Feijóo imita a Rajoy e prepara unha comparecencia 'á carta' sobre corrupción

Feijóo, antes dunha sesión de control © Xoán Crespo

Axitado polos casos Gürtel e Bárcenas e atribulado pola forzada dimisión da ministra de Sanidade, Ana Mato, Mariano Rajoy acudiu o pasado xoves ao Congreso dos Deputados a presentar os proxectos de lei cos que, di, pretende que "quen a faga, a pague" nos casos de corrupción. A presentación desta leis chegaba despois de meses, mesmo anos, nos que a oposición nas Cortes tentou sen éxito -agás contadas excepcións- arrastrar a Rajoy ata a tribuna parlamentaria para falar, concretamente, das presuntas tramas corruptas que arrodean o seu partido e que poñen en dúbida, moi especialmente, o xeito en que se veu financiando. O Executivo central amosa este debate como a mostra de que Rajoy, ao contrario do que din o resto de partidos, si comparece para falar de corrupción. Todo semella indicar que a Xunta e o PP galego se dispoñen a executar unha operación moi semellante, no seu caso en plena treboada política pola trama Zeta de supostos falsos cursos de formación e mentres pairan as dúbidas sobre o financiamento dos populares ourensáns.

Esta estratexia estase a desenvolver en, cando menos, tres actos. O primeiro foi o debate de política xeral, celebrado a comezos de outubro. Entre as propostas de resolución do debate o PP incluíu un bosquexo de medidas para "previr e erradicar" a "corrupción política" con iniciativas como a "mellora da transparencia" nos contratos públicos ou o veto ás doazóns de empresas a partidos, así como "reducir a 7 días" as campañas electorais autonómicas, a metade das demais. Nese primeiro acto o partido do Goberno logrou atraer os votos do PSdeG, se ben ese feble consenso rachou apenas unha semana despois, co estourido definitivo da Operación Zeta tras case tres anos de investigacións.

Co escándalo da formación inzando os titulares chegou o segundo acto: a celebración da xuntanza do presidente co secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrada a instancias do socialista. Tras tres horas de encontro no despacho presidencial Feijóo confirmou que, cando menos polo momento, quedaba sen foto bipartita. Besteiro supeditara calquera posible acordo a que acudise previamente ao Parlamento para, nunha comparecencia a tal efecto, dar "explicacións" sobre os casos que afectan ao PP e, nomeadamente, sobre o caso Zeta. "Non se pode pedir transparencia" pero "negarse a ir ao Parlamento e querer pechar un pacto nun despacho, de costas á sociedad e ao resto de forzas", argumentou Besteiro. Ante esta resposta un irado Feijóo asegurou que se dispuña, malia todo, a impulsar un plan anticorrupción con 35 medidas.

O primeiro acto da estratexia foi o debate de política xeral e o segundo, a xuntanza con Besteiro

Tras os dous primeiros pactos, chegou o interludio. Ao día seguinte da recepción a Besteiro Feijóo reiteraba a súa vontade de impulsar o seu plan contra as corruptelas, a comezar polo veto ás doazóns de empresas privadas a partidos políticos, doazóns que no caso do PP suman 2 millóns de euros nos últimos catro anos e cuxa prohibición dependería, en última instancia, dunha modificación legal a nivel estatal. Do mesmo xeito, aseguraba ter a vontade de comparecer no Parlamento cando así lle fose solitado, aínda que no momento de pronunciar esas verbas o PP xa vetara a comparecencia do presidente en máis de 40 ocasións dende o inicio da lexislatura.

Neste contexto, tamén poden ser consideradas parte deste interludio as dúas broncas sesións de control e as incontables declaracións coas que, nas últimas semanas, dende o gabinete de Feijóo se insiste en que a investigación da trama partiu do actual Goberno, se sementa a dúbida sobre a xestión do bipartito en relación a estas empresas e, sobre todo, se insiste na inconveniencia de aclarar a relación do xefe do Executivo co empresario que a Policía sinala como 'conseguidor' da trama, Pachi de Lucas. O simple feito de preguntalo é "rancio", "carca" e "casposo", di o vicepresidente, Alfonso Rueda.

A oposición esixe unha comparecencia sobre a trama Zeta e Feijóo, como Rajoy, di que comparecerá para "presentar" unha proposta de medidas anticorrupción

Con estes ingredientes e con máis tensións que explicacións Feijóo avanza o que pode ser o cuarto acto. Obviando a corentena de vetos e obviando, asemade, que non comparece á marxe das sesións obrigatorias dende o escándalo polas fotos de Marcial Dorado -a anterior vez que o fixo foi en 2010, para abordar a política económica de Zapatero-, Feijóo mantén que non ten "ningún inconveniente en seguir comparecendo", agora ben, "sobre propostas en materia de financiamento dos partidos". "Lle expuxen ao secretario xeral do PSOE en Galicia que tiña interese en comparecer sobre as modificacións legais que Galicia quere introducir no orzamento xurídico para blindar todos os controis que hoxe poden acreditar lagoas legais", explicaba o pasado xoves tras o Consello da Xunta.

Feijóo, como Rajoy, culpa o PSOE de que a súa comparecencia aínda non se producise

A comparecencia será, polo tanto, non sobre a trama Zeta e as súas eventuais implicacións no PP e na Xunta, senón para "presentarlle eses proxectos á Cámara". E, cando será? "O PSOE nos pediu algunhas semanas para valorar a proposta definitiva", polo que "en canto nos traslade esa decisión e a Xunta teña todo o corpo normativo, por suposto que comparecerei". Os socialistas, como o resto da oposición, seguen reclamando unha comparecencia monográfica sobre Zeta pero, segundo o presidente, estanlle "pedindo unha comparecenica e negándoa". Así as cousas, engade, o Goberno vén de lle solicitar ao Consello Consultivo un informe sobre as devanditas propostas anticorrupción. "Cando o Consultivo me traslade ese borrador, eu comparecerei", resolve.

 

 

 

Feijóo, antes dunha sesión de control © Xoán Crespo
Rajoy, no inicio do pleno sobre as leis anticorrupción © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.