"A Marea Atlántica non compite co BNG, creo que nos atoparemos no goberno da Coruña"

Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña © Sandra G. Rey/Marea Atlántica

Canso tras un maratón de entrevistas, pero ilusionado co ambicioso reto, Xulio Ferreiro fala con orgullo da unión que supuxo a Marea Atlántica e con esperanza dun futuro que o pode situar á fronte do goberno local da Coruña. Candidato á alcaldía por esta iniciativa cidadá -que celebra as primarias para completar o resto da lista a vindeira fin de semana- este profesor de Dereito Procesual da UdC ágárrase aos últimos resultados electorais e a unha unión "que non só suma, senón que multiplica a potencia" para chegar ao palacio de María Pita subido nunha marea que, segundo di, "é o proceso de confluencia máis potente de todo o Estado". 

Defínese como o "candidato de consenso" na Marea Atlántica, pero hai quen critica que sexa a única opción a liderar a lista, coma se fose un pacto entre partidos...

A miña candidatura xurdiu de xeito bastante natural, non houbo pacto entre cúpulas e si compañeiros que me animaron a presentarme porque pensaron que era a persoa axeitada. Houbo consultas amplas na Marea Atlántica e a xente viu que eu podía ser unha persoa de consenso que representase o seu espírito. Pero o proceso de primarias seguiu aí para calquera que quixese presentarse se non me consideraba o candidato idóneo. Ninguén sentiu a necesidade de facelo, polo que non houbo pacto entre cúpulas. Poderiamos ter feito un paripé no que se presentase alguén para perder, pero iso sería unha fraude e non respondería á realidade. Non hai que confundir democracia con votación, en todo caso, porque non sempre hai que ir a un proceso competitivo. Os procesos colaborativos poden ser moito máis interesantes para un ámbito de actuación como a Marea Atlántica, que pretende ser iso: un proceso colaborativo. Se fose necesario e se crese que había dúas alternativas, habería que poñelas de manifesto, pero non as houbo e iso é unha razón de satisfacción ao poder elixir un candidato sen que houbese a máis mínima fricción. Hai que velo de xeito positivo e non ao revés. 

"A Marea Atlántica é o proceso de confluencia máis potente de todo o Estado; non hai quen xunte un espectro político tan amplo"

É xuntar forzas políticas tan diferentes o máis exitoso do proceso?

A Marea Atlántica é o proceso de confluencia máis potente de todo o Estado español. Non hai ningún outro que reúna un espectro político tan amplo nin que fose apoiado por tantas organizacións políticas. É algo para congratularnos e que demostra as ganas de que isto saia ben. 

Parece que nese puzzle falta a peza do BNG...

O Bloque, como todo o mundo sabe, foi chamado á Marea Atlántica e sentiuse interpelado polo chamamento no mes de xullo. As nosas reunións foron feitas públicas, pero finalmente, por cuestións internas e pola súa estratexia, absolutamente lexítima, decidiu presentarse coa fórmula que se presenta. Creo que é unha mágoa porque sería moito máis potente se todos tirásemos do mesmo carro, pero iso non significa que nos vaiamos enfrontar ao BNG nin competir co BNG. Creo que vai haber momentos onde atoparnos e xa nos estamos atopando na rúa, nas reivindicacións por unha sanidade e educación públicas, nos movementos sociais... Creo que nos atoparemos tamén no goberno da cidade da Coruña e que imos poder colaborar co Bloque en moitas cousas. 

"É unha mágoa que o BNG non estea na Marea, pero non imos competir; creo que nos atoparemos no goberno da Coruña"

Como foi a relación con Podemos na Marea?

O círculo da Coruña e o Consello Cidadán Municipal decidiu apoiar o proceso e hai militantes participando na Marea Atlática e candidatando ás primarias. Só falta que a asemblea cidadá decida se participa ou non definitivamente. A predisposición é boa e esperemos que se confirme. A xente de Podemos que participa está encantada co proceso e séntese identificada como o resto das forzas políticas. É algo moi positivo porque moita xente deixa de ter dúbidas sobre a Marea Atlántica cando se achega a ela e ve como funciona. 

