Eran outros tempos, como para case todo. O 8 de xullo de 2006 a daquela secretaria xeral de Normalización Lingüística, Marisol López, asinaba con quen daquela presidía a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, un convenio para poñer en marcha o Servizo de Normalización Lingüística da patronal galega. O Goberno galego substituía as axudas puntuais a empresas por un acordo global con "vontade de continuidade" que procuraba o "apoio para a galeguización das empresas", á que a CEG se sumaba con entusiasmo. Case unha década e máis dun millón de euros públicos despois, a confederación empresarial xa non conta con esa vía de financiamento e o que noutrora eran declaracións de adhesión á promoción do galego tornan en belixerancia contra a lingua propia de Galicia.
Os xornais Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña daban conta o pasado mércores do ditame do Consello Galego de Relacións Laborais sobre a orde que rexerá a concesión de axudas da Xunta para organizar cursos de formación dirixidos a persoas desempregadas neste 2015. Nese documento a organización empresarial alzou a voz contra o que vén sendo unha práctica habitual na Administración, a ponderación do uso do do galego para condecer as subvencións. E non o fixo para pedir unha modificación, senón para esixir, directamente, a súa supresión.
A CEG esixe que a lingua galega non sume puntos na orde de axudas para cursos de formación
Ao xeito do que acontecería cun idioma estranxeiro a patronal alega que "a utilización da lingua galega na impartición das accións debe estar supeditada ao coñecemento que os alumnso teñen da mesma", polo que "debe ter carácter potestativo polo profesorado e o seu uso non debe ser motivo de baremación", isto é, non debe ser un mérito que dea puntos á hora de obter estes fondos públicos. "De non ser así -sinalan- deberíase esixir ao alumnado un nivel mínimo da lingua acreditado a través do correspondente CELGA". Caso contrario, non se podería "garantir a calidade da formación e a eficiencia na súa impartición".
Así as cousas, a CEG solicita en solitario "a supresión da referencia ao uso do galego na impartición" que se inclúe nas condicións das axudas e expresa, ademais que a "penalización" por non utilizar a lingua galega é "excesiva". Reclaman, polo tanto, que o galego non poida chegar a sumar ata cinco puntos sobre un total de 80 que é posible acadar nesta orde de axudas -o mínimo para obter algunha concesión é de 25-.
As subvencións á normalización
Esta posición da CEG difire notablemente da vontade que amosaba cando os fondos gobernamentais de Normalización Lingüística chegaban ás súas arcas mediante as sinatura de sucesivos convenios. Así, tras o devandito acordo do ano 2006, dotado con 371.460 euros, segundo informou daquela a Xunta, a patronal aseguraba ser "consciente da necesidade de estender o uso e o coñecemento da lingua galega entre o empresariado". Por iso apostaba por "transformar este acordo nun marco estable de colaboración" que "permita darlle continuidade a esta importante colaboración".
A patronal pechou o seu Servizo de Normalización cando deixou de recibir cartos públicos
Unha vez posto en marcha o Servizo de Normalización Lingüística da CEG con esta importante achega económica patronal e Goberno seguiron asinando sucesivos acordos na mesma materia. Para "potenciar o papel da CEG como axente dinamizador do uso da lingua galega no ámbito socioeconómico de Galicia" a Xunta puxo sobre a mesa 149.000 euros en 2007 e outro tanto en 2008 e 2009. En 2010, xa co Goberno de Alberto Núñez Feijóo, a iniciativa estivo dotada con 155.000 euros para ese ano e o seguinte. Xa en 2012, a achega volveuse producir, pero reducida a 50.100 euros. En total, as achegas sumaron 1'01 millóns de euros.
O actual presidente da CEG apoiou en 2008 un informe do Club Financiero de Vigo contra o uso do galego no ensino
Case tres anos despois desa última sinatura a antiga web do Servizo de Normalización Lingüística desta organización empresarial indica que xa non está operativa por "falta de apoio financeiro" e convida a dirixir as solicitudes de asesoramento directamente á Secretaría Xeral de Política Lingüística. Mentres, a patronal semella rexerse agora abertamente pola doutrina lingüística que o seu actual presidente, José Manuel Fernández Alvariño, xa expresara en 2008, cando como presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra apoiou publicamente un informe do Club Financiero de Vigo que arremetía con dureza contra o uso do galego no ensino e afirmaba que no mundo empresarial "es mejor entenderse en castellano". Daquela Alvariño considerou que "non é impensable" que haxa empresas que renuncien a operar en Galicia por mor da existencia e utilización do galego.