En xuño de 2009, Alberto Núñez Feijóo anunciou que "estudaría" a inclusión do portugués como lingua opcional no ensino secundario a petición do Goberno portugués. Fixérao ao pouco de chegar ao Executivo, en pleno desenvolvemento da súa polémica política lingüística e do decreto do plurilingüismo que reducía a presenza do galego nas escolas e logo dunha xuntanza co embaixador do país luso a Compostela.
Case seis anos despois, na sede da Real Academia Galega (RAG) na Coruña, Feijóo asinou co presidente da República de Portugal, Aníbal Cavaco Silva, o Memorando de entendemento entre a Xunta e a Embaixada lusa en España para a adopción do portugués como lingua estranxeira de opción e avaliación curricular no sistema educativo non universitario e chamou a "aproveitar a oportunidade histórica que significa a proximidade entre a lusofonía e os galegofalantes".
Feijóo prometeu estudar a inclusión do portugués no ensino hai xa case seis anos, ao pouco de chegar á Xunta
Feijóo considera que este acordo premite “revitalizar o pasado lingüístico común” de ambos os dous países. “A lembranza do tronco común das nosas linguas está na orixe deste acto”, dixo, engadindo que a estreita relación entre o galego e o portugués non queda na saudade, senón que “tamén ofrece moitas perspectivas de futuro” e supón "reafirmar os vencellos enre Portugal e Galicia e un paso máis na tarefa da construción europea".
A implantación do portugués comezará de forma progresiva a partir do vindeiro curso en Primaria e Secundaria e o acordo recolle que será o Instituto Camões o que se ocupará de formar os docentes galegos que queiran impartir este idioma.
A implantación do portugués no ensino non universitario comezará o vindeiro curso de forma progresiva
O presidente Cavaco Silva, pola súa banda, mostrou a súa satisfacción por atopar de novo nunha "comunidade amiga" e sinalou que este acordo contribuirá ao "reforzo das relacións" con Galicia "en todos os campos" e a "mellorar o coñecemento recíproco" de ambos os dous pobos, "intensificando o diálogo cultural e reforzando as relacións económicas, comerciais e de investimento, que xa son bastante intensas". "Dar aos novos instrumentos para coñecer mellor os veciños máis próximos é unha prioridade dos gobernos democráticos", asegurou.
Chega así un acordo demandado por numerosas iniciativas desde hai moitos anos e froito, segundo Feijóo, dunha "andaina que foi longa” que tería comezado no Quinto Cumio Hispano-Portugués de maio de 2012, “no que ambos os dous países se comprometeron a impulsar a presenza do portugués no noso sistema educativo”, e que se materiolizou no Parlamento galego, ao aprobarse por unanimidade a Lei Valentín Paz-Andrade, “destinada a abrirlle aos nosos estudantes as portas da lusofonía” e que xurdiu do impulso cidadán e comprometido a prol da lusofonía a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP).
Feijóo asume que a introdución do portugués se materializou grazas á ILP Paz Andrade que a sociedade civil levou ao Parlamento
Estremadura leva anos de vantaxe
Pero chega tarde, de ter en conta os avances noutros lugares. Estremadura, por exemplo, foi pioneira ao implantar xa desde hai anos o ensino de portugués no ensino non universitario e fomentando a súa aprendizaxe nas escolas oficiais de idiomas. Así, mentres en Galicia hai 32 centros de secundaria que ofrecen lingua portuguesa a 861 alumnos e 1.122 (menos de 2.000 en total) que o estudan nas escolas de idiomas, na comunidade estremeña son máis de 14.000 os mozos e mozas que o aprenden. Sete veces máis.
En Estremadura, máis de 14.000 alumnos estudan portugués, fronte aos menos de 2.000 que o fan en Galicia
A implantación do portugués, que será progresiva e aos poucos, chega tamén mentres a RAG reclama un cambio de rumbo na política lingüística que diminúe a presenza do galego e mentres as estatísticas do IGE indican un claro retroceso da lingua propia entre os máis novos. Agora, Feijóo presume das "perspectivas de futuro" que ofrece o portugués e destaca que é a sexta lingua que máis se fala no mundo, a quinta máis empregada na internet e a terceira en Facebook e Twitter. Ademais, incide en que un cidadán que fale portugués, galego e castelán "sabe manexar as linguas maternas de 730 millóns de persoas". A boas horas.
Miguel R. Penas, presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL), valora de maneira "positiva" a sinatura deste memorando que cre que "ten que facer parte deste novo consenso que algúns reclaman e que nós tamén pedimos, un New Deal que require tamén de novas estratexias", aclara, "independentemente de que os diferentes actores arredor da lingua tomen o portugués como unha lingua estranxeira ou outra fala máis da nosa llinguau propia".
Para Penas é moi significativo que fose a propia RAG a que acollese a sinatura, o que significa que aqueles que "consideran o portugués un idioma estranxeiro saben que os vínculos son demasiado estreitos". Ademais, lembra que "é importante que se asinen as cousas, pero o fundamental é que se cumpran e apliquen".
A AGAL cre "positivo" o memorando pero cre que "chega moi tarde" porque Galicia "xa o debera ter 'de serie"
En canto a se esta introdución do portugués no ensino chega tarde, a AGAL considérao evidente. "Chega moi tarde porque nós xa o tiñamos que ter de serie, por dicilo así; hai xa máis de trinta anos que se aprobaron as primeiras leis e normas que tiñan que ver co galego e que xa deberan ir encamiñadas a que isto non fose necesario". "Tiñamos que estar xa investindo noutros temas e beneficiándonos da nosa lingua común, mais nunca é tarde se é para ben", engade.
O acordo foi asinado na Academia polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o embaixador de Portugal en España, Francisco Ribeiro de Menezes. No acto estivo presente tamén o presidente en funcións da RAG, Henrique Monteagudo, ao non poder acudir Xesús Alonso Montero por atoparse enfermo.