De novo, o hospital. A promesa lanzada por Alberto Núñez Feijóo o 26 de febreiro de 2011 segundo a cal o Hospital Lucus Augusti (HULA), que viña de inaugurar, contaría con servizos de radioterapia, hemodinámica e medicina nuclear antes de rematar ese ano vai camiño de converterse nun agasallo envelenado para o PP na provincia lucense e, moi especialmente, na cidade de Lugo. Hai escasos días, mentres o aspirante popular á Alcaldía, Jaime Castiñeira, lanzaba a precampaña do que será o seu segundo intento por desbancar o socialista Xosé López Orozco, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, deixaba claro que o seu departamento fará caso omiso ás peticións do servizo de Cardioloxía do propio hospital e non accederá, cando menos de momento, a que a unidade de Hemodinámica, a que trata infartos, abra as 24 horas do día.
Segundo Mosquera o feito de que os infartos só poidan ser atendidos en horario de oficina -de 8 da mañá a 3 da tarde- non afecta, como indican os facultativos, ao benestar dos doentes nin ás cifras de mortalidade e por iso non ten previsto mudar de criterio. Ante a enésima pedra aos pacientes e, por extensión, ao tellado do PP de Lugo, Castiñeira saía ao paso das declaracións da súa compañeira asegurando en rolda de prensa que, "se iso é o mellor para os lucenses", el seguirá defendendo "Hemodinámica 24 horas". Mosquera "non é nin máis nin menos que a conselleira" e a "ampliación" do horario "depende do Rexistro Único da Actividade Cardíaca", cuxa creación foi aprobada no Parlmento e do que "se ocuparán non políticos, afortunadamente, senón especialistas", sinalaba o conservador.
A conselleira confirma que a unidade que atende infartos seguirá funcionando só en horario de oficina
Mentres Castiñeira se presenta como garante de "servizo para os lucenses" no eido sanitario e ao resto de grupos como representantes da "demagoxia" e da "utilización dos enfermos para facer política" as verbas da conselleira dábanlle novos folgos á plataforma que nos últimos anos veu reclamando a instalación inmediata dos servizos pendentes. Así, o pasado venres, indignados representantes duns 200 colectivos -dende veciñais a políticos pasando por hostaleiros ou culturais- reuníanse na cidade da Muralla para deseñar un novo "plan de actuación" para seguir a reivindicar hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear.
A plataforma cidadá convoca unha nova manifestación para tres días antes das municipais
Ese plan xa é unha realidade e está encabezado pola convocatoria dunha manifestación a prol dos servizos no hospital para o vindeiro 21 de maio, isto é, un día antes do peche da campaña municipal e a tres días da cita coas urnas. Ata que chegue o momento dunha mobilización que, obviamente, será unha relevante peza no crebacabezas electoral lucense, a plataforma prevé inzar as fiestras, paredes e automóbiles de Lugo con bandeirolas e cartaces que, ao xeito do que acontecera con Nunca Máis, fagan visible a pé de rúa as reivindicacións de maneira tan visual como constante. "Non somos cidadáns de segunda", reiteran, mentres barallan lemas para esa cartelaría, tales como "porque o prometeu Feijóo", "é de xustiza" ou "cuestión de corazón", entre outros.
Concello e Deputación planean declarar "persoa non grata" á conselleira
Cos resortes da plataforma cidadá engraxados por Mosquera e a traballar de novo a pleno rendemento o enésimo capítulo do conflito terá tamén unha vertente puramente política nos plenos do Concello e da Deputación, toda vez que os equipos de goberno de ambas institucións xa anunciaron a súa intención de promover senllas declaracións de "persoa non grata" para a conselleira. As verbas da titular de Sanidade deixáronlle en bandexa a Orozco a oportunidade preguntarse "como pode ser que alguén que quere ser alcalde actúe de palmeiro dunha persoa que nos vén negar os nosos dereitos" e instar a Castiñeira a "explicar cal é a defensa que vai facer de Lugo". Pola súa banda, dende a Deputación, a súa vicepresidenta segunda, Lara Méndez, lamenta que "a que di chamarse conselleira de Sanidade vén a Lugo a dicirnos que seguirá a discriminar aos lucenses". Estas declaracións derivarán en senllos debates que, unha vez máis, obrigarán os grupos local e provincial do PP a procurar o difícil equilibrio de defender os servizos do hospital sen contrariar as directrices do gabinete que preside Alberto Núñez Feijóo.