Nunha xornada de finais do pasado outubro Antonio Pérez, testemuña na rama coruñesa da operación Pokémon, viaxaba en autobús dende A Coruña ata unha vivenda da súa propiedade na comarca de Ferrolterra. Facíao porque, tras unha caída en bicicleta, un brazo escaiolado e unha perna lesionada lle impedían conducir con normalidade. "Por erro" abandonou o autobús unha parada antes do que correspondía e, "debido ás súas limitacións para trasladarse", pediulle a unha condutora "se o podía achegar ata a seguinte parada". Nese momento "varios axentes da policía local" ferrolá "irrompen por sorpresa e, sen mediar palabra", inmobilízano e retéñeno. Este é, para os letrados que o representan, un novo episodio do "acoso" que está a sufrir, o mesmo que o mantén de baixa do seu posto de traballo no Acuario da Coruña onde, subliñan, o seu testemuño é clave para demostrar que esta instalación municipal foi obxecto de "adxudicacións irregulares a empresas do grupo Véndex".
Tras ser "esposado ás costas, malia que tiña o brazo esquerdo escaiolado e se queixaba da dor que lle estaban producindo" Antonio Pérez foi "trasladado á comisaría da Policía Nacional", sen que en "ningún momento o informasen de nada nin lle fixesen preguntas". Unha vez nas instalacións policiais, explican os seus representantes en conversa con Praza Pública, "Antonio explicou o acontecido e a condutora do vehículo tamén". Alí, sinalan, compróbase ademais que "o que portaba non eran armas ilegais", senón "unha pistola de fogueo utilizada para prácticas deportivas, rexistrada en debida forma", unha navalla de mergullo e outra ordinaria. Nese momento "o informan de que pode marchar sen necesidade de tomarlle declaración, porque non había indicio de delito ningún". "Cómpre resaltar -explican- que a pistola de fogueo é doadamente diferenciable" dunha real "para calquera axente", polo que "non cabe a posibilidade de que se confunda, moito menos cando son seis os axentes que interveñen na detención".
A xuíza De Lara chamou a declarar os policías locais ferroláns e insta a aclarar a publicación das imaxes
Que Antonio Pérez fose debidamente identificado e que non cometese ilícito ningún non impediu, así e todo, que a Policía local ferrolá difundise a través da súa conta de Twitter imaxes dos seus obxectos, "que ademais publican para facer chascarrillos e facer notar que foi unha detención moi estresante", sinalan os avogados. "Esta toma de fotografías non ten xustificación" porque "o asunto é competencia da Policía Nacional", salientan. Ante o trato recibido por esta testemuña "primordial" a xuíza Pilar de Lara xa chamou a declarar os seis policías locais e ao seu comisario para aclarar, entre outras cuestións, porque as imaxes empregadas para uso "interno" acabaron publicadas en Twitter. A Policía Nacional, pola súa banda, xa a informou de que Pérez nunca chegou a ter a condición formal d edetido.
Petición de protección para a testemuña
As fontes da representación legal de Antonio Pérez consultadas por Praza cren que, lonxe de ser casual, "esta extraña actuación policial" ten "relación directa coa súa condición de testemuña" no caso Pokémon. Tamén recean do xeito en que o acontecido foi reflectido nun xornal coruñés "nos termos en que se fixo". "É evidente que se fose calquera outra persoa" o incidente coa policía ferrolá "non se difundiría na prensa ás poucas horas da detención". "A nova publicada baixo o título Un testigo primordial de De Lara en entredicho vai encamiñada a danar a credibilidade da testemuña, como é evidente", afirman, nun contexto no "nunha das novas se fai referencia ao feito de que un día antes se rexeitara un recurso presentado por tres dos imputados" na Pokémon "contra a decisión do xulgado de practicar" unha proba para "determinar a existencia do delito de acoso" contra Pérez no seu posto de traballo dependente do Concello coruñés. "O único que está en entredito é a propia Policía Local, que chegou a ofrecer catro versións do acontecido noutros tantos informes" remitidos ao xulgado e que "difiren do informado pola Policía Nacional" nun atestado que se "lle negou a Antonio Pérez" aínda que ten dereito a dispoñer dunha copia.
"Danar a súa credibilidade sería un xeito de danar parte do material probatorio que podería servir para condenar os responsables desta urdime de corrupción"
"Este episodio -continúan as fontes consultadas- non é un caso illado nesta causa". Para os letrados "existen múltiples evidencias do nivel de hostigamento" que sufriu Antonio Pérez "por parte de persoas que ocupan cargos públicos na Coruña". Así, lembran, "apareceron forzados os caixóns e armarios" onde a testemuña "gardaba documentación" cando el "xa se atopaba de baixa por acoso". "Foi a Policía Local", neste caso a coruñesa, "quen acudiu de xeito sorprendente a facerse cargo" do asunto "cando o xulgado xa llo encomendara á Policía Nacional, por ser da súa competencia". "Sen prexuízo do que resulte do proceso", detallan, Antonio Pérez "experimentou un brutal hostigamento tanto por persoas das que recibía ordes directas como dende altos cargos do Concello da Coruña" mentres "estivo prestando servizos como xefe de bioloxía do acuario", posto ao que "accedeu por oposición".
Neste contexto, os letrados observan a necesidade de que Pérez pase a ser testemuña protexida no caso. "A lei de protección de testemuñas arbitra mecanismos para garantir o debido apoio e protección dunha testemuña e da súa familia nun proceso penal" coma este, evidencian. Trátase "de evitar a reprodución de feitos tan lamentables como os que veu sufrindo pola súa condición de testemuña", os cales inclúen "a sifusión ou revelación de datos sobre a súa persoa". Dado que "poñer en dúbida" a "credibilidade" de Peŕez "sería un xeito de danar parte do material probatorio que, no seu día, podería servir para condenar os responsables desta urdime de corrupción" e tendo en conta que as policías locais da Coruña e Ferrol dependen de dous concellos afectados "pola investigación da operación Pokémon", os representantes de Antonio Pérez están "estudanto o exercicio de accións penais ou civís contra as persoas involucradas neste incidente" que consideran unha "detención ilegal, privación de dereitos constitucionais, revelación de segredos" e "atentado á honra". "Todo -conclúen- a mercé do que se poña de manifesto na investigación, que a día de hoxe xa ofrece datos o suficientemente sólidos como para pensar na comisión de graves delitos".