Xosé Manuel Beiras, actual líder de Anova e cabeza de lista de AGE no Parlamento de Galicia non repetirá candidatura ás eleccións autonómicas, previstas para outono de 2016. Así o confirmou o propio Beiras nunha entrevista concedida a eldiario.es e cuxo contido íntegro se publicará este xoves.
Beiras aposta "porque non haxa máis eleccións autonómicas, que haxa un cambio de réxime antes das próximas". Preguntado sobre que fará no caso de que ese vaticinio non se cumpra e se se produce a chamada ás urnas, o político sentenza: "Non, non serei candidato".
Con esta afirmación, Beiras despexa unha das incógnitas instaladas sobre o futuro de Anova a dous anos das próximas autonómicas. O líder de Anova vén dando pasos nos últimos meses cara á repartición de funcións na organización que dirixe. Durante a última Asemblea Nacional da súa formación, celebrada en outubro, abriu a man cara a unha portavocía compartida entre o propio Beiras e o alcalde de Teo, Martiño Noriega.
"Non, non serei candidato", di Beiras ao ser preguntado sobre que fará no caso de que se produza a chamada ás urnas
Aos seus 78 anos de idade, Beiras segue á fronte de AGE no parlamento galego como puntal da segunda forza na bancada da oposición. Os seus enfrontamentos co presidente Núñez Feijóo coparon os momentos máis intensos do debate parlamentario no parlamento galego, do mesmo xeito que anos atrás lle ocorreu con Manuel Fraga Iribarne.
A Feijóo Beiras definiuno como "narcopresidente", no medio da polémica polas fotos do xefe do executivo galego co narcotraficante Marcial Dorado. Naquela comparecencia, un Beiras emocionado afirmou sentir noxo do presidente galego durante un debate que pasará á historia como un dos peores grolos parlamentarios que o presidente galego tivo que beber.
Quince días despois do anterior enfrontamento, a tensión entre ambos os políticos volveu marcar un punto álxido. Durante a sesión de control ao goberno, o presidente da Xunta ironizou coa emoción que envolveu a Beiras no debate celebrado só quince días antes. Sen dubidalo, o veterano político de esquerdas encarouse co xefe do executivo e chegou a golpear o seu escano, para posteriormente abandonar o hemiciclo.
Histórico líder e fundador do BNG, Beiras volveu á política institucional tras a escisión que a formación nacionalista viviu na Asemblea de 2012. Daquela ruptura naceu Anova, formación ao redor da cal o veterano político cimentou unha nova candidatura á Presidencia da Xunta en alianza con EU, Equo e os Ecosocialistas. Segundo as súas palabras, non haberá un novo intento por parte de Beiras na carreira electoral galega.