A operación Pokémon apunta agora directamente a José Luis Baltar. A xuíza Pilar de Lara coida que o PP de Ourense "se podería ter financiado ilicitamente" desde 2003 e até a actualidade "a través dun elaborado sistema de facturación falsa e ficticia". Foi a declaración e a documentación achegada polo ex xerente da formación na provincia, Emilio Pascual, o que levou a maxistrada a abrir unha investigación que non só salpica a Baltar pai, senón tamén o seu fillo e actual presidente da Deputación e da organización popular, así como ao vicepresidente do Parlamento e home forte do baltarismo Miguel Santalices.
Logo do testemuño deste xerente que traballou durante 17 anos no PP ourensán, a xuíza De Lara coida que o presunto financiamento irregular se realizou "utilizando, cando menos, que se saiba, dúas empresas: a empresa publicitaria Planos e á canle Telemiño, do grupo La Región, que tivo como presidente e conselleiro delegado ao actual director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, dende febreiro de 2007 ata decembro de 2008. "Nesta operación -agrega o mesmo auto- colaborarían empresas" investigadas na propia trama, como as filiais de Véndex PAU e Sermasa ou Aquagest "as cales abonarían, presuntamente, gastos do Partido Popular".
De Lara abre unha investigación sobre o suposto financiamento ilegal do PP de Ourense tras o testemuño do seu ex xerente
Neste contexto, a xuíza reclámalles a Planos e Telemiño as facturas emitidas "dende 2003 e ata a actualidade" a nome do PP, de Santalices e do actual presidente do PP ourensán e da Deputación Provincial, José Manuel Baltar. No caso de Planos, ademais, terá que informar da facturación con Inversiones Couto, Financiera y Comunicaciones Coruñesa, PAU, Leidove, Setex-Aparisa, Extraco, Creto e Promociones Gama. Telemiño ten que dar conta, ademais destas, das facturas a nome do dirixente do PP ourensán Amadino Rivera, do empresario Antonio Alén ou da empresa Promociones Gama.
Baseándose no testemuño de Pascual a maxistrada entende que Baltar era "o encargado de recoller persoalmente" os cartos de empresas que achegaban cartos á formación popular "teoricamente, en concepto de doazón". Os pagamentos, di, "efectuaríanse no despacho do daquela presidente da Deputación Provincial" e posteriormente "albergaríanse na caixa forte existente ao efecto na sede do PP ourensán, establecendo así un sistema imposible de controlar por procedemento legal ningún". Ao incumplir a normativa, continúa a xuíza, os pagos non constan na contabilidade oficial do PP, "o que impide coñecer o destino de tales sumas de cartos". Pascual, sinala a xuíza, "non descarta que parte dos cartos fora a parar aos petos" do autonomeado cacique bo.
Baltar sería o encargado de recoller persoalmente o diñeiro das empresas para gardalo na caixa forte da sede do partido
A instrutora da Pokémon explica que, "segundo especifica a testemuña" e atendendo á documentación que este achegou, era José Luis Baltar o que pagaba con estes cartos a Telemiño ou á empresa Planos, as cales, á súa vez, "facturaban a outars empresas gastos ocasionados polo PP". Eses cartos, "xeralmente billetes de 100 e 500 euros", tamén serviron para "realizar pagos sen a existencia de facturas", segundo versión de Pascual. O importe das supostas doazóns "puido roldar os 200.000 euros" nun só ano. Este relato, di De Lara, "avalaría a hipótese de Vixilancia Aduaneira" sobre "os pagos realizados pola empresa Véndex ao señor Baltar o 20 de maio de 2011", na alcumada como "ruta do bacallau".
Baltar fillo só responde pola súa xestión
Neste contexto, o fillo de Baltar Pumar e actual presidente da Deputación de Ourense emitiu unha nota para volver desatenderse da xestión do seu pai á fronte do partido na provincia e para aclarar que el tan só "responde" pola que se fai desde xaneiro de 2010, cando substituíu o seu pai nun polémico e sospeitoso congreso que xa lle valeu ao patriarca unha condena xudicial. Ademais, aclara que unha das primeiras medidas que tomou ao chegar á dirección do partido foi prescindir do xerente por "falta de confianza" e o "pésimo concepto" que tiña do seu labor. Ademais, deféndese asegurando que as doazóns ao PP "son tramitadas legalmente".
As sospeitas baséanse tamén en declaracións de Emilio Pascual, que noutro xuízo asegurara que o PP de Ourense non pagara a organización dun congreso provincial. Neste proceso Pascual falaba de máis de 70.000 euros facturados a unha empresa de Álvaro Pérez, el Bigotes, un dos líderes da trama Gürtel.
Telemiño négao todo e asegura que a documentación entregada á xuíza demostra que as acusacións son "absurdas"
Por outra banda, a televisión local Telemiño asegura que na documentación que xa entregou á xuíza instrutora "pódese comprobar" que "xamais" participou en "operación ningunha de financiamento de partido ningún, nin por suposto emitiu facturas falsas a persoa física ou xurídica ningunha".
Nun comunicado, Telemiño cualifica de "absurdas e absolutamente carente de sentido e veracidade" as declaracións do ex xerente do PP de Ourense ante a maxistrada e aclara que a empresa "facilitou desde o primeiro momento o acceso á documentación solicitada", que probaría que "non existiu relación comercial con algunhas das persoas e empresas polas que se interesa a xuíza". "Os casos nos que si se produciu a prestación e facturación dalgún tipo de servizo están plenamente xustificados e documentados", insiste.
Non obstante, BNG e AGE pediron xa a comparecencia de Alfonso Sánchez Izquierdo, actual director xeral da CRTVG, en relación á investigación aberta pola xuíza Pilar de Lara. Sánchez Izquierdo foi directivo de Telemiño no período investigado pola maxistrada, concretamente entre 2007 e 2009, polo que os dous grupos parlamentarios reclaman que aclare os feitos.