A Xunta prohibe os actos da Marea Atlántica nun instituto da Coruña

Rolda de prensa da Marea Atlántica CC-BY-SA M. Pereira

A Marea Atlántica, a plataforma cidadá que traballa dende hai meses na conformación dunha alternativa para concorrer ás eleccións municipais na Coruña, comeza esta fin de semana a fase que denominou "Marea Viva", na que definirá, entre outros aspectos, o xeito concreto para participar no proceso electoral, o código ético da formación ou os modos de elaborar o seu programa electoral. Para facelo organizou un primeiro foro, a "marea baixa", con diversas sesións formativas e relatorios cun centro de ensino da cidade, o IES de Elviña, como escenario. Así estaba previsto ata que, a poucas horas do comezo dos actos, a Xunta o impediu.

Segundo explican dende a Marea Atlántica non foi a plataforma cidadá, senón o centro educativo, o que recibiu a comunicación do veto por parte da Consellería de Educación. O departamento que dirixe Jesús Vázquez, explican, alude a un convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) sobre a utilización de espazos dos centros educativos para a impedir a realización dos actos, anunciados dende hai semanas.

Educación apóiase nun convenio que, di, impide usar os pavillóns dos centros "con fins políticos"

Fontes da Consellería consultadas por este diario confirman o veto aludindo e este convenio, "que no seu momento apoiaron PP, PSOE e BNG" para "prohibir o uso dos pavillóns dos centros educativos con fins políticos". "Entendemos -din as mesmas fontes- que se nun pavillón non se pode, menos aínda no interior dun centro". A Marea Atlántica "pode que aínda non sexa un partido político, pero ten fins políticos", abondan.

"É a primeira vez que nos atopamos cun obstáculo tan burdo"

Ante a imposibilidade de contactar telefonicamente con responsables da xefatura territorial de Educación membros da Marea Atlántica dirixíronse directamente ás súas instalacións para tentar obter máis información sobre unha prohibición que, aseguran, non ten soporte legal. "Temos moitas dificultades na Coruña para atoparmos espazos nos que facer actividades dunha certa entidade", explican dende a Marea en declaracións a Praza, se ben "é a primeira vez que nos atopamos cun obstáculo tan burdo".

Os actos trasládanse á sede do COAG na cidade

Neste escenario, a Marea Atlántica xa conta cun emprazamento alternativo para as actividades, nas que xa hai "200 persoas inscritas". Finalmente celebraránse na sede do Colexio de Arquitectos de Galicia na cidade, na rúa Federico Tapia.  Esta Marea Viva, din, representa un "exercicio democrático" ao que "o PP lle ten pavor" e por iso "tenta prohibilo". Este bloqueo da Consellería é semellante ao acontecido o pasado setembro en Lugo, cando impediu a realización dun acto sobre a historia de ERGA nun instituto da cidade, ou á prohibición. Outra Xunta, a Electoral, tamén impediu durante a campaña electoral de 2012 a celebración dun debate entre as mocidades de PP, PSdeG e BNG nun local da Consellería de Sanidade que xa lles fora cedido.

Rolda de prensa da Marea Atlántica CC-BY-SA M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.