Ter Podemos do lado parece unha garantía de maior éxito neste momento político...

Si, é evidente, Neste momento, Podemos está xerando unha ilusión en todo o Estado e as súas expectativas electorais son boas. Se ese é o capital que pode achegar á Marea, entre moitos outros que achega, pois benvido sexa. O obxectivo da Marea é crear unha maioría social e darlle forma política e institucional a esa maioría e esa maoría social tamén pasa pola xente que apoia ou apoiou a Podemos. 

"A Marea Atlántica é un espazo de confluencia, non un partido, polo que non ten a homoxeneidade ideolóxica dun partido"

A Marea Atlántica tampouco se define de dereitas nin de esquerdas?

O discurso non é exactamente ese. A Marea Atlántica é un espazo de confluencia, non é un partido político, e polo tanto non hai a homoxeneidade ideolóxica que hai nun partido. Tampouco é unha coalición de esquerdas, senón un espazo de encontro onde hai xente que temos un pasado evidente, que non negamos e do que nos sentimos orgullosos, e xente que ten biografías políticas diferentes. O bo é que todos chegamos a un punto de acordo sobre as necesidade de actuación concretas e iso pasa por políticas concretas e valores e principios comúns. Nesta ética común podémonos atopar. 

Non queren etiquetas?

Para que serven as etiquetas neste proceso? Para separar. Hai xente que pode compartir os valores e a política da Marea Atlántica e que non se sente cómodo cunha etiqueta. Pareceríame absurdo deixar fóra esta xente por unha etiqueta que non serve para unir. Non é ocultarse nin é electoralismo. É un problema de etiquetas, non de ideoloxía. Como non imos ter ideoloxía? Temos unha ideoloxía clara e identificámonos coas persoas que están sufrindo coa actual situación política, económica e social. Estamos cos que sofren e cos que padecen estas políticas e non cos que se benefician delas. De que nos serve unha etiqueta que nos iguala co PSOE? Non é útil falar de etiquetas, senón do que queremos facer. O tren de proximidade é de esquerdas ou de dereitas? Defender a sanidade pública é de esquerdas ou de dereitas? E defender a educación pública?

"É un problema de etiquetas, non de ideoloxía; claro que temos ideoloxía e identificámonos cos que están sufrindo e non cos que se benefician da crise"

Pois parece que defender iso é claramente de esquerdas...

Hai moita xente que non se sente apelada polo cualificativo de esquerdas que podería compartir todo isto e o importante é crear esta maioría social máis aló das etiquetas que, moitas veces, trazan unha liña divisoria que fai moi difícil circular dun lado ao outro. O que queremos é que poidamos unirnos sen perder de vista cales son os obxectivos nin pretender pasar polo que non somos. Isto non é un enmascaramento nin unha estratexia electoral, é o convencemento de que isto serve para unir toda esa masa crítica que hai na cidade. 

Polo visto desde que foi nomeado candidato, parece que van sufrir importantes ataques ata que cheguen as eleccións, están preparados?

Iso vai pasar. Cando un propón  un programa rupturista, cambir radicalmente a forma de facer as cousas e empezar a favorecer a xente do común, saltan as alarmas. Se aínda por riba se ve que esta é unha opción con posibilidades reais de gañar e conectada con cousas que pasan no país, en España ou en Europa, o poder pon toda a maquinaria que ten. Estamos preparados desde o punto de vista político e, a nivel persoal, espero que eu tamén o estea. 

"Na Coruña hai unha disociación brutal entre o que a cidade é e o que algúns queren que represente; teñen secuestrado o seu poder simbólico"

É A Coruña un exemplo da importancia deses poderes fácticos dos que tanto se fala?

