Os preocupantes datos de uso do galego publicados polo IGE xusto antes da ponte festiva dos primeiros días de decembro prenderon, outra volta, múltiples alarmas. A baixada global de persoas que falan só ou maioritariamente en galego ou o gran devalo do idioma entre a mocidade son só dous síntomas que deron lugar a reflexións múltiplas, dende críticas ás políticas lingüísticas aplicadas polos sucesivos gobernos ata exames de conciencia a respecto das estratexias formuladas polos movementos de defensa da lingua. Neste escenario, o máximo responsable do organismo que, estatutariamente, ten encomendado o labor de preservar o galego, o presidente da Xunta, atribuía ás familias boa parte da responsabilidade. "Nunca tantos nenos coñeceron mellor o galego", argumenta, pero o problema é que "despois non o falan nos ámbitos familiar ou de lecer. O Goberno "preserva o galego", só resta que "as familias" sexan "partícipes" dese labor para "que transmitan aos seus fillos a importancia de que o falen fóra da escola".
Estas valoracións de Feijóo chegan no seu quinto ano de mandato á fronte do Executivo e, polo tanto, media década despois de que a política lingüística volvese depender do PP. Chegan, asemade, uns cinco anos despois de que os populares convertesen o idioma nun dos piares do seu argumentario electoral para tentar, como lograron, desbancar o Goberno de coalición de PSdeG e BNG. Alén da evidente responsabilidade individual e colectiva da cidadanía, neste período o galego, o seu uso e a súa imaxe pública sufriron, cando menos, catro golpes que, a priori, pouco ou nada tiveron que ver coa capacidade das "familias" como ente máis ou menos abstracto para conservalo.
1. O político
En outubro de 2008 Galicia estaba xa inmersa nunha longa precampaña e o candidato do PP á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, escribía no seu blog unha reflexión baixo o título Na lingua, as cousas claras. Tras meses alimentando as consignas de colectivos máis ou menos irrelevantes que no seu momento xa chegaran a encadrar a Manuel Fraga no ámbito do nacionalismo galego, Feijóo aseguraba "poder dicir sen medo" que "en Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes, creado dende o propio Goberno". Ese conflito "sen precedentes" tiña a súa orixe, segundo Feijóo, na aprobación do decreto 124/2007, que establecía un "mínimo" do 50% das materias escolares en galego e que o PP chegou a apoiar por ser un "instrumento esencial na promoción da lingua galega", se ben deu en rexeitalo a última hora.
No propio outono de 2008 Feijóo ofrecía unha rolda de prensa para anunciar que, se chegaba a gobernar, derrogaría o decreto para permitir que "os pais elixan a lingua vehicular do ensino" ou que "os alumnos elixan libremente a lingua nas aulas e nos exames". A súa política lingüística sustentaríase nos seguintes principios: "Plan de Normalización, si, imposición do galego, non; bilingüismo, si, bipartito, non". Estes principios reiterounos o propio líder popular en diversas intervencións mediáticas nas que, por exemplo, prometeu que "os pais" poderían determinar o idioma a empregar no ensino público a través de "unha casilla no sobre de matrícula".
Con esta filosofía baixo o brazo boa parte da plana maior do PPdeG, agás o propio Feijóo, acudiu o 8 de febreiro de 2009, ás portas da campaña, a unha manifestación convocada por unha asociación denominada Galicia Bilingüe. Alfonso Rueda, Corina Porro, Carlos Negreira ou Ana Pastor, entre outros, marcharon por Compostela ao carón da líder do partido UPyD, Rosa Díez, mentres a líder da devandita asociación clamaba contra unha presunta falta de "liberdade". Tres días despois o candidato á Presidencia asinaba no Hostal dos Reis Católicos o seu célebre Contrato con Galicia e sinalaba, no seu punto 13, que ía "recuperar o consenso arredor dos nosos símbolos identitarios", porque "o galego ten que ser un instrumento de unión, nunca de imposición e debe garantirse a liberdade para escoller lingua en todos os ámbitos". O galego xa era, oficial e politicamente, un problema.
2. O administrativo
Tras vencer nas eleccións os populares consideraron necesario comezar o seu labor lexislativo por desfacer unha das escasas reformas aplicadas polo bipartito a prol da lingua no ámbito da Administración: a obrigatoriedade de que en cada proceso selectivo da Xunta se realizase, cando menos, un dos exames en lingua galega. Así, a segunda norma aprobada grazas á maioría absoluta de Feijóo foi unha reforma da lei da Función Pública para, explicou daquela o Goberno, "primar o absoluto respecto á hora de que as cidadás e os cidadáns elixan con liberdade a lingua na que se queren expresar, sen que esixenicas do poder público poidan menoscabar o exercicio dese dereito".
Aínda admitindo que o Estatuto e as leis vixentes estipulan o dereito da cidadanía a ser atendida en lingua galega o gabinete de Feijóo expuña na propia lei que "hai que posibilitar que a mobilidade das cidadás e dos cidadáns por todo o territorio nacional non se vexa limitada nin menoscabada por barreiras lingüísticas". Suprimir a realización dun exame en galego en cada oposición permitía "garantir os dereitos individuais de todas as galegas e de todos os galegos", argumentaba, entre o aplauso de pequenos grupos e o rexeitamento da oposición parlamentaria.
3. O educativo
Como na campaña de 2009, a escola foi o principal campo da batalla lingüística dos populares tras retornar ao poder. Para executar a prometida derrogación Feijóo escolleu como conselleiro de Educación a Jesús Vázquez e como seretario xeral de Política Lingüística a Anxo Lorenzo, filólogo que colaborara co bipartito e defendera en público o decreto que o PP deu en identificar como "imposición". Tras meses de especulacións e protestas nas rúas e despois do gasto de 109.800 euros en anunciar e publicitar unha enquisa entre as familias do alumnado, o 30 de decembro de 2009 o Goberno celebraba un Consello da Xunta para presentar as "bases" do que deu en chamar "decreto do plurilingüismo", cuxa redacción final permitiu relegar o galego a un máximo dun terzo das materias, vetalo en áreas de coñemento como determinadas ciencias e excluílo da práctica totalidade do ensino infantil.
O decreto, parcialmente ilegalizado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, foi a peza principal dunha engranaxe que tamén incluíu o cambio de nome das Galescolas, convertidas en Galiña Azul para, segundo Feijóo, "normalizalas", "despolitizalas" e impedir que nelas se exercese o "adoutrinamento". A supresión do logotipo da casa sorrinte cunha bandeira galega custou, segundo a Xunta, uns 40.000 euros. Cinco anos despois, o alumnado que di recibir todas as clases en galego é, segundo o IGE, apenas un 2% e máis da metade admite que a maior parte das materias son impartidas en castelán. Mentres, os grupúsculos que alentaron aquela manifestación do 8 de febreiro do 2009 acusan o presidente de colaborar na "imposición" do galego.
4. O económico
É o golpe menos simbólico e un dos menos comentados pero, posiblemente, tamén o máis duro. Como informou este diario, o actual Goberno galego retirou xa seis de cada dez euros que os Orzamentos da Xunta destinaban a lingua e cultura. Nestas tesoiradas as partidas peor paradas foron, precisamente, as de promoción da lingua galega, pasando de 21,5 millóns de euros no ano 2009 a 6,7 nas contas de 2015, un desplome de practicamente o 70%. A caída é realmente significativa a respecto dos anos do bipartito pero tamén dos anteriores do PP. Así, no derradeiro Goberno de Manuel Fraga, que Feijóo vicepresidía, a promoción do galego estivo dotada con 19,2 millóns de euros, un 186% máis.