"A súa prepotencia é denigrante". A Xunta en xeral e a Consellería de Sanidade en particular están logrando indignar aínda máis, se cabe, a plataforma cidadá que dende hai máis de dous anos reclama a instalación e funcionamento no Hospital Lucus Augusti dos servizos de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear, esenciais para atender infartos e cancro e prometidos polo propio Alberto Núñez Feijóo en 2011. O colectivo que aglutina organizacións veciñais, sociais e políticas e cidadanía a título individual, o mesmo que impulsou a iniciativa lexislativa para tentar lograr eses servizos e que o PP recortou no Parlamento, tenta dende hai meses coñecer as cifras de mortalidade por infarto na provincia derivadas dos traslados á Coruña, toda vez que a unidade atende só en horario de oficina. A Xunta négallelos non só á plataforma, senón tamén ao Valedor do Pobo.
"Queremos saber cantas persoas morreron, cantas foran desprazadas ou cantas morreron no desprazamento", explica en conversa con Praza o coordinador da plataforma, José Manuel Carballo. Á vista de que a Xerencia da Área de Xestión Integrada de Lugo "non nos fai caso", o colectivo recorreu ao Valedor, pero "ata ante o Valedor fai ouvidos xordos", lamenta. Efectivamente, dende a oficina do alto comisionado do Parlamento confírmase a este diario que a finais de 2014 representantes da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo denunciaron na institución que, "como membros das Comisións de Participación Sanitaria, non teñen acceso a datos de listas de espera" ou "falecementos durante traslados a pesar de telos solicitado". "Sinalan ademais -explican as mesmas fontes- que estas comisións levan cinco anos sen reunirse".
O Valedor pedíulle ao Sergas un informe sobre as queixas cidadás a finais de 2014 e o 2 de febreiro tivo que "reiterar" a petición
A queixa veciñal foi admitida a trámite e o Valedor dirixiuse a Sanidade para pedir "un informe sobre os aspectos denunciados polos cidadáns". "Este informe aínda non chegou" e o pasado día 2 a petición foi "reiterada". O Valedor, aclaran, non reclama polo momento "eses datos concretos de listas de espera ou falecementos", senón que a actuación está aínda nunha "primeira fase", na que "agarda polo informe" que a Xunta debe facilitar sobre "a situación enunciada". Unha vez que ese informe chegue o Valedor estará "en condicións de facer a análise correspondente sobre a práctica da administración sanitaria" para "resolver se existe ou non mala praxe", indican.
A protesta "vai arreciar"
Neste contexto, a plataforma advirte de que os vindeiros meses van ser calquera cousa menos tranquilos para os responsables da Xunta e do PP neste ámbito. "A protesta vai arreciar, imos por todas", asegura. "Non pode morrer xente porque ao Goberno se lle antolle, non o podemos tolerar" e, por iso, "a cousa vai a máis" e non se vai limitar á celebración da xa anunciada manifestación en Lugo para tres días antes das eleccións municipais.
A plataforma prepara cartelaría para balcóns, fiestras e automóbiles e agarda que a reclamación chegue á Eurocámara
Carteis "nas entradas da cidade", "cartelaría nos balcóns e fiestras dos veciños" ou "pasquíns para levar nos coches" son algúns dos materiais que a plataforma prepara mentres tenta contactar con medios de comunicación a nivel estatal "para que isto teña repercusión en toda España". "Estamos contactando tamén -adianta Carballo- con outras provincias que sofren situacións similares" e, nesta liña, "é probable que fagamos unha xuntanza de casteláns-leoneses e galegos en Lugo para aunar esforzos e para que isto non aconteza en ningún sitio".
Asemade, no ámbito político, as organizacións veciñais están a contactar tamén cos grupos políticos da oposición no Congreso dos Deputados para forzar debates e votacións ao respecto, "aínda que está dominado polo PP, así que non podemos agardar moito". Do mesmo xeito, agardan que a problemática do HULA chegue ao Parlamento Europeo. "Estamos preparando os contactos cos eurodeputados" para que, "tamén en Bruxelas", se coñeza que a carencia de servizos no hospital lucense é "de suma gravidade".