"Unidade, austeridade e eficiencia". No verán de 2011 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resumía deste xeito os principios inspiradores da política do seu Goberno en materia de infraestrutras, as grandes obras públicas dependentes da Consellería daquela dirixida polo actual alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e naquela altura aínda xestionadas pola Dirección Xeral de Infraestruturas, que pasou posteriormente a integrarse nunha axencia pública. Mentres o presidente expuña esta filosofía para a contratación pública no departamento de Hernández producíanse "desviacións" nos prezos das obras que, segundo o Consello de Contas, chegaron ao 31%, cun prexuízo para as arcas públicas de case 50 millóns de euros en apenas dous anos.
O ente fiscalizador vén de entregar no Parlamento un informe no que analiza a contratación administrativa da Xunta nos dous primeiros anos completos tras o retorno do PP ao poder. Nel pon o foco nalgunhas das consellerías máis investidoras: Infraestruturas, Medio Rural e Mar -as dúas últimas son, dende 2012, unha soa-. No caso das infraestruturas conta detecta "importantes desviacións de carácter económico e temporal" e, para "analizar a significación económica" das mesmas, toma como referencia as obras rematadas entre 2010 e 2011, cuxo "custo final supera sensiblemente o prezo de adxudicación". Concretamente, as diferentes actuacións adxudicáronse por un prezo total de 152,8 millóns de euros e remataron custando 200,4 millóns.
Este sobrecusto, explica o Consello, ten a súa orixe en que "distintos conceptos" pasan a "formar parte do custo final das obras". As desviacións materialízanse "a través da sinatura de contratos complementarios ou de modificacións dos contratos existentes". Lonxe de ser unha cuestión puramente burocrática, "estas variación supuxeron un incremento de 47,61 millóns de euros", dos cales 19,9 corresponden a modificacións de contratos, 11,6 a contratos complementarios e 14,7 "ao importe das certificacións finais dos contratos principais e complementarios". De 71 obras recibidas pola Xunta neste período 31 teñen un modificado e 5, dous, detalla o informe.
As "desviacións" de Infraestruturas tiveron un impacto de case 50 millóns de euros
A xuízo do ente fiscalizador estas modificacións contractuais "deberían ser previstas no proxecto orixinal" se o Goberno "aplicase a dilixencia requirida, de acordo coa boa práctica profesional, na elaboración do proxecto e na redacción das especificacións técnicas". Asemade, "os proxectos complementarios non se producirían se os proxectos orixinarios estivesen ben estudados e fosen completos". No entanto, "en ningún suposto consta que se esixisen responsabilidades aos autores do proxecto". O prexudicado foi, unicamente, o erario.
Juárez destaca polas adxudicacións 'a dedo'
Alén dos sobrecustos, outra das prácticas contractuais nas que se detén o Consello de Contas e na excesiva utilización dos contratos por procedemento negociado, os popularmente coñecidos como contratos 'a dedo'. Se ben este tipo de contratación é frecuente no departamento que dirixía Hernández, no período analizado era moito máis utilizada na Consellería do Medio Rural, na altura dirixida polo aínda delegado do Goberno central en Galicia, Samuel Juárez. Deixando á marxe os contratos menores, só en 2010 "o importe adxudicado polo procedemento negociado representou o 61%" do importe total adxudicado e case o 80% dos contratos, destaca Contas.
Juárez adxudicou 'a dedo' oito de cada dez contratos durante 2010
Aínda que a lei concibe estetipo de procedemento para reducir prazos de tramitación e aforrarlle cartos á Administracióno Consello de Contas detecta que, en xeral, estes beneficios non se obtiveron e que o procedemento foi "escasemente competitivo", chegando a verse "vulnerada a concorrencia" entre empresas en varios expedientes. No que atinxe ao prezo final, "as baixas obtidas coa utilización deste procedemento foron mínimas": en quince contratos foron "iguais ou inferiores ao 1% e en dous expedientes resultaron ser iguais ou inferiores ao 5". Entre os contratos dos que o Consello dubida están algúns ligados ás brigadas contra incendios helitransportadas, fondamente criticados polos profesionais do sector nos últimos anos.