Besteiro reitera que non pactará nos concellos co PP, que teima na reforma electoral

Feijóo, antes do comezo do acto, nunha imaxe difundida por Novas Xeracións CC-BY-SA PPdeG

O escenario electoral que se abrirá tras os comicios municipais do vindeiro maio é incerto. Así e todo, existe un consenso -ou un temor, segundo os casos- máis ou menos amplo no que atinxe a que o panorama máis posible, especialmente nas grandes cidades do país, estará marcado pola ausencia de maiorías absolutas e, polo tanto, pola necesidade de diálogo entre as forzas políticas para artellar gobernos estables ou, cando menos, tentalo. Esta conxuntura, como xa acontecera noutras ocasións -1999 ou 2003, por exemplo- levou o pasado verán o PP a axitar dende o Goberno central a posibilidade de reformar a lei electoral para ilegalizar as coalicións postelectorais nos municipios. A polémica xerada e a ausencia de consenso levou aos de Rajoy a aparcar unha reforma que o PPdeG acolleu con entusiasmo e que o propio Alberto Núñez Feijóo volveu reivindicar este sábado apenas dúas horas despois de que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, lle volvese pechar a porta a pactos municipais cos conservadores.

O cruzamento de declaracións de intencións comezou no Comité Nacional do PSdeG, centrado en boa medida na precampaña municipal, uns meses nos que, di Besteiro, "veremos como evolucionan tanto os que pensaron en cambiar a lei para aferrarse ao poder como os que dubidan se presentarse baixo siglas propias ou alleas". Neste contexto e baixo a sombra da posibilidade de 'grandes coalicións' coa dereita Besteiro advirte de que "temos claro con quen non imos formar goberno en ningún caso": "O tsunami de dereitas que asolou as cidades no 2011 non se vai repetir no 2015" e "ningunha formación política de esquerdas debería titubear con propiciar ese escenario". "Senón -salienta- que miren como estaban algunhas cidades antes de que gobernase o PP e miren como quedaron". "Para mostra, Santiago", ilustra.

Besteiro: "O tsunami de dereitas non se vai repetir e ningunha formación de esquerdas debería titubear con propiciar ese escenario"

"Non imos pactar co PP de ningún xeito", abonda o líder dos socialistas, "porque a merma de dereitos que o PP exerce sobre a cidadanía correspóndes coa merma de competencias que quere levar a cabo nos concellos". Tampouco pactarán cun PP que, di, está liderado por un presidente ao que "lle escoitamos que a culpa da actual situación na que se atopa Galicia foi primeiro de Zapatero e agora, que está Rajoy de presidente, a culpa é do bipartito". Mentres, sobre situacións como "os casos de corrupción e presunto financiamento ilegal" do seu partido simpelmente "seguimos agardando a súa comparecencia".

#PregúntalleaFeijóo

Apenas dúas horas despois das verbas de Besteiro chegaban as de Feijóo nun acto das Novas Xeracións do seu partido baixo o lema #PregúntalleaFeijóo, etiqueta de Twitter lanzada para pedir preguntas ao presidente e que, nos seus tres días de vida, xerou 235 chíos emitidos dende 91 perfís, case a metade durante o desenvolvemento do propio acto. Nese encontro nun hotel compostelán no que, asegura o PP, Feijóo "respondeu preguntas formuladas por Galiza Nova", as mocidades do BNG, o presidente volveu defender a necesidade de que "goberne o máis votado", isto é, que a forza que aglutine máis sufraxios sexa primada coa maioría absoluta dos parlamentos ou as corporacións municipais. "As nosas eleccións son distintas, necesitamos sempre maiorías absolutas", xustifica.

Feijóo: "As nosas eleccións son distintas, necesitamos sempre maiorías absolutas"

Alén da cuestión electoral Feijóo volveu sobre lugares comúns como que o bipartito de PSdeG e BNG "non tiña problema en gastar o que non tiña e deixar a deber" e, ante as enquisas que sitúan o seu partido nun escenario de amplo retroceso electoral, pediu que "se deixen de avaliar tanto as enquisas e se pense máis nas do paro". A respecto das expectativas electorais Feijóo sentencia tamén que "a asistencia dos mozos e mozas" ao acto de Novas Xeracións desmonta a versión de "aqueles que pensan que toda a xuventude do país está contra o PP e contra o presidente". 

Besteiro intervén no Comité Nacional do PSdeG CC-BY-NC-SA PSdeG
Feijóo, no acto das súas mocidades CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.