Si. Na Coruña hai, historicamente, unha disociación brutal entre o que A Coruña é e o que certas persoas queren que A Coruña represente. A Coruña popular, dos barrios, a que nutre a súa poboación basicamente do éxodo rural dos 60 e 70... Esa é A Coruña que vivimos a maioría dos seus habitantes. Pero preséntasenos A Coruña dos Méndez, dos Paco Vázquez, deses supostos persoeiros que teñen secuestrada a cidade e o seu poder simbólico. A Coruña é unha cidade mariñeira, popular, con vida e con iniciativa e cun potencial creativo, cultural e intelectual enorme, pero hai quen a quere facer pasar por cidade provinciana , do século XIX, gobernada por unhas elites e onde a cidadanía non ten nada que dicir. E nós queremos cambiar iso. É moi significativa a imaxe que da Coruña se ten noutras partes de Galicia e que non se corresponde co que a cidade é. 

"Os últimos resultados electorais na Coruña demostran que a cidade é diferente ao que se quere vender"

A aparición da Marea Atlántica axuda a rachar aínda máis con eses tópicos?

Creo que si. O feito de que a Marea Atlántica xurda na Coruña e non no que son os centros tradicionais da política galega é significativo, indica que hai un tecido social e un activismo político, económico e de movementos sociais que leva anos na cidade e que agora agroma e fai subir a Marea. A potencia que tivo o Nunca Máis na Coruña, o 15M, as loitas pola sanidade e a educación... Na Coruña hai ese substrato e os resultados dos dous últimos procesos electorais na cidade tamén demostran que a cidade é diferente ao que se quere vender. Que desde todo o país se mire á Marea Atlántica como un referente é algo que nos ten que encher de orgullo e que nos conecta co resto do país, unha conexión que nunca se perdeu pero que moitos simbolicamente, quixeron que se perdese. 

Din que saen a gañar, pero que expectativas teñen de cara ás eleccións? Que resultados lles dan as enquisas?

As enquisas que houbo até o momento non son fiábeis porque nunca se preguntou pola Marea Atlántica, pero si hai datos obxectivos que indican que a opción de gañar a alcaldía é posible, e eses datos son os resultados das dúas últimas eleccións, as autonómicas e as europeas. Nestas últimas, se sumamos todos os votos do espazo de ruptura, o que non é bipartidismo, esa unión sería a primeira forza, a máis votada. [A suma de Podemos, AGE e BNG superou en máis de 3.000 votos ao PP e en máis de 7.000 ao PSOE na Coruña] Nós, ademais, cremos que o feito de que a Marea Atlántica sexa ese lugar de encontro e estea apoiada por tantas organizacións diferentes sen perder o espírito cidadá, non só suma, senón que multiplica a potencia. Seremos capaces de traducir iso en votos e concelleiros e concelleiras para a Marea? Veremos. Depende de nós, do que traballemos, de como o fagamos e de se logramos presentar un proxecto atractivo para os veciños e veciñas.

"Os partidos do espazo de ruptura serían a primeira forza na Coruña nas europeas; que a Marea Atlántica sexa o lugar de encontro multiplica a súa potencia"

Como levará a cabo a campaña tendo en conta que non contan co coñecemento doutras forzas nin coa súa capacidade económica?

Teremos que traballar, aproveitar as nosas virtudes e ser conscientes das nosas feblezas. Non poderemos empapelar demasiado a cidade con carteis nin comprar publicidade nos xornais porque non temos esa capacidade económica, nin a queremos. Non cremos que a precampaña e a campaña teñan que ser un desbalde de cartos. A nosa potencia son os centos de persoas que traballan na Marea Atlántica e imos aproveitar iso, estar a pé de rúa, facer actos, patear a cidade e aproveitar toda esa intelixencia colectiva e creatividade. É sorprendente a cantidade de xente con capacidade, ilusión e saber facer que hai na Coruña e moita está confluíndo na Marea e iso é algo que temos que aproveitar, ao igual que as redes sociais. Faremos a campaña do mesmo xeito que gobernaremos: de abaixo cara a arriba. 

Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña © Sandra G. Rey/Marea Atlántica

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.