máis dunha ocasión amosouse que, en realidade, estes traslados levan papeleta incorporada e deixan pouca marxe de manobra ás persoas que van votar. Isto, precisamente, é o que aconteceu en Lugo no día das eleccións autonómicas de 2012, cando un dirixente do PP local, José Luis Iravedra e varios militantes máis empurraron cadeiras de rodas de anciáns coas súas facultades mermadas ata un céntrico colexio electoral. O acontecido está agora ante a xustiza por supoñer un presunto delito electoral que, cando menos momentaneamente, está a rachar a lei do silencio sobre a carretaxe.
Como informou este diario, a xuíza que instrúe o caso, iniciado a raíz dunha denuncia de AGE, ten claro que as persoas carrexadas, residentes do asilo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, "carecían de capacidade para comprender e decidir o sentido do seu voto" por padecer doenzas como o alzhéimer ou demencia, entre outras, segundo acreditan informes forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia. Os médicos, como recolleu El País, mesmo chegaron a certificar que algunhas destas persoas nin sequera son quen de lembrar que fosen votar e, moito menos, que opción política prefiren. Malia estas evidencias, que manteñen o escándalo nas páxinas dos medios de comunicación dende hai días, o PP prefire agardar para tomar medidas contra os seus membros imputados no caso.
Os forenses acreditan que os anciáns non tiñan capacidade para decidir o seu voto
Iravedra, actual membro do consello de administración da RTVG en representación do PP e membro da dirección do partido en Lugo -antes foi presidente provincial e tesoureiro do PPdeG- foi captado por un fotógrafo de La Voz de Galicia empurrando as cadeiras de rodas ata o colexio electoral. Dada a súa obvia participación nos feitos, asegurou ante a xuíza que o fixo porque as relixiosas que xestionan o asilo chamaron ao PP para pedir a súa colaboración no traslado. As monxas, pola contra, veñen de asegurar en declaración a Faro de Vigo que esa petición non se produciu e, ademais, que non teñen relación con Iravedra.
Feijóo di non saber "se é correcto ou non"
Neste escenario, tanto AGE -o seu deputado Ramón Vázquez presenciou e denunciou os feitos e Esquerda Unida exerce a acusación popular no proceso- como o resto de forzas da oposición ollan directamente cara a Alberto Núñez Feijóo para que, con independencia de que se confirme ou non o delito electoral que aprecia a xuíza instrutora, tome decisións ao respecto, a comezar pola saída de Iravedra da directiva dos medios de comunicación públicos. Esta esixencia chegou o pasado mércores á sesión de control do Parlamento a través da vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, que atopou unha irada resposta no presidente.
Feijóo argumenta que non ten "competencias" sobre as monxas e di non saber se o acontecido "é correcto"
Para Díaz feitos como este lembran ás actitudes "mafiosas" retratadas en filmes como O padriño, referencia á que o presidente retrucou asegurando que "o meu padriño era panadeiro dos Peares". Chanzas á marxe, Feijóo, como Iravedra, deita parte da responsabilidade nas monxas do asilo, sobre as que non ten "competencias" e, ademais, di non saber "se é correcto ou non levar a votar a unha mesa a persoas impedidas". Nesta liña, o xefe do Executivo tenta reverter as acusacións para proclamar que "se chegamos á conclusión de que unha persoa que non pode andar non pode ir votar, alá vostedes e o seu comportamento ético", repróchalle a AGE, coalición á que, como noutras ocasións, lle atribúe que "non cre na Xustiza, senón que axustiza", verbo que en galego unicamente significa "aplicar a pena de morte".
EU esixe a destitución de Barreiro
Mentres Feijóo avala a continuidade de Iravedra e pospón calquera decisión ata que haxa sentenza, Esquerda Unida coida que as imputacións deben estenderse ao presidente do PP lugués e voceiro do partido no Senado, José Manuel Barreiro. A xuízo de Vázquez o acontecido o 21 de outubro de 2012 non foi "algo improvisado", senón que forma parte dunha "trama electoral organizada para captar votos á marxe dos principios éticos e humanos", polo que Barreiro tamén debe responder e, ademais, agrega Yolanda Díaz, tería que abandonar o seu cargo, algo que o grupo da Izquierda Plural reclamará tamén nas Cortes. Pola banda de Feijóo a vicevoceira de AGE dubida se o presidente fai gala de "ignorancia ou incompetencia" pero "chega a causar preocupación" que o presidente, licenciado en Dereito, dubide da corrección destas condutas.
O PP lugués: "Non imos admitir 'transiverxacións' interesadas"
Mentres EU lembra que naquela xornada Iravedra actuaba en condición de apoderado electoral do PP e, polo tanto, a súa conduta é aínda máis grave, dende a dirección dos populares lucenses asegúrase, nun escueto comunicado, que non van "entrar en provocacións". "Queremos deixar claro que non temos nada que ocultar" e "non imos admitir transiverxacións interesadas", aseguran, nun contexto no que acusan a EU de "faltar á verdade" para "confundir á cidadanía". Nas declaracións xudiciais, abondan, "non se mencionou o nome do presidente do PP de Lugo nin de ningún outro representante do mesmo, non sendo certo por tanto, que houbese algún tipo de instrución por parte do PP de Lugo", din.