As 'mareas' non son só cousa das cidades

Xuntanza da Marea Cidadá de Noia © Marea Cidadá de Noia

Non só hai mareas nas cidades, tamén en vilas, concellos periurbanos e localidades máis pequenas. Nalgúns lugares, por necesidades xeográficas, as mareas son riadas, e noutros a denominación é distinta, pero o contido é semellante: candidaturas cidadás para as eleccións municipais de maio, con maior ou menor apoio de forzas políticas (nomeadamente Podemos, Anova, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista, nalgúns lugares tamén Equo ou Compromiso por Galicia), con metodoloxías concretas (primarias abertas, funcionamento asembleario, elaboración colaborativa do programa, códigos éticos estritos...). A forma adoptada varía: entre a creación de partidos instrumentais (que permiten a posterior suma de votos para acadar representación nas Deputacións) e as agrupacións de electores.

En máis de corenta concellos do país hai candidaturas deste tipo en marcha, máis ou menos avanzadas, algunhas con tres anos de traballo ás costas (Ames Novo) e outras que veñen de celebrar nos últimos días a súa primeira asemblea, ante a necesidade de pechar as estruturas da candidatura, ante a proximidade do proceso electoral. De feito, nas vindeiras semanas poderíamos ver aínda nacer algunha máis (ou tamén pode que algunha das que están en marcha decidan non presentarse), sobre todo dependendo da decisión que adopten varios círculos locais de Podemos que aínda debaten se impulsar unha agrupación de electores en concellos sen candidaturas cidadás constituídas.

En Ames, Ames Novo foi pioneira neste proceso. A candidatura veciñal, apoiada por AGE e CxG, leva toda a lexislatura exercendo como tal nos plenos municipais (a través do traballo de catro edís) e nas rúas. Atópase nestes momentos celebrando as súas primarias, que se completarán este domingo, e nas que elixirán os once primeiros postos da lista. Tamén nos arredores de Compostela, en Boqueixón, hai unhas semanas que botou a andar Agora vós - Veciñ@s de Boqueixón, unha agrupación de electores que xa celebrou as súas primeiras asembleas e presentou un manifesto, contando co apoio dos actuais concelleiros de Anova e PSdeG-PSOE na corporación, o que provocou que os socialistas forzasen a dimisión deste edil.

Indo cara o Barbanza atopamos un bo número de candidaturas. Por exemplo, en Rianxo onde Rianxo en Común xa traballa na elaboración do programa. Ou en Boiro, onde Boiro Novo xa celebrou dende xaneiro varias asembleas. Ou en Ribeira, onde Veciñanza ó Concello de Ribeira presentou o seu código ético. Algo máis complexa é a situación na Pobra do Caramiñal: Nós Pobra leva un desenvolvemento semellante ao das súas plataformas veciñas; porén, aquí o círculo local de Podemos aínda debate se traballar dentro desta candidatura ou se impulsar unha agrupación de electores.

Hai tamén candidaturas en marcha nesta zona en Noia, coa Marea Cidadá de Noia, que esta mesma semana escolleu o seu candidato en eleccións primarias, que encabezará unha lista que se completará cos nomes que se decidan en asemblea. Tamén en Lousame, a través de Terras de Lousame, unha candidatura municipalista que elaborará unha lista con representación de dous veciños ou veciñas por parroquia e con liderado rotatorio. Hai tamén candidatura en Padrón, Veciños de Padrón, unha iniciativa que pretende "recoller o consenso da rúa e o seu descontento xeral coa xestión do pobo". Ou en Dodro, onde un grupo de veciños e veciñas preparan unha lista, que esta semana escollerá o seu candidato ou candidata á alcaldía.

En Monforte atopamos outra iniciativa que, ao igual que a de Ames, ten xa un longo percorrido ás súas costas: Esperta Monforte, que leva traballando dende o pasado ano, e que está a piques de pechar a elección do seu candidato ou candidata á alcaldía. Preto da vila monfortina, en Chantada, un grupo de veciños prepara tamén unha candidatura, aínda sen nome, fronte á "parálise institucional" que, denuncian, sofre o seu concello. Aínda na provincia de Lugo, pero máis ao norte, en Vilalba semella estar preto de pecharse outra candidatura, que contaría co apoio de Anova, Esquerda Unida e Somos Maioría.

Xa na Mariña, destaca en Ribadeo a aposta de Ribadeo en Común, que botou a andar no outono coa presentación dun manifesto e que nas últimas semanas foi pechando os últimos detalles da súa proposta. En Viveiro, tamén se traballa na elaboración dunha candidatura deste tipo, pero aínda non está confirmada a súa presenza nas eleccións.

