Cando Feijóo atribuía as inscricións no paro á vontade de atopar traballo

Oficina de emprego en Ferrol, unha das cidades con máis paro do país © Google

A finais de abril do pasado 2014 a Enquisa de Poboación Activa batía contra o discurso da recuperación económica que xa se proclamaba dende a Xunta. A EPA, estudo de referencia a nivel europeo para medir o desemprego, acreditaba un incremento de 16.000 persoas desempregadas a respecto do anterior trimestre en Galicia e unha suba interanual de 9.100. Ante estes datos o presidente da Xunta daba en desdeñar a EPA que el mesmo axitara, porque "é evidente que as persoas demandantes de emprego non se obteñen dunha enquisa". Ademais, instaba a fixarse nos "rexistros do paro", isto é, nas inscricións das oficinas de emprego, non só como fonte fiable para coñecer os datos do paro, senón tamén para saber das persoas con "interese" en "conseguir" un posto de traballo. Menos dun ano despois Alberto Núñez Feijóo atribúe esas inscricións, ou cando menos parte delas, a un interese ben diferente: o de cobrar unha axuda do Estado.

O paro rexistrado que o xefe do Executivo eloxiaba en abril trouxo consigo malas novas en decembro. Segundo os rexistros publicados esta semana en Galicia subiu o desemprego máis que en ningunha autonomía mentres no conxunto do Estado baixou e, ademais, descenderon as persoas cotizantes á Seguridade Social. Tras a reunión semanal do seu Goberno Feijóo foi cuestionado por estas cifras e, ademais de instar a poñer o foco nos resultados interanuais -"somos a terceira comunidade que máis baixamos o paro" nos últimos doce meses, di-, formula a que, ao seu xuízo, pode ser a explicación do incremento do paro rexistrado no país.

Feijóo atribúe o incremento do paro rexistrado en decembro á intención de conseguir as novas axudas, ás que non poden optar as persoas anotadas nas oficinas de emprego nese mes

"Hai unha serie de indicadores que se poden concretar", tales como o descenso da produción no sector da automoción ou que os "contratos formalizados" no naval aínda non deron os seus froitos en mateira laboral. Ademais disto, teoriza, "persoas que non estaban en paro se anotan no paro no mes de decembro, entendemos que porque vai haber unha serie de axudas por parte do Goberno central para parados sen prestacións". "E para iso se necesitan, loxicamente, eses apuntes", conclúe.

As axudas ás que se refire Feijóo son as correspondentes ao Programa de Activación para el Empleo pactado a comezos de decembro polo Goberno central con CCOO, UGT e a patronal e que implica un subsidio de 426 euros para persoas desempregadas de longa duración. Se ben o argumento presidencial pode traer consigo certa lóxica interna: persoas non anotadas no paro inscríbense para tentar acceder a unha axuda, esa lóxica esfarélase ao consultar o texto do plan, publicado no BOE do 20 de decembro.

Nos puntos b e c do seu artigo 2 o decreto estipula que, para acceder ás axudas, cómpre como norma xeral "estar inscrito como demandante de emprego (...) a data de 1 de decembro de 2014" e, en todo caso, ter condición de demandante de emprego "durante 360 días nos 18 meses inmediatamente anteriores á data de solicitude de incorporación ao programa". Así as cousas, as persoas que engrosaron as listas do paro rexistrado en Galicia durante o mes de decembro non terían, a priori, dereito a beneficiárense destas prestacións.

Paro rexistrado como sinónimo de "interese" por traballar

Esta nova análise das causas e consecuencias do paro rexistrado bate coa formulada por Feijóo en abril. Daquela, ademais de polos propios datos, o titular da Xunta foi cuestionado a respecto do efecto desánimo que, segundo os expertos, leva a múltiples persoas a abandonar as listas do desemprego non por atoparen un posto de traballo, senón pola escasa esperanza en chegalo a atopar, cando menos a través do Servizo Público de Emprego. "É difícil atopar un traballo se non amosas interese en conseguilo", sentenciaba daquela o presidente, que ilustraba o seu pensamento cunha metáfora: "é imposible conseguir unha operación cirúrxica se alguén non está anotado na lista de espera dun hospital". "Non sei se hai moitas persoas que necesitan operacións cirúrxicas e non están na lista de espera", reflexionaba.

Apenas o 1% das baixas de 2014 foron por atopar traballo grazas a unha oferta chegada dende a oficina de emprego

Aquela teoría contrastaba, como tamén a nova, cos datos oficiais. Segundo a información tirada polo Instituto Galego de Estatística das oficinas de emprego do case medio millón de baixas que se produciron nas oficinas de emprego galegas entre xaneiro e novembro de 2014 -os datos de decembro aínda non están dispoñibles só unhas 7.000, apenas o 1% tiveron como causa que as persoas desempregadas atopasen un traballo grazas a unha oferta do antigo Inem. Algo máis da metade, o 54%, saíron das listas do paro por atopar un traballo sen intermediación ningunha do Servizo Público de Emprego e case catro de cada dez deixaron de computar como demantes simplemente porque non renovaron a demanda, isto é, porque non acudiron a selar a coñecida popularmente como 'tarxeta do paro'.

A combinación do efecto desánimo coas baixas incluídas no epígrafe "outras causas", entre as que se inclúen, por exemplo, os cursos de formación para persoas desempregadas, permite concluír que practicamente a outra metade das baixas no paro rexistrado non teñen nada que ver con comezar a traballar. Nesta situación atopáronse máis de 200.000 persoas en Galicia durante o ano 2014, segundo o IGE.

Feijóo, tras o pasado Consello da Xunta © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.