Joseba Permach: "A alternativa de Euskal Herria ou Galiza ante o TTIP só é a soberanía"

Joseba Permach CC-BY-SA Marta Jara / eldiario.es

Joseba Permach, responsable da área socio-económica de Sortu e integrante de EH-Bildu, visita este sábado Galicia para participar nunha xornada de debate organizado polo BNG e baixo o título Soberanía e dereito a decidir. A alternativa dos pobos ao tratado de libre comercio USA-UE (TTIP)O acto central da será unha asemblea aberta sobre este tratado de libre comercio, ás 18,30 no salón de actos do CUR (antiga Empresariais) da Coruña e no que o histórico dirixente da esquerda abertzale estará acompañado de Marisol Mirás, activista do movemento veciñal e número 3 da candidatura do BNG á cidade, Xosé Manuel Carril, portavoz do do BNG na Coruña, e Xavier Vence.

Antes, Joseba Permach atendeu a Praza Pública nunha entrevista na que aborda desde a problemática dos pobos "na Europa dos Estados" ata o proceso soberanista catalán, pasando pola situación política no País Vasco ou a irrupción de Podemos na política estatal. "Estamos expectantes, oxalá aposte por recoñecer os dereitos dos pobos e faga o que non se fixo en España hai 35 anos", di. 

Cal é a alternativa dos pobos ante tratados como o TTIP que se negocian a tan alto nivel e ás agachadas?

Este tipo de tratados poñen en cuestión a problemática que padecemos pobos como o galego ou o vasco, porque hai xefes de Estado que puxeron en marcha este proceso, que pode levar a perder dereitos sociais e conquistas que se gañaron durante decenas de anos e que, dun día para outro, poden desaparecer. A alternativa ten que ser a reivindicación da soberanía dos pobos porque a única maneira de que os cidadáns recuperen o poder ante o capital é que estes pobos poidan recuperar o seu poder e arrincárllelo a uns xefes de Estado ao servizo das grandes transnacionais. 

"Tratados como o TTIP móstrannos a problemática que padecemos pobos como o galego ou o vasco ante as decisións de xefes de Estado ao servizo das multinacionais"

Non parece doado loitar contra decisións coma estas, nin tan sequera no Estado, onde o Goberno central rexeita iniciativas autonómicas contra o fracking ou os transxénicos...

De forma histórica intentouse menosprezar os plantexamentos nacionalistas ou soberanistas coma se fosen unicamente algo cultural, lingüístico ou romántico, pero o que podemos percibir nestes últimos seis anos máis claramente que nunca é que no Estado español hai un proceso de oligarquización e centralización provocado por decisións tomadas en Madrid e dirixidas ou patrocinadas por Bruxelas. No caso do fracking, por exemplo, o Parlamento de Navarra tomou a decisión de impulsar unha lei en contra destas prácticas e recentemente foi negada e posta en cuestión polo Tribunal Constitucional. En definitiva, o Estado actúa en favor deses intereses oligárquicos, tamén co proceso de bancarización e a supresión das caixas de aforros ou coa aplicación da reforma laboral, que quizais non tería sido posible aprobar en Euskal Herria ou outros pobos do Estado. Todo isto pon en evidencia a necesidade dos pobos e da xente que vive nestes pobos de tomar estas decisións. 

"O Estado actúa en favor dos intereses oligárquicos mediante un proceso de centralización e con decisións dirixidas desde Bruxelas"

Tampouco a estrutura política da UE fai moi factible que pobos como o galego ou o vasco defendan os seus intereses en Europa, non si?

A lectura que se pode facer de Europa é que está construída cun obxectivo económico e financeiro para conseguir un mercado único de capitais e bens para permitir que as grandes empresas financeiras e capitais puidesen contar con el. Non foi prioritario defender os dereitos sociais da maioría e é evidente que ten eivas democráticas porque os pobos non teñen voz propia. Mesmo nos atopamos con que o Parlamento Europeo ten unhas competencias moi limitadas con respecto á Comisión Europea ou asistimos a actuacións como a posta en marcha da troika, que ninguén elixiu, ninguén votou e non ten lexitimidade ningunha malia que impón aos países e pobos medidas de austeridade que non son máis que a translación de renda dos sectores máis desfavorecidos ás grandes rendas e ao capital. 