Achegándonos á Ría de Ferrol, o número de candidaturas aumenta. Podería haber listas en Cedeira (Marea de Cedeira); nas Pontes, cunha candidatura que podería contar co apoio de Esquerda Unida, Compromiso por Galicia e Anova, aínda non confirmada; ou Valdoviño, onde un dos inscritos en Podemos na localidade impulsa Agrupación de Vecinos Implicados. Na propia ría, destaca a actividade en Neda, onde Moveneda celebrou xa varias asembleas, recollendo variados apoios, de Esquerda Unida a Podemos. Menos avanzado está o proceso en Narón, onde Podemos celebrará unha asemblea a semana que vén para decidir os detalles da candidatura municipalista que, en principio, presentarán.

No arredores da Coruña, están en marcha candidaturas en Culleredo (Marea Veciñal de Culleredo) e Cambre, aínda sen nome pero semella que co apoio confirmado de EU, Anova e outras forzas de esquerda. A mediados de xaneiro botou a andar en Carral a Asemblea Cidadá de Carral, que se define como "unha nova forma de facer política devolvendo o poder á veciñanza mediante mecanismos de participación cidadá, transparencia e loita contra a corrupción". Seguindo pola costa, haberá tamén candidatura en Laxe, Somos Laxe, impulsada por unha agrupación veciñal.

Haberá tamén unha nova candidatura en Vilagarcía de Arousa, aínda con moitos detalles por pechar. Durante as últimas semanas representantes de Esquerda Unida e do círculo local de Podemos levaron a cabo negociacións para impulsar unha candidatura cidadá (nunca como coalición), que concorrería aos comicios coa forma de agrupación de electores ou de partido instrumental. Si está pechada a participación nas eleccións na cidade arousá de Somos Maioría. Haberá tamén candidatura en Ribadumia (Somos Ribadumia) e no Grove, aínda que neste concello continúan as negociacións para darlle forma. Recentemente Somos Maioría e Podemos propuxéronlle a EU e Anova (que xa acordaron concorrer conxuntamente) e a BNG unha candidatura de unidade.

En Lalín, a Plataforma Aberta Cidadá está decidida a presentarse aos comicios, aínda que continúa mantendo xuntanzas para decidir a súa forma e os apoios cos que contará. Na Estrada tamén podería haber unha candidatura de confluencia cidadá, que contaría co apoio de Anova. Tamén se fala da posibilidade dunha candidatura deste tipo en Marín, pero aínda sen concreción.

Nos arredores de Vigo son moitas as candidaturas, algunhas confirmadas en outras aínda en proceso. En Redondela volverá presentarse a Agrupación de Electores de Redondela, que xa obtivo un concelleiro en 2011. En Ponteareas, a marea chámase riada, A Riada do Tea, unha iniciativa que botou a andar hai apenas dez días. E en Mondariz, tamén se presentará Alternativa por Mondariz, impulsada por un grupo de ex militantes do BNG. Podería haber tamén candidatura no Porriño, impulsada dende o círculo local de Podemos, o mesmo que en Mos, onde se prepara unha agrupación de electores. De igual xeito, hai unhas semanas presentábase o movemento veciñal aberto Manifesto Miñor, que impulsa candidaturas cidadás en Nigrán, Gondomar e Baiona, que xa contan cun código ético e un regulamento de primarias. 

Na provincia de Ourense tamén hai un bo número de concellos que contarán con estas iniciativas. Destaca O Barco, onde ao igual que en Ponteareas a marea é riada: Riada cidadá do Barco, unha das candidaturas máis avanzadas. Tamén está confirmada a presentación da Forza Cidadá, en Verín. E o mesmo en Xinzo de Limia, aínda que sen nome polo de agora.

Outros concellos ourensáns que contarán con listas deste tipo son O Carballiño, que se constituirá en partido nos vindeiros días ou Punxín, onde un grupo de veciños e veciñas botou a andar unha candidatura (como agrupación de electores) seguindo o ronsel de mobilizacións dos últimos anos nesta localidade. Tamén está confirmada a participación, en Taboadela, de VE-TA (Candidatura Veciñal do Concello de Taboadela), unha formación con representación dende 2007, e que destaca polo uso de asembleas veciñais para a toma de decisións. Tamén podería haber lista cidadá no Irixo, como continuidade ao movimiento que en 2011 e 2012 se organizou contra a Sogama do Sur.

Ames Novo leva traballando toda a lexislatura e atópase no proceso de primarias © Ames Novo
Asemblea de 'Esperta Monforte' © Esperta Monforte
Cartaz da 'Riada Cidadá' do Barco © Riada Cidadá
Xuntanza da Marea Cidadá de Noia © Marea Cidadá de Noia
Imaxe de 'Boiro Novo' © Boiro Novo
Presentación de 'Agora Vós-Veciñ@s de Boqueixón' © Agora Vós-Veciñ@s de Boqueixón
Logo da Marea Veciñal de Culleredo © MVC
Logo de 'Rianxo en Común' © Rianxo en Común
Logo da Riada do Tea Dominio Público Riada do Tea
Cartaz de PAC-Lalín © Plataforma Aberta Cidadá
Logo de Ribadeo en común © Ribadeo en común

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.