A Marea Atlántica xa ten candidato á alcaldía da Coruña

Xulio Ferreiro, primeiro pola esquerda, xunto a Silvia Cameán, candidata de EU ás primarias da Marea © Sandra G. Rey/Marea Atlántica

O profesor titular de Dereito Procesual da UdC, Xulio Ferreiro, será o candidato á alcaldía da Coruña da iniciativa cidadá Marea Atlántica. Á espera de que se publique a lista definitiva de aspirantes nas primarias, a de Ferreiro foi a única proposta para encabezar a listaxe electoral tras finalizar este pasado martes o prazo para se incribir. Será, xa que logo, un candidato de consenso, sen adscrición partidaria, opción pola que apostaron todas as formacións que apoian a confluencia electoral e que tan só achegarán aspirantes para completar a candidatura. 

Xulio Ferreiro é o único candidato a liderar a lista e, xa que logo, futuro aspirante á alcadía pola Marea Atlántica

Xulio Ferreiro non milita en partido ningún e a súa elección é apoiada por Anova, CxG, EU, Equo, Podemos e todas as organizacións que decidiron confluír na iniciativa cidadá. De feito, conta entre os avais cos de militantes de todas estas formacións, que acordaron situar como cabeza de lista un cidadán "sen carné" e que tivese participado activamente no impulso da Marea, como é o caso de Ferreiro, que segundo fontes consultadas por Praza, é "un garante da unidade" pola súa capacidade conciliadora, característica que foi fundamental na súa elección, xunto co seu importante perfil académico e a súa participación en diferentes movementos sociais.

O aspirante á alcaldía conta con avais de membros de Anova, EU, CxG, Equo ou Podemos

A iniciativa cidadá destaca o feito de que todas as forzas políticas que conflúen apoiaran a proposta de situar como cabeza de lista unha persoa sen militación partidaria e que contara co aval da propia Marea Atlántica. En todo caso, e malia que non hai ningún outro candidato a liderar a lista, o nome de Xulio Ferreiro figurará nas primarias, nas que se poderá votar en branco ao aspirante a encabezar a candidatura.  

A proclamación definitiva das candidaturas para as primarias que se celebrarán o 7 e 8 de marzo será o vindeiro venres, aínda que xa se fixeron públicas. Así, diferentes formacións presentaron cadansúas listas de candidatos que, malia non contar con denominación partidaria, son as impulsadas por Podemos, Equo, Compromiso por Galicia e AGE (EU, Anova e Espazo Ecosocialista). Ademais, hai outra denominada Cidadanía en Común, que integra xente sen adscrición partidaria e activa na Marea desde os seus comezos. 

Nesta última destaca a presenza de Rocío Fraga, Xiao Varela, José Manuel Sande ou Santiago Lamelo. A lista impulsada por CxG (Ardentía) está liderada por Sonia Sainz Suárez, mentres que na que impulsa Equo (Onda Verde) é Daniel Díaz Grandío o que a encabeza. Por outra banda, na listaxe denominada Plataforma 14 de abril inclúese a Silvia Cameán, vencedora das primarias locais en EU ou Alberto Lema, dirixente de Anova na Coruña.

Todas as formacións que conflúen na Marea apostaron por non aspirar a liderar a candidatura e deixar a cabeza para un independente

No caso de Podemos, e aínda que o seu círculo coruñés deberá votar aínda se conflúe finalmente na Marea, os prazos obrigáronlle a achegar a súa lista (Somos Coruña) -liderada por Antón Fernández de Rota-, á espera dunha decisión que parece clara de apoiar a iniciativa cidadá. 

O único candidato a liderar a lista é Xulio Ferreiro, profesor titular de Dereito Procesual na UdC, que ten 40 anos e vén de renunciar á súa praza de maxistrado suplente na Audiencia Provincial de Lugo, ante a incompatibilidade deste cargo xudicial coa participación en formacións como a Marea. Militou na CIG antes de se iniciar na carreira xudicial, así como nos CAF durante a súa época de estudante, e forma parte da Rede Armela, grupo de investigadores de todo o Estado que traballan na igualdade social no Estado. 

Unha vez publicada a lista definitiva de candidatos, os cidadáns que participen nas primarias terán que elixir doce persoas, de xeito ordenado e respectando a paridade de xénero e as diferentes listas que se presenten poderán levar a cabo a súa campaña electoral desde o vindeiro venres e ata o próximo 6 de marzo. 

Será seis días despois, o 12 de marzo, cando se presente publicamente a lista coa que a Marea Atlántica intentará alcanzar a alcaldía da Coruña e que será liderada por un candidato de sen adscrición partidaria e de consenso. 

 

Ourense en Común tamén ten lista de aspirantes

Ademais da Marea Atlántica, tamén Ourense en Común conta xa cunha lista de aspirantes ás primarias que se celebrarán na fin de semana do 14 e 15 de marzo. Neste caso, son dez as persoas que aspiran a liderar a candidatura, entre as que destacan o líder veciñal Miguel Doval, Xosé Mosquera, de CxG; Marcos Guimarey, que fora candidato por Iniciativa por Ourense; Carlos Miguélez, de EU; Lito Prado, de Anova; ademais de Carlos García Martell ou Javier Octavio de Toledo. 

Dez persoas aspiran a liderar a candidatura de Ourense en Común

E mentres as iniciativas cidadás afrontas o seu proceso de primarias nestas semanas, a Marea de Pontevedra xa finalizou o seu. O pasado 7 de febreiro case 180 persoas participaron nunhas votacións nas que o escritor Luís Rei Nuñez, candidato de consenso e apoiado por EU, Podemos, Anova, Espazo Ecosocialista e varios colectivos sociais da cidade, resultou elixido como cabeza dunha lista na que se completaron 15 nomes. Os dez postos restantes e máis os suplentes serán aprobados en asemblea pola plataforma pontevedresa.

A Marea Ártabra de Ferrol afronta tamén un código ético e un regulamento de primarias que se decidirá este mesmo mes, mentres que Compostela Aberta, en Santiago, prevé tamén que a principios de marzo se celebren unhas primarias nas que, como noutros casos, prevese que haxa votacións separadas para o cabeza de lista e para o resto de integrantes da futura candidatura.

Luís Rei foi elixido como candidato da Marea de Pontevedra hai xa case un mes

No caso de Lugo,a plataforma Lugonovo constituíu unha comisión formada por unha vinte persoas, que estará encargada de elaborar un código ético, comezar a preparar o programa electoral e definir como se desenvolverá o proceso de eleccións primarias. No caso de Vigo, a Marea decidiu xa que o prazo para a presentación de candidaturas ás primarias se abriría do 20 ao 26 de febreiro e que as votacións se celebrarían do 8 ao 15 de marzo. Anova decidiu acudir ás eleccións inserado nela, pero falta agora por ver o que ocorre con Vigo en Común e Gañemos Vigo, as outras dúas plataformas cidadás impulsadas na cidade.

Xuntanza da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.