Cre que a posición da UE con respecto a procesos soberanistas como o catalán variará no futuro?

A UE é unha Europa dos Estados na que se coidan moito de valorar os procesos soberanistas en cada un deses Estados, pero nestes últimos meses atopámonos con procesos como o escocés ou co catalán que demostran que, máis aló do pouco apoio que hai a eles na UE, é moi difícil manter a posición que defende por exemplo o Estado español e a súa negativa a respectar o dereito a decidir. Pouco a pouco, esa reivindicación do dereito de autodeterminación si se vai abrir en Europa, independentemente de que haxa grandes intereses económicos que consideren que é moito máis doado para eles manter controlada ou secuestrada unha clase política que agora ostenta o poder desde os Estados. 

"A reivindicación do dereito a decidir en Europa vaise abrir, malia os intereses económicos que prefiren manter secuestrada a actual clase política"

En que posición se atopa o País Vasco ante ese impulso aos procesos soberanistas que se deu en Escocia e Cataluña?

Recentemente desde Bildu fixemos unha proposta pública na que consideramos que tanto a nivel internacional como no propio Estado hai un cambio total co que están cobrando cada vez máis relevancia as reivindicacións nacionais, que non van unidas só a unha plantexamento identitario, senón ás necesidades dos pobos ante a globalización económica e ante a situación de pobreza e paro de moitos pobos. Nestes procesos de cambio, Euskal Herria debe achegar o seu propio proceso constituínte. Achegamos a vía que cremos que ten que poñer en marcha o País Vasco para un proceso soberanista porque cada proceso ten as súas particularidades. Euskal Herria é diferente a Cataluña e Galiza, pero veremos se somos capaces de acordar entre os axentes sociais e políticos do país a posta en marcha dun proceso constituínte e a aceleración do proceso soberanista. 

O perto que está aínda no tempo a violencia non fixo que ese proceso soberanista se frease no País Vasco?

Non vou dicir se iso condiciona ou non, pero si é certo que temos unha realidade, que é que hai tres anos que ETA deu por finalizada a súa actividade armada. Nós sempre avogamos por que se puxese en marcha un proceso de solucións para pechar ese ciclo definitivamente, tanto no que se refire a presos, como a desmilitarización e reconciliación e recoñecemento das vítimas, pero atopámonos cunha negativa total do Estado, exemplificada na actitude de Mariano Rajoy. Así que, existe esa realidade á que debemos facer fronte, que tamén fai que dunha maneira ou doutra non se poñan todas as forzas en acelerar un proceso soberanista. Esta realidade aínda está enriba da mesa e, conforme se vaia pechando, poderanse acelerar outros procesos. 

"Estamos expectantes ante Podemos, oxalá aposte por recoñecer os dereitos dos pobos e faga o que non se fixo no Estado hai 35 anos"

A futura e máis que posible ruptura do bipartidismo no Estado e a irrupción de Podemos pode facilitar o recoñecemento do dereito a decidir en España?

Vemos de forma expectante a irrupción de Podemos, pero esta expectativa ten que ver tamén con grandes incógnitas sobre a postura que vai ter respecto das reivindicacións nacionais ou respecto dos procesos constituíntes que poidan estar en marcha. Por exemplo, en Cataluña xa non estamos falando de recoñecer o dereito a decidir, senón que a reivindicación dun referendo é maioritaria desde un punto de vista social, político e institucional e haberá que ver se a posibilidade de facer unha consulta vai ser respectada. Estamos expectantes ante a decisión que se tome sobre iso e oxalá no Estado se fixese o que non se fixo hai 35 anos, unha verdadeira transformación e unha estratexia de ruptura democrática. E oxalá o recoñecemento dos dereitos dos pobos forme parte desas novas realidades políticas que se están a construír.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.