As candidaturas das mareas cidadás vanse definindo. Nesta fin de semana foi a Marea Atlántica da Coruña a que levou a cabo as súas primarias, de cuxo resultado saíu unha lista electoral na que arredor da metade dos elixidos son candidatos independentes, sen adscrición partidaria e membros da lista Cidadanía en Común, que agrupaba varios impulsores da plataforma sen carné de partido.
Sete dos dez primeiros postos da lista electoral pertencen a membros da candidatura independente
Dos 22 nomes elixidos -tras estar xa decidido o candidato á alcaldía e reservados catro nomes "de consenso" para completar a candidatura-, dez pertencen a Cidadanía en Común, que copa os primeiros postos; sete á plataforma 14 de abril, impulsada por AGE; tres a Podemos e un a Equo e a Compromiso por Galicia.
Dos 10 primeiros nomes que se elixían esta fin de semana , 7 deles pertencen á lista de Cidadanía en Común, que ocupa os tres primeiros postos da lista electoral co alcaldable Xulio Ferreiro, Rocío Fraga e Xiao Varela. O cuarto posto da candidatura será para Silvia Cameán, candidata de EU nas primarias e que se presentou dentro da plataforma 14 de abril, que tamén incluíu a Alberto Lema, de Anova, que irá no sétimo posto, e a Alfonso Mascuñana no 11º da listaxe que se presentará ás eleccións locais.
José Manuel Sande, Claudia Delso, María García e Begoña Inés Romero, tamén candidatos independentes de Cidadanía en Común, ocupan o quinto, sexto, oitavo e décimo posto na candidatura da Marea Atlántica, na que se inclúe tamén Daniel Díaz, da lista Onda Verde apoiada por Equo no noveno lugar, ou Antón Fernández de Rota, da lista afín a Podemos, partido que acada o seu primeiro candidato no 13º posto da listaxe.
A formación de Pablo Iglesias, que decidiu confluír na Marea Atlántica cun amplo apoio das súas bases, non logrou incluír ningún dos seus candidatos entre os dez primeiros. Sonia Sainz, cabeza da lista Ardentía, impulsada por Compromiso por Galicia, ocupará o 14º posto dunha candidatura que, incluíndo o aspirante á alcaldía e os catro nomes que se escollerán para os últimos postos "por consenso", terá máis da metade dos seus membros sen adscrición partidaria.
Dos 22 elixidos, dez pertencen a Cidadanía en Común, sete á lista impulsada por AGE, un a EQUO e CxG e tres a Podemos
Foi un proceso cunha importante participación, unhas primarias ás que estaban chamadas uns 2.000 asinantes do manifesto que tiñan dereito a voto e na que acabaron participando máis de 700, -707 concretamente- no que foi "a maior participación interna de todas os que se realizaron na Coruña para estas eleccións", tal e como destacou o candidato á alcaldía pola Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, que foi ratificado con máis do 84% dos votos a favor nas votacións.
Ferreiro cualificou de “excelente” a lista, que ve “preparada para gobernar A Coruña desde o 25 de maio”. “Formamos unha candidatura forte, plural e rexeneradora, con persoas que suman moitos anos na política, ben nos movementos sociais, ben en distintas formacións”, asegurou, tras advertir que o grupo "traballará xuntopara lograr que a Marea Atlántica obteña unha ampla maioría, de xeito que poida cumprir o obxectivo proposto de comezar a transformar a nosa cidade nos próximos catro anos”.
A iniciativa cidadá da Coruña, logo da candidatura da Marea de Pontevedra xa elixida hai varias semanas, é a segunda das mareas das grandes cidades que conforma a súa lista electoral. A próxima fin de semana quedarán conformadas outras, como a de Ourense en Común, que celebra as súas primarias o sábado 14 e o domingo 15 tras acadar tamén unha ampla confluencia electoral, semellante á da Marea Atlántica.
Ourense en Común decidirá a súa lista electoral o vindeiro fin de semana
Malia non alcanzar o quórum para a consulta cidadá, Podemos decidiu finalmente apoiar unha plataforma cidadá en Ourense na que moitos dos seus membros participaron desde un principio. Uniuse así a EU, Anova, CxG, Espazo Ecosocialista, Iniciativa por Ourense, Por Un Mundo Más Justo e Demos +, ademais de a Equo, cuxa asemblea local acordou tamén por unanimidade esta fin de semana o seu apoio á iniciativa cidadá.
Nese mesmo sábado 14 será cando a Marea de Vigo celebre as súas primarias, ás que finalmente non concorrerá Podemos, que decidiu non apoiar plataforma cidadá ningunha na cidade. Rubén Pérez, coordinador local de EU, será o candidato á alcaldía dunha iniciativa que conta co apoio principal de Esquerda Unida e Anova. Vigo en Común, pola súa banda, celebrará o seu proceso de primarias o próximo día 18 de marzo.
Nun comunicado, Somos Maioría -que pula pola creación de candidaturas unitarias en toda Galicia- lamenta "a incapacidade dos distintos protagonistas" das diferentes iniciativas" para entenderse e chegar a uns acordos mínimos". "Todos somos responsábeis desta desavinza entre as distintas plataformas e de facilitar a permanencia de Abel Caballero á fronte da actual Corporación", din.
Manuel Dios, candidato a ser concelleiro con Compostela Aberta
No caso de Santiago, Compostela Aberta celebrará as súas primarias -tanto a través da votación telemática como presencial- os días 20, 21 e 22 de marzo. Á espera da decisión que tome o líder de Anova e alcalde de Teo, Martiño Noriega, que media presentarse ás primarias, quen xa é candidato á lista é Manuel Dios, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz.
Manuel Dios é o primeiro aspirante a formar parte da candidatura de Compostela Aberta á espera do que decida Martiño Noriega
No escrito remitido á Comisión Electoral desta plataforma -que conta co apoio de Podemos, Anova, EU ou Espazo Ecosocialista-, Manuel Dios comprométese a pór toda a súa "experiencia e traballo" ao servizo da cidade e promete "deixar todos os cargos de representación política, profesional e social" que ostenta no caso de que fose elixido como candidato á alcaldía.
Por outra banda, e no caso da Marea Ártabra de Ferrol, as primarias celébranse o 20 de marzo, pero a iniciativa perdeu o apoio de Esquerda Unida e Anova, que agora buscan o acordo con Podemos para unha nova plataforma que poida confluír tamén con esta iniciativa que xa descartaron uns e outros como referente.
En Lugo, por outra banda, Lugonovo celebrará as súas primarias entre o 29 e 30 deste